Novas

Economía e Industria presenta o calendario de formación especializada para artesáns do primeiro cuadrimestre de 2011

7-2-2011

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellería de Economía e Industria, organiza seis cursos de formación especializada para artesáns que se desenvolverán en diferentes localidades galegas durante este primeiro cuadrimestre do ano 2011. O calendario deseñado afondará en diversas técnicas relacionadas co téxtil, coa madeira, co encaixe, co gravado ou coa xoiería. Os interesados en participar deberanse inscribir na web www.artesaniadegalicia.org.

O calendario de actividades que se presenta foi elaborado a partir das propostas que os obradoiros e mais as asociacións profesionais de artesáns lle fixeron chegar á Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño durante o último trimestre de 2010. Deste xeito, conséguese preparar unha oferta heteroxénea e acorde coas necesidades reais e coas demandas de especialización dos profesionais do sector. Así mesmo, para no deseño da programación do ano 2011 a Consellería de Economía e Industria continuará coa liña de formación transversal iniciada o pasado ano e ten previsto realizar diferentes actividades baseadas na aplicación da innovación a todos os aspectos do proceso de artesanía, dende a creación do produto ata a súa comercialización, pasando por cuestións como a xestión dos obradoiros ou a promoción das pezas.

As actividades do ano 2011 comezan o vindeiro 21 de febreiro en Gondomar, co curso “Técnicas de sombreirería”, de 50 horas, que impartirá a artesá pontevedresa Viviana Araújo, finalista da última edición dos Premios Nacionais de Artesanía, na categoría Produto grazas a unha colección de turbantes. O curso impartirase no Centro de Desenvolvemento Local ata o 26 de febreiro, en horario de 09:45 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

No tocante ao téxtil, a Fundación organiza en Ourense os cursos “Perfeccionamento do encaixe moderno”, que impartirá a artesá Marisa Hermida, do 4 ao 6 de marzo e do 8 ao 10 de abril, e mais “Macramé de Cavándoli. Perfeccionamento”, que correrá a cargo de Ana Castro e se celebrará do 18 ao 20 de marzo e do 1 ao 3 de abril.

En Santiago de Compostela celebrarase, do 14 ao 18 de marzo, o curso “Deseño de xoias en 3D: Rhinogold”, de 32 horas de duración, que impartirá Chesco Díaz. Do 11 ao 13 e do 25 ao 27 de marzo, terá lugar o curso “Torneado de madeira” (40 horas) en Vilamateo, no propio obradoiro do docente, Xavier Martín. Nas mesmas datas, o artesán Xavier de Sousa impartirá en Vigo o curso “Perfeccionamento do gravado e técnicas de estampación”, de 40 horas de duración.

A formación é unha das liñas estratéxicas de actuación que está a desenvolver a Consellería de Economía e Industria en materia de artesanía, e a través da súa Dirección Xeral de Comercio, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do sector artesanal galego. Estas actividades de formación están dirixidas principalmente a artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia aínda que, en función da dispoñibilidade de prazas tamén, poden participar afeccionados e interesados en artesanía. Os interesados en participar nestes cursos de carácter gratuíto deberán inscribirse a través da páxina web www.artesaniadegalicia.org.