Novas

O pop up ‘Saberes e Sabores’ achega a tradición e a vangarda da artesanía de Galicia ao centro de Madrid

15-11-2017

O Palacio de Santa Bárbara acolle ata o 26 de novembro este evento efémero no que se presentará unha selección de pezas de máis de 50 artesáns e que contará tamén con degustacións e obradoiros participativos abertos a todo o público. Os visitantes poderán coñecer a creadores como a cesteira contemporánea Idoia Cuesta ou as redeiras implicadas no proxecto ‘Enredadas’, recoñecidas en ambos casos co Premio Nacional de Artesanía. Haberá showcookings de cociñeiros como o ‘Estrela Michelin’ Pepe Solla e representantes da nova cociña galega como Lucía Freitas e Iago Pazos.

O pop up Galicia. Saberes e Sabores achegará a tradición e a vangarda que van da man na Artesanía de Galicia ao centro de Madrid desde hoxe e ata o 26 de novembro. O Palacio de Santa Bárbara (Hortaleza, 87), acolle este evento efémero que foi inaugurado esta tarde e no que, ademais dunha tenda cunha selección de pezas de máis de 50 artesáns de toda Galicia, haberá espazo para exposición e venda de produtos alimentarios de calidade, degustacións, presentacións e obradoiros participativos abertos a todo o público.

Esta iniciativa, organizada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Artesanía de Galicia, ofrecerá unha completa escolma dos diversos oficios que conviven no sector artesanal galego, e así contará con pezas de xoiería, marroquinería, olería tradicional, cerámica, cestería, téxtil, papel, madeira, coitelería, encaixe e complementos de moda.

No evento, que abrirá as súas portas de luns a xoves de12:30 a 21:30 horas, os venres e sábados de 12:00 a 23:00 horas e os domingos de 12:00 a 21:30 horas, o público terá unha oportunidade única de coñecer algún dos creadores, que estarán presentes no evento. Así, contará cun espazo propio a cesteira Idoia Cuesta, residente en Outeiro de Rei, gañadora nos Premios Nacionais de Artesanía 2014 coa súa colección Pandeira na categoría de Premio Produto.

Tamén visitarán o Palacio de Santa Bárbara as profesionais da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (A Coruña), implicadas no proxecto Enredadas de posta en valor deste oficio artesán, que gañou o Premio Nacional de Artesanía 2016 na categoría de Promociona para Entidades Públicas.

Maysil, obradoiro da Estrada (Pontevedra) presentará as súas diferentes coleccións de xoiería artesanal, que abarcan desde os modelos máis tradicionais ata os máis transgresores xogando a repensar o uso dos materiais. Contarán tamén cun expositor María Feijóo (Santiago de Compostela), que traballa a seda pintada convertendo o material en lenzo para adaptalo a variados complementos de moda e decoración; e Pilar Rodal (Vigo), con xoias orgánicas inspiradas na natureza e baseadas na exploración da fusión da prata con outros materiais.

O programa do evento acolle obradoiros de artesanía como o dirixido pola artesá Palmira Castro do obradoiro Mimadriña (Fisterra, A Coruña), que traballará a técnica do Origami elaborando unha postal mariñeira. Pola súa banda, a cesteira contemporánea Idoia Cuesta dirixirá un obradoiro de decoración de Nadal con fibras vexetais, mentres que as redeiras estarán representadas por Rosa Rodríguez da Asociación de Redeiras Illa de Corme que tamén impartirá un obradoiro de nós mariñeiros.

Pola súa banda, os produtos de alimentación estarán representados por Eidos de Iria&Adolfo. Olivares do Norte, Adegas Castrobrey, as cooperativas Terras da Mariña e Campocapela, Orballo Innovaciones Forestales, Las Cañitas de la Abuela, Obrador de Lamprea, Conservas y Ahumados Lou S.L, A la cena galega e El Capricho de Esther y Cecilia, Sovoral Apicultura Orgánica e Muuhlloa Cosmética Gallega.

Ademais, haberá showcookings a cargo de cociñeiros como o ‘Estrela Michelin’ Pepe Solla e representantes da nova cociña galega como Lucía Freitas, do restaurante A Tafona, e Iago Pazos, de Barra Atlántica e Abastos 2.0. Por outra banda, os visitantes, que poderán participar en diferentes obradoiros de cociña, poderán visitar, cada día ata as 23 horas, a taberna Pulpopup, na que se servirá comida tradicional galega. O programa completo pode consultarse en artesaniadegalicia.xunta.gal.

Artesanía de Galicia

A marca Artesanía de Galicia representa aos profesionais que conforman o sector artesanal galego. O distintivo avala produtos de alta calidade, coidadosamente deseñados e que contan unha historia fascinante: as raíces da cultura galega combinadas co deseño contemporáneo, a personalidade dos creadores e a mestría das súas mans. A artesanía constitúe unha excelente opción para a decoración de interiores, como unha forma de destacar o propio ambiente, non só en canto á estética senón outorgándolle personalidade, un toque de exclusividade e autenticidade.