Novas

O XIX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira converterá Xermade no centro da tornería europea

6-8-2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron hoxe na presentación deste evento que se celebrará do 20 ao 22 de setembro. O encontro, organizado polo Concello de Xermade, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, permite poñer en valor o oficio do torneado en madeira.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participaron hoxe na presentación do XIX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, que converterá, do 20 ao 22 de setembro, esta localidade lucense nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego.

A iniciativa, organizada polo Concello de Xermade e que conta coa colaboración principal da Consellería de Economía, Emprego e Industria permite poñer en valor o oficio do torneado de madeira. Esta nova edición ofrecerá un escaparate aos profesionais e afeccionados a este oficio, onde poidan expoñer, contrastar, aprender e interrelacionarse. Como ven sendo habitual, o polideportivo municipal de Xermade acollerá demostracións especializadas a cargo de profesionais de prestixio internacional, como os franceses Alain Mailland e Bernard Azema, o valenciano Quique Prades e o mestre galego, gañador do Premio Traxectoria de Artesanía de Galicia 2018, Manuel Lolo Castro.

O programa de actividades do encontro complétase con distintas exposicións como a XII Exposición Itinerante de Madeira Torneada-CONtornos e outra máis especial, en recordatorio de dúas persoas fundamentais no éxito deste encontro, Fernando Vérez, promotor, impulsor e coordinador do encontro e Miguel López, colaborador habitual e divulgador referente no eido da tornería en España. Ademais, durante os tres días, os visitantes poderán ver unha mostra de pezas torneadas achegadas polos participantes. Tamén haberá exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións.

O programa completo pódese consultar na páxina web do evento www.encontrodetorneiros.org.