Novas

Máis de 10.000 persoas visitaron en Madrid o Pop Up de artesanía e gastronomía galega 'Saberes e sabores'

6-6-2018

Entre o 25 de maio e o 3 de xuño recibíronse máis de 50 visitas de negocio e de prescritores que terán repercusión económica a curto e medio prazo. A Xunta organizou por segunda vez este evento no que se venderon os produtos de 50 profesionais do sector artesán galego e 16 expositores de produtos gourmet. Talleres de oficios artesanais, showcookings de reputados cociñeiros galegos, degustacións e presentacións de produtos reuniron a 450 persoas. Máis dunha trintena de medios de comunicación de ámbito estatal e especializado fixéronse eco da iniciativa.

O “Pop Up Galicia. Saberes e Sabores”, que se celebrou no Palacio de Santa Bárbara de Madrid entre o 25 de maio e o 3 de xuño, pechou as súas portas cun balance económico positivo tanto para Artesanía de Galicia como para os produtos gourmet galegos. Durante os dez días que durou o evento, organizado pola Xunta, recibíronse máis de 10.000 persoas interesadas nas pezas dos máis de 50 profesionais da Artesanía de Galicia expostos, así como nos 16 expositores de produtos gourmet galegos e nos 12 do sector artesán, así como nas diferentes actividades incluídas no programa.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Artesanía de Galicia e en colaboración con Galicia Calidade, organizou por segunda vez o evento no que se presentou unha selección da mellor gastronomía galega e de Artesanía de Galicia, co obxectivo de facer sentir Galicia en Madrid durante uns días. En toda a programación destacou a aposta por amosar os oficios artesanais e a súa incorporación á presentación de produtos gourmet e da alta cociña galega, a través de catas, presentacións e showcookings. Os cociñeiros de grupo Nove Lucía Freitas, Iñaki Bretal e Juan Crujeiras, así coma o chef Jorge Gago, presentaron os seus pratos en pezas de cerámica e olería, madeira, acompañados por pezas de téxtil, coitelos artesanais, cestas tradicionais e cestos en corda de algodón. En total, un total de 450 persoas participaron nas actividades propostas no programa.

O “Pop Up Galicia. Saberes e Sabores” terá unha importante repercusión a curto e medio prazo tanto para o sector artesán galego como para os produtos gourmet, debido en grande medida ás máis de 50 visitas de negocio e de prescritores que se recibiron no Palacio de Santa Bárbara durante os dez días que durou o evento. Ademais, ao longo destas xornadas, máis dunha trintena de medios de comunicación de ámbito estatal e especializado fixéronse eco da iniciativa.