Novas

O xurado dos premios Aretasanía de Galicia reúnese para ditaminar os gañadores da edición do ano 2019

 

13-11-2019

O obxectivo desta iniciativa impulsada pola Xunta é recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír á promoción e posta en valor do sector.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2019. Os Premios Artesanía de Galicia, organizados pola Xunta de Galicia, buscan un ano máis estimular o traballo de creación dos artesáns galegos e sensibilizar á sociedade sobre a súa importancia como motor económico e cultural de Galicia. Con esta finalidade reúnese o xurado esta tarde na Consellería de Economía, Emprego e Industria para resolver os gañadores das tres categorías establecidas nas bases reguladoras dos mesmos.

Nos Premios Artesanía de Galicia 2019 establecéronse as seguintes modalidades:

Premio Artesanía de Galicia 2019, cunha dotación de 9.000€, premia á obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.

Premio Traxectoria 2019, sen dotación económica e trofeo acreditativo, valora a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

Premio Bolsa Eloy Gesto 2019, esta bolsa de formación de 4.000 €, ten a finalidade de potenciar o relevo xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premia a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorar o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador.

O xurado que hoxe se reúne está integrado polos seguintes membros:

Presidenta

Dna. Sol María Vázquez 

Directora Xeral de Comercio e Consumo. Consellería de Economía, Emprego e Industria

Secretaria (con voz pero sen voto)

Dna. Elena Fabeiro

Xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia

Vogais

Dna. Marta López 

Subdirectora Xeral de Comercio e Consumo. Consellería de Economía, Emprego e Industria

Dna. Ana Tenorio

Witchneeds- Gañadora do Premio Artesanía de Galica 2018

Dna. Verónica Santos

Comisaria e coordinadora de exposicións da Fundación Cidade da Cultura de Galicia

D. Santiago Riande

Director da Escola de Artes e Superior de Deseño Mestre Mateo

A resolución dos premios farase pública na entrega dos premios nun acto público, que se celebrará o 16 de decembro no San Francisco Hotel Monumento en Santiago de Compostela.