Novas

Economía e Industria recoñece o papel do asociacionismo como motor do desenvolvemento do sector artesán en Europa

24-1-2011

A Consellería de Economía e Industria continúa co seu impulso á introdución do produto artesán galego en diferentes mercados, a través da presenza da marca Artesanía de Galicia en feiras internacionais de recoñecido prestixio e mais do apoio a diferentes iniciativas de internacionalización e promoción da artesanía impulsadas dende o propio sector. É o caso da Carta Internacional da Artesanía, un acordo de promoción conxunta do sector artesán europeo que foi asinada o sábado en París polas principais asociacións de artesáns de España, Francia e Italia, nun acto que contou coa participación da directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, e da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro Castro.

A Carta Internacional da Artesanía foi asinada polos representantes de Oficio y Arte Organización de los Artesanos de España, de Ateliers d’Art de France, de Confartigianato e CNA, a Confederación Nacional de Artesanía e da Pequena e Mediana Empresa de Italia. No acto estiveron presentes tamén o secretario de Estado e ministro de Comercio e Artesanía de Francia, a conselleira comercial da Embaixada de España e o embaixador de Italia en Francia, entre outras autoridades.

A Consellería de Economía e Industria felicita as entidades participantes pola súa iniciativa de coordinar esforzos en favor da promoción conxunta da artesanía e recoñece a relevancia da profesionalización e do asociacionismo como motor do desenvolvemento do sector artesán en Europa.

Neste sentido, cómpre lembrar que os puntos principais incluídos na Carta Internacional de Artesanía como a internacionalización, a innovación, a formación ou a falta de relevo xeracional constitúen tamén as liñas básicas do traballo do goberno galego en materia de artesanía. Exemplo disto son as actividades de formación especializada para artesáns que se programan cada ano dende a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e que, dende o ano 2010 inclúen unha nova liña de formación transversal baseada na aplicación da innovación a todos os aspectos da artesanía, dende a elaboración das pezas ata a súa promoción e venda.

A Consellería de Economía e Industria está a apostar pola marca Artesanía de Galicia e polo impulso á comercialización a través do apoio a diferentes feiras de venda directa e á participación institucional en encontros internacionais, como é o caso de Maison & Objet, unha das feiras profesionais máis relevantes de Europa, que se celebra en París do 21 ao 25 de xaneiro e no que a Consellería participa por terceiro ano consecutivo, nesta ocasión a través de 11 obradoiros artesáns no pavillón especializado en artesanía.

O escaparate do produto artesán galego que se ofrece en Maison & Objet estará representado polos obradoiros Cestería Contemporánea (Outeiro de Rei), Regal Cerámica Artesán (Viveiro) e Cerámica F. Porto (A Estrada); os talleres Cabuxa (Tui) e Santín (Cambre) especializados no traballo artesanal do coiro; os complementos de La Böcöque (Moaña) ou o obradoiro Belategui Regueiro (Cambre) especializado no téxtil. A xoiería estará representada polos talleres Silvereira (Teo) e Maysil (A Estrada), así como polas propostas de Rosa Méndez (Teo), que elabora xoias en vidro, e a xoiería cerámica de Marta Armada (Vigo).