Novas

O Pop Up “Saberes e Sabores” permite en Madrid achegarse á Artesanía de Galicia con demostracións e obradoiros de oficios

27-5-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe o evento no que se promociona o mellor da artesanía e a gastronomía galegas e que se celebra ata o 3 de xuño no Palacio de Santa Bárbara. Na iniciativa participan pezas de máis de 50 profesionais pertencentes á marca Artesanía de Galicia e 16 expositores de produtos gourmet. A programación de hoxe inclúe demostracións de elaboración de redes mariñeiras e dous talleres abertos para familias dedicados ao tecido artesanal e ao torneado cerámico, así como unha degustación de produtos e un taller de elaboración de panes galegos.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, xunto coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe o Pop Up Galicia. Saberes e Sabores, que se celebra no Palacio de Santa Bárbara ata o vindeiro 3 de xuño. Despois da boa acollida da primeira edición, celebrada no mes de novembro do ano pasado, o evento regresa a Madrid para amosar a mellor artesanía e a gastronomía galega.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Artesanía de Galicia e en colaboración con Galicia Calidade, organiza este evento no que se presenta unha selección de pezas de máis de 50 profesionais pertencentes á marca Artesanía de Galicia, así como unha representación de produtos gourmet de 16 empresas de alimentación. Ademais, haberá degustacións, catas, presentacións de produtos, showcookings de recoñecidos cociñeiros galegos e a Terraza Galicia, que conta cun menú de especialidades galegas. No evento teñen especial protagonismo os oficios artesanais galegos a través dunha programación de demostracións e talleres abertos nos que pode participar público de todas as idades.

Hoxe domingo, e en horario de mañá e de tarde, haberá demostracións de elaboración de redes mariñeiras a cargo da artesá Rosa Rodríguez, da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso), así como dous talleres gratuítos e abertos que estarán centrados no tecido artesanal, dirixido polos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo), e de torneado cerámico, impartido polo ceramista Carlos San Claudio (Vigo). Ata o domingo 3 de xuño está previsto realizar tamén un taller de creación dunha guirnalda decorativa de papel, impartido polo obradoiro artesán Anaquiños de Papel (A Coruña), así como demostracións de elaboración de pandeiretas, a cargo do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), quen se encargará tamén de dirixir un taller de elaboración de pandeiretas, que terá un custo de 30 euros.

A programación de hoxe complétase coa degustación da liña ecolóxica e porco celta a cargo da empresa certificada por Galicia Calidade Jamones González (O Corgo), que participa como expositor no evento, e cun taller de elaboración de pans galegos impartido polo panadeiro Eladio Pazos, de Panadería Divina (Santiago de Compostela) e a cociñeira galega do Grupo Nove Lucía Freitas, do Restaurante A Tafona (Santiago de Compostela). Para participar no taller é preciso realizar unha inscrición previa e ten un custo de 50 euros.

A tenda Pop Up Galicia, Saberes e Sabores estará aberta de luns a xoves en horario ininterrompido de 12:30 a 21:30 horas, os venres e sábados de 12:00 a 23:00 horas e os domingos de 12:00 a 21:30 horas. A Terraza Galicia estará aberta todos os días que dure o evento de 12:00 a 23:00 horas.