Novas

'Corazón da Artesanía' amosará ao público os oficios artesáns galegos a través de catro obradoiros dirixidos a adultos e nenos

28-6-2019

A iniciativa desenvólvese no marco do VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que entre o 5 e o 7 de xullo contará cun total de 66 artesáns de 27 oficios diferentes e 47 expositores de produtos de alimentación O encontro ofrece dous cursos de formación especializada para artesáns e outros profesionais así como talleres de oficios artesanais gratuítos e abertos a todos os públicos

O programa do Corazón da Artesanía. VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia acollerá entre o 5 e o 7 de xullo obradoiros gratuítos dirixidos a adultos e nenos que queiran coñecer de primeira man algún dos catro oficios artesáns que se ofertan. Así mesmo, ofreceranse dous talleres de formación especializada dirixidos a profesionais artesáns.

O Corazón da Artesanía convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades.

Ademais de percorrer os postos de exposición e venda, cun total de 66 artesáns de 27 oficios diferentes e 47 expositores de produtos de alimentación, durante os tres días que dura o evento os visitantes poderán ver demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os públicos que están programados en horario de 11,30 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 21,30 horas.

Obradoiros e talleres profesionais

Nesta ocasión impartirase un obradoiro de manipulado de papel, impartido por Mimadriña (Fisterra), no que os asistentes elaborarán con papel formas e obxectos con técnicas de papiroflexia, que decorarán con acuarelas. Pola súa banda, os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) dirixirán un obradoiro de creación de cianotipias, un procedemento fotográfico no que empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz se expón ao sol usando negativos fotográficos e obxectos para obter una imaxe en azuis.

Ofrecerase tamén un curso de iniciación ao torno cerámico, da man de Susana González (A Coruña), Antón Román (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo), no que os asistentes elaborarán pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega. O obradoiro de pintura sobre tecido correrá a cargo de Como Pez en el Agua (Santiago de Compostela), e nel os participantes decorarán camisetas personalizadas con pintura especial para tea.

Así mesmo, no marco do VIII Corazón da Artesanía, a Fundación Artesanía de Galicia impulsa dous cursos de formación especializada para artesáns. Complementos zero waste, impartido por Aroa Veiga (Gondomar), está dirixido a profesionais da artesanía téxtil. Neste taller os participantes coñecerán a técnica de zero waste coa que na confección dunha prenda de moda se aproveita o 100% da superficie da tea. Neste curso aínda quedan prazas libres e os interesados deberanse inscribir previamente na web da Fundación Artesanía de Galicia.

Os asistentes ao curso Cestería de alla con silveira e xesta con vimbio, a cargo de Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), traballarán na evolución da técnica de cosedura en espiral, empregando a silveira para coser e a palla de centeo para o corpo de recheo do cesto, nun dos casos, e noutro empregarase xesta e vimbio. A raíz da súa participación na última edición de Corazón da Artesanía, Álvaro M. Leiro foi seleccionado por Loewe para incluír produtos seus na colección 2019.

Durante tres días, o Corazón da Artesanía, que o ano pasado atraeu a máis de 8.000 persoas, contará coa participación de 66 profesionais de Artesanía de Galicia de 27 oficios diferentes, ademais de actuacións musicais e demostracións gastronómicas, xunto cos obradoiros e cursos profesionais.