Novas

O Encontro Internacional de Torneiros da Madeira converterá Xermade nun espazo de formación e exhibición de referencia

8-9-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou na presentación do XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira. O encontro, organizado polo Concello de Xermade coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, permite poñer en valor o oficio do torneado en madeira.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participan hoxe na presentación do XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, que converterá, do 22 ao 24 de setembro, esta localidade lucense nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego.

A iniciativa, organizada polo Concello de Xermade e que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, permite poñer en valor o oficio do torneado de madeira. Esta edición acollerá cursos especializados a cargo de profesionais de prestixio internacional, como a británica Margaret Garrard, o suízo Jérôme Blanc e os galegos Adrián Pena e Manuel Castro.

O programa de actividades do encontro, que se celebra no polideportivo municipal e na biblioteca pública, complétase con distintas demostracións e a exposición itinerante de madeira torneada CONtornos. Ademais, durante os tres días, os visitantes poderán ver unha mostra de pezas torneadas achegadas polos participantes. Tamén haberá exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. O programa completo pódese consultar na páxina web do evento www.encontrodetorneiros.org