Novas

O xurado dos premios Artesanía de Galicia reúnese para ditaminar os gañadores de 2017

5-12-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, presidiu o xurado que se reuniu na Consellería de Economía, Emprego e Industria. A resolución dos premiados farase pública na entrega dos galardóns que se celebrará o próximo 18 de decembro na Cidade da Cultura. O obxectivo desta iniciativa é recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e de promoción.

O xurado dos premios Artesanía de Galicia reuniuse hoxe na Consellería de Economía, Emprego e Industria para ditaminar os gañadores deste ano desta iniciativa coa que se busca, unha vez máis, recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento desde o punto de vista económico e da promoción.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, presidiu o xurado destes galardóns, organizados pola Xunta, que tamén teñen como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a importancia da artesanía como motor económico e cultural de Galicia. O xurado completárono como vogais Marta López, subdirectora xeral de Comercio e Consumo, Jose Castro e Antonio Ibáñez, do obradoiro Noroeste e gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2016, Santiago Riande, director da EASD Mestre Mateo e David Barro, director da Fundación DIDAC. A xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto. A resolución dos premiados farase pública na entrega dos galardóns, que se celebrará o día 18 de decembro na Cidade da Cultura.

Constan de tres categorías tal e como está establecido nas bases reguladoras desta actuación. Deste xeito, as modalidades para este ano son: Premio Artesanía de Galicia 2017, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto.

O galardón Artesanía de Galicia 2017 conta cunha dotación de 6.000 euros e premia á obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual, como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos deste sector en Galicia, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra, tanto nos seus materiais como no seu desenvolvemento.

O Premio Traxectoria, sen dotación económica, é un trofeo acreditativo co que se pretende valorar a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores da artesanía.

Por último, a bolsa Eloy Gesto, de formación, está dotada con 4.000 euros para potenciar o relevo xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. En concreto, neste ámbito premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia. Valorarase, así mesmo, o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador.