Novas

O debate sobre os usos da pedra centra o Campus dos Oficios no encontro Corazón da Artesanía

7-7-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, inaugurou esta mañá a segunda edición desta iniciativa, na que participan arquitectos, canteiros e responsables de empresas. A xornada celébrase no marco da sétima edición do Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, na que os produtos artesáns volven compartir espazo coa gastronomía a través da iniciativa Artesanía no Prato, que acolle mañá os showcookings de Javier Rodríguez Ponte “Taky”. A música complementará a programación do Encontro a través das actuacións de Sumrrá esta noite e os grupos De vacas e Xacarandaina mañá domingo.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, inaugurou esta mañá a segunda edición do Campus dos Oficios, no marco do Corazón da Artesanía. VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se está a celebrar esta fin de semana nos Pendellos de Agolada. Tras o éxito da primeira edición celebrada o ano pasado, a Fundación Artesanía de Galicia organiza de novo a xornada que este ano leva por título A materialidade da pedra. Da artesanía á industria, camiños de ida e volta, que está a ter lugar no Auditorio Manuel Costa Casares de Agolada.

O Campus dos Oficios consiste nunha xornada de debate e reflexión que este ano está dedicada á pedra en Galicia, na que participan empresas de raíz artesanal, industrias de transformación de materiais, o Clúster do Granito, arquitectos e técnicos que achegan a perspectiva do territorio do que nace a materia prima protagonista.

Na xornada participan o arquitecto e coordinador do evento Luis Gil Pita, o convidado desta segunda edición Alfonso Salgado, de SalgadoeLiñares ArquitectosEnxeñeiros (Ames), o canteiro David Soengas (Antas de Ulla), o arquitecto redactor do Plan Director da Catedral de Santiago de Compostela, Francisco Javier Alonso de la Peña (Santiago de Compostela), o escultor Manolo Paz (Cambados), o xerente do Clúster do Granito José Ángel Lorenzo (O Porriño), o catedrático emérito da Universidade da Coruña e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní (A Coruña), así como Guillermo Rodríguez, da empresa Renovatio (Vigo), Javier Oujo de Sograni (Porto do Son) e Octavio Vázquez, de PCM Granitos Moldurados (Lugo).

A sétima edición do Corazón da Artesanía remata mañá despois dunha fin de semana ateigada de actividades relacionadas cos oficios tradicionais do sector artesán galego. Un total de 52 artesáns de 26 oficios diferentes, así como 49 expositores de produtos gourmet están a participar no Encontro que comezou o venres no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada.

O cociñeiro Héctor López, do Restaurante España (Lugo), ofrecerá dous showcookings hoxe ás 13:30 e ás 15:00 horas, e a cociñeira María Varela, do restaurante A Parada das Bestas (Palas de Rei) ofrecerá un a partir das 20:30 horas, no marco da iniciativa Artesanía no Prato, que pon en relación a marca Artesanía de Galicia coa alta cociña galega. A programación do Corazón da Artesanía para hoxe sábado pecharase co concerto co trío de jazz compostelán Sumrrá, que terá lugar ás 22:30 horas na Praza do Concello.

Programa para mañá

A música e a gastronomía centrarán mañá as actividades do programa da última xornada. A partir das 13:00 horas, a Praza do Concello acollerá a Sesión Vermú Lodeiros, na que actuará o grupo compostelán De Vacas, e, a partir das 19:00 horas, terá lugar a do grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina (A Coruña) que pechará a programación musical desta sétima edición do Corazón da Artesanía.

A iniciativa Artesanía no Prato pecharase tamén mañá domingo co showcooking do cociñeiro do Grupo Nove Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña do Catering Boketé (A Coruña), que se realizará en dúas sesións ás 13:30 horas e ás 15:00 horas.

Na xornada de mañá continúan tamén nos Pendellos os cursos de formación especializada para artesáns e outros profesionais, así como as demostracións de oficios tradicionais e os talleres gratuítos abertos a todo tipo de público. Estes últimos talleres, programados en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas, céntranse na cestería, o manipulado de papel, a elaboración de calzado con materiais reciclados, a cerámica, o tecido, os tapices ou a pintura sobre tecido para nenos.