Novas

O XIX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira converte Xermade no centro da tornería europea esta fin de semana

20-9-2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na inauguración deste evento que permite poñer en valor este oficio tradicional. Esta edición do Encontro acolle demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional como os franceses Alain Mailland e Bernard Azema, o valenciano Quique Prades e o galego Manuel “Lolo” Castro.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, participou esta mañá na inauguración do XIX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebra en Xermade entre hoxe e o domingo. Esta iniciativa, organizada polo Concello de Xermade coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, permitirá poñer en valor o oficio do torneado de madeira así como contribuír ao intercambio de experiencias e ao desenvolvemento do sector grazas á participación de torneiros de recoñecido prestixio.

Durante toda a fin de semana, Xermade converterase no centro do torneado artesanal da madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón do resto de España e de Europa. Esta nova edición ofreceralle aos profesionais e afeccionados do oficio un espazo no que poder expoñer, contrastar, aprender e interrelacionarse.

Como vén sendo habitual, o polideportivo municipal de Xermade acollerá demostracións especializadas a cargo de profesionais de prestixio internacional, como os franceses Alain Mailland e Bernard Azema, o valenciano Quique Prades ou o mestre galego, gañador do Premio Traxectoria de Artesanía de Galicia 2018, Manuel “Lolo” Castro.

Exposición itinerante

O programa de actividades do encontro complétase con distintas exposicións como a XII Exposición Itinerante de Madeira Torneada CONtornos e outra en recordatorio de dúas persoas fundamentais no éxito deste encontro: Fernando Vérez -promotor, impulsor e coordinador do encontro- e Miguel López -colaborador habitual e divulgador referente no eido da tornería en España-. Ademais, durante os tres días, os visitantes poderán ver unha mostra de pezas torneadas achegadas polos participantes, así como un espazo de venda de maquinaria, ferramentas e publicacións relacionadas co oficio. O XIX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira celébrase no polideportivo municipal de Xermade en horario de 10:30 a 19:30h o venres e o sábado, e de 10:30 a 14:00 h, o domingo.