Novas

O encontro Corazón da Artesanía amosa ata o domingo en Agolada o pulo do sector e a súa relación coa gastronomía, a música e a moda

5-7-2019

·O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, inaugurou a oitava edición desta iniciativa, coa que a Xunta busca achegar os oficios tradicionais a toda a sociedade, amosando o traballo de 66 profesionais ·Ademais dos postos de exposición e venda de artesanía e produtos gastronómicos, o amplo programa inclúe demostracións e obradoiros abertos para todo tipo de públicos, showcookings e actuacións musicais ·Sinala que a Artesanía de Galicia está a medrar, incrementando desde 2012 nun 47% as empresas que venden os seus produtos con esta marca ·Apunta que Agolada é o gran escaparate no que se promove o posicionamento no mercado do sector, e así este ano visitan o encontro representantes de empresas como Loewe ou a madrileña La Real Fábrica

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, foi hoxe o encargado de inaugurar o VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía, que amosa ata o domingo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra) o pulo deste sector e a súa interrelación con outras disciplinas como a gastronomía, a música e a moda.

Na súa intervención, Conde sinalou que a través desta cita referente anual a Xunta busca ofrecer un concepto moi amplo do sector, achegándoo a toda a sociedade a través de demostracións e obradoiros para todo tipo de públicos. Tal e como apuntou na súa intervención, nesta edición pode verse o traballo de 66 artesáns e visitar 47 postos de produtos alimentarios de calidade. A isto súmanse os showcookings e degustacións de Artesanía no Prato, as actuacións musicais e os cursos de especialización, nun programa co que se busca “promocionar o sector artesán e contribuír ao seu posicionamento no mercado”, ao tempo que se fomentan sinerxías con outras disciplinas.

O conselleiro, que apuntou que o sector artesán “asenta as súas raíces na tradición cultural galega para proxectarse con ilusión cara o futuro”, sinalou que a Artesanía de Galicia está medrando, e así fixo fincapé en que desde o ano 2012, cando arrancou o Corazón da Artesanía, hai un 12% máis de profesionais inscritos no Rexistro xeral de Artesanía de Galicia, ata superar os 3.000. Ademais, hai un 47% máis de obradoiros rexistrados, sendo xa preto de 640 as empresas que venden os seus produtos coa marca Artesanía de Galicia.

Segundo subliñou Francisco Conde, isto é posible en boa medida grazas á incorporación de mozos e mozas ao sector, sumando novas competencias e disciplinas, visións e modelos de negocio. Neste sentido, sinalou que a Administración autonómica quere colaborar nesta liña, atraendo e prestixiando a artesanía galega e así, ata o vindeiro 16 de setembro, está aberta á presentación de solicitudes a segunda edición do programa para impulsar a formación de aprendices nos obradoiros artesáns, que na súa primeira convocatoria permitiu formar 48 bolseiros.

Conde lembrou que este programa se suma ás axudas para impulsar a innovación e a comercialización dos produtos, aspectos fundamentais para seguir potenciando os oficios tradicionais nos que tamén axudou a avanzar nos últimos anos o Encontro Corazón da Artesanía.

Así, fixo fincapé en que Agolada é o gran escaparate de difusión dos produtos que promove relacións do sector con empresas e tendas. Así, por exemplo, a raíz da edición anterior, Loewe incorporou na súa colección de 2019 pezas da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, e da cestería de Álvaro Leiro. Este ano visitan Agolada representantes tanto de Loewe como da tenda madrileña La Real Fábrica.

Programa para mañá

O programa de mañá sábado no Corazón da Artesanía iníciase co pasarúas do Grupo Bico da Balouta de Agolada de 11:30 a 13:00 horas. A continuación, o Dj Moreno Moreno será o encargado de amenizar a sesión Vermú Lodeiros das 13:00 horas. Moreno Moreno caracterízase por un estilo ecléctico que mestura desde a música pop ata a alternativa, ritmos latinos, electrónica e techno.

A iniciativa Artesanía no Prato continúa a través dos showcookings do cociñeiro galego do Grupo Nove Héctor López (dous Soles Repsol), do Restaurante España (Lugo), que terá lugar en dúas sesións ás 13:30 e ás 15:00 horas. Pola súa banda, Alén Tarrío, do Pampín Bar (Santiago de Compostela), ofrecerá a súa demostración a partir das 20:30 horas.

Xa pola noite, os visitantes poderán continuar a xornada lúdica coa actuación de Fanfarria Taquikardia, ás 22:30 horas na Praza do Concello. O repertorio deste grupo vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, achegándolle sempre o espírito necesario para o baile e a festa. A banda está integrada por instrumentos de vento-metal e percusións varias.

Ademais de percorrer os postos de exposición e venda, os visitantes poderán asistir a demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros gratuítos abertos para todos os públicos, que están programados en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas. Nesta ocasión impartirase para adultos e nenos un obradoiro de manipulado de papel, impartido por Mimadriña (Fisterra); outro de creación de cianotipias, a cargo de María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo); un curso de iniciación ao torno cerámico, da man de Susana González (A Coruña), Antón Romar (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo); e un obradoiro de pintura sobre tecido, impartido por Como Pez en el Agua (Santiago de Compostela).