Novas

O Espazo Pop Up Galicia, saberes e sabores pecha as súas portas con máis de 2.000 visitas nos expositores de artesanía e gastronomía

27-11-2017

A iniciativa serviu aos profesionais para estreitar lazos comerciais, incrementar as súas vendas e darse a coñecer entre un público heteroxéneo.

O espazo Pop Up Galicia, Saberes e Sabores pechou as súas portas onte rexistrando máis de 2.000 visitas que se deron cita neste evento que estivo en Madrid nos últimos 12 días, achegando a tradición e a vangarda da artesanía galega a través dunha selección de pezas, showcookings a cargo de cociñeros consolidados con representantes da nova cociña galega, exposicións e venda de produtos de alimentación de calidade, e obradoiros abertos a todo o público.

A iniciativa serviu aos profesionais para estreitar lazos comerciais, fortalecer as súas redes, incrementar as súas vendas e darse a coñecer entre un público heteroxéneo. Así, no espazo déronse cita unha completa selección dos diversos oficios que conviven no sector artesanal de Galicia con pezas de xoiería, marroquinería, olería tradicional, cerámica, cestería, téxtil, papel, madeira, coitelería, encaixe e complementos de moda.

Paula Ojea, ceramista de Vigo, destacou a gran afluencia que houbo, sobre todo, durante a fin de semana. “A xente mostrou moito interese e tivemos unha resposta moi positiva, non só desde o punto de vista económico, senón para dar a coñecer o noso traballo”, explicou. En palabras de Ojea, a experiencia foi “moi boa” e espera que se poidan repetir novas edicións e que se expandan a outras épocas do ano.

Pola súa banda, Marta Álvarez, que forma parte da cooperativa Muulloa, de cosmética natural, sinalou que “o emprazamento elixido foi perfecto e tamén a presentación da feira, porque non só é importante a calidade do produto, senón como saber vendelo e onde. A imaxe da feira dignificou o produto”, explicou. Apuntou tamén os bos resultados nas vendas e puxo en valor o feito de darse a coñecer. De feito, comentou que para a próxima semana manterá entrevistas con diversas tendas que se mostraron interesadas nos seus produtos.

O propietario de Adegas Castrobrey, de Vila de Cruces, Ramón Blanco, puxo tamén en valor a ubicación elixida para o evento, o Palacio de Santa Bárbara, e que Madrid fora a cidade seleccionada para celebralo. Así mesmo, salientou a boa combinación da artesanía coa gastronomía, xa que, en palabras de Blanco, creou “sinerxias moi interesantes”.

A artesanía é un sector en auxe composto na actualidade por máis de 2.900 profesionais, 60 tendas adheridas e 550 obradoiros, presentes en diferentes países dos 5 continentes como Reino Unido, Suecia, Francia, Australia, Xapón e Estados Unidos. A Xunta colabora con esta expansión impulsando a marca Artesanía de Galicia e a todo o sector en xeral con iniciativas como o Espazo Pop Up.