Novas

O encontro Corazón da Artesanía inicia a conta atrás para converter os pendellos de Agolada no epicentro do sector

31-5-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, avanzou hoxe o programa da feira que se celebrará do 7 ao 9 de xullo neste conxunto histórico-artístico. Oficios tradicionais, gastronomía e música irán de novo da man nunha cita xa consolidada que afronta a súa sexta edición co reto de superar os máis de 8.000 visitantes do ano pasado. Entre as novidades destaca o ‘Campus dos oficios’, que terá ao sector da madeira como fío condutor.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, avanzaron hoxe nunha visita aos Pendellos de Agolada o programa do VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, que se celebrará do 7 ao 9 de xullo volvendo converter este conxunto histórico-artístico no epicentro do sector.

Oficios tradicionais, gastronomía e música irán de novo da man nunha cita xa consolidada que, tal e como sinalou Vázquez Abeal, afronta a súa sexta edición co reto de superar os máis de 8.000 visitantes do ano pasado. Para iso, tal e como apuntou, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a ultimar os detalles dun programa no que estarán presentes oficios como o téxtil, a cestería, os instrumentos musicais, a xoiaría e a ourivaría, a cerámica, a zapatería, a marroquinería, a elaboración de zocos, a tellería, a encadernación, o gravado, a forxa, figuras de pan, a elaboración de redes e complementos, o manipulado de papel, a fotografía, a olería ou a tornería de madeira.

A sexta edición do Corazón da Artesanía é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. O amplo programa de actividades da feira inclúe como novidade a primeira edición do Campus dos Oficios. Este programa, que terá ao sector da madeira como fío condutor, inclúe conferencias e mesas de debate cos axentes máis representativos da artesanía, a industria e a xestión do sector madeireiro.

Na visita, na que tamén participaron o alcalde de Agolada, Ramiro Varela, ademais dos artesáns Hussein Aali-Taleb, O Cunqueiro de Palas (Palas de Rei); Aurora Gómez, de Corzo Artesanía (Arzúa); e Chicha Ferro, de Eferro, que participarán no encontro, a directora xeral de Comercio e Consumo apuntou que esta edición tamén contará cunha ampla oferta gastronómica. Ademais das empresas alimentarias que ofrecerán exposición e venda dos seus produtos, a organización da feira habitará unha carpa próxima aos Pendellos onde se ofrecerá un servizo de comida para os visitantes e instalaranse foodtrucks na praza do Concello.

Un ano máis desenvolverase a iniciativa “Artesanía no prato”, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas propostas da cociña galega. Cociñeiros de recoñecido prestixio serán os encargados de elaborar menús degustación con produtos galegos de calidade, que se presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia.

Como ven sendo habitual organizaranse cursos de formación especializada para artesáns e público interesado no eido da cestería, a ourivaría, a fotografía, a marroquinería, a sombreirería, o téxtil e os instrumentos musicais, ademais dun taller de debuxo na rúa dirixido polo artista valenciano Alfredo Ugarte “Urumo”. Para pechar cada unha das tres xornadas da feira, a organización está a traballar para ofertar unha variada programación musical que complementará o encontro.

Como xa ocorrera o ano pasado, porase á disposición dos visitantes unha zona de acampada gratuíta, así como un servizo de autobuses de balde que unirán Agolada con Lalín e Melide.