Novas

O xurado dos Premios Artesanía de Galicia reúnese para ditaminar os gañadores de 2018

 

29-11-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo presidiu o xurado que se reuniu onte na sede da Fundación Artesanía de Galicia e que fará pública a súa resolución na entrega de premios que se celebrará o día 17 de decembro na Cidade da Cultura. As categorías dos galardóns son o Premio Artesanía de Galicia, dotado con 6.000 euros; o Premio Traxectoria, de carácter honorífico; e a Bolsa Eloy Gesto, que promove a formación especializada dos máis mozos nun centro de prestixio.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presidiu o xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2018, organizado pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos artesáns galegos, ademais de impulsar o relevo xeracional no sector. O xurado reuniuse onte pola tarde na sede da Fundación Artesanía de Galicia para ditaminar os gañadores da edición deste ano, que se darán a coñecer na entrega de premios que se celebrará o día 17 de decembro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O xurado completárono como vogais María Pereira, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura; María García-Alén, comisaria de exposicións e deseñadora de proxectos; María Solar, escritora, xornalista e coordinadora de Cultura da CRTVG; Rodrigo Riveiro, do obradoiro Ferraxe de Prata (Teo), gañador do Premio Artesanía de Galicia 2017; e Santiago Riande, director da EASD Mestre Mateo. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.

Os galardóns contan con tres categorías: Premio Artesanía de Galicia 2018, dotado con 6.000 euros; Premio Traxectoria, de carácter honorífico; e Bolsa Eloy Gesto, dotada con 4.000 euros para investir en formación especializada nun centro de prestixio.

Este certame contribúe a poñer en valor o sector artesanal galego; así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade, potenciar a creatividade, promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada, impulsar o relevo xeracional así como apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

O Premio Artesanía de Galicia está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra.

O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos.

A través da Bolsa Eloy Gesto a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño.