Novas

Os Pendellos de Agolada reuniron esta fin de semana a 9.000 persoas na gran festa da artesanía, a gastronomía e a música

8-7-2019

- O Encontro Corazón da Artesanía, impulsado pola Xunta, suma así nas oito edicións celebradas ata a data preto de 60.000 asistentes - O programa deste ano amosou o traballo dun total de 66 artesáns de 27 oficios artesanais e contou con 47 expositores de produtos de alimentación - Ademais de demostracións de artesáns e talleres abertos para todos os públicos, celebráronse cursos de formación especializada -A iniciativa Artesanía no Prato, coa que se impulsan as sinerxías entre artesanía e gastronomía, foi un ano máis outro dos atractivos do Encontro coa celebración de showcookings de catro chefs galegos e dúas degustacións con produtos de Galicia

O Corazón da Artesanía, VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, pechou onte as súas portas en Agolada (Pontevedra) despois dunha fin de semana na que converteu o recinto histórico-artístico dos Pendellos no epicentro dos oficios artesanais, da gastronomía e da música. Un total de 9.000 persoas acudiron entre o venres e o domingo ata Agolada para ver o traballo de 66 profesionais da artesanía, que representaban 27 oficios diferentes, así como visitar os 47 expositores de produtos gourmet. Así, nas oito edicións celebradas ata a data, o encontro suma preto de 60.000 asistentes, consolidando esta cita como o referente anual do sector en Galicia.

O Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, constitúe un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interconexión con outras disciplinas artísticas.

Este encontro afiánzase ano tras ano e promove relacións dos artesáns con empresas de distribución de produto, tendas e outros prescritores que teñen repercusión económica a medio e longo prazo. Así, un ano máis o Corazón da Artesanía recibiu a visita de representantes de varias tendas e marcas, entre a que cómpre subliñar a visita dun deseñador de Loewe. Froito da edición do ano pasado deste Encontro, Loewe incorporou na súa colección de 2019 pezas da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme e cestería de Álvaro M. Leiro, o que amosa o interese da marca pola calidade e distinción da artesanía galega.

Un ano máis, a iniciativa Artesanía no Prato, coa que se impulsa a interrelación e a creación de sinerxías entre Artesanía de Galicia e a gastronomía galega máis vangardista, foi outro dos éxitos do Encontro e novamente se cubriron todas as prazas dispoñibles. O programa incluíu showcookings de catro cociñeiros galegos de prestixio que presentaron os seus pratos en pezas de Artesanía de Galicia (os chefs do Grupo Nove Lucía Freitas, Héctor López, así como o cociñeiro Alén Tarrío), unha cata de viños certificados por Galicia Calidade dirixida por Cristina Murga e o taller Sensacións do Sabor a cargo do barista Óscar de Toro. Grazas ao éxito que vén acadando a iniciativa Artesanía no Prato desde 2013 como vía para estreitar lazos profesionais, actualmente hai máis de 40 talleres artesáns que están traballando con cociñeiros galegos e nacionais a raíz deste proxecto, así como con grandes empresas distribuidoras de enxoval para hostalería.

Este ano os profesionais puideron formarse en novas técnicas coa realización do curso sobre a técnica zero waste pola que se aproveita o 100% da tela na confección dunha prenda de moda (impartido por Aroa Veiga). O outro taller profesional programado, de cestería, foi impartido por Álvaro M. Leiro.

Outro dos atractivos do evento foi o achegamento dos visitantes á artesanía a través das demostracións en vivo e dos obradoiros de iniciación en diferentes oficios abertos a todos os públicos, que espertaron o interese de pequenos e maiores para poder probar as distintas técnicas coas súas mans. Puideron participar en talleres coma o de manipulado de papel, o de torno cerámico, o de pintura de camisetas para nenos, e o obradoiro de cianotipias. As actuacións musicais que complementaron a programación do Corazón da Artesanía (a cargo de Baiuca, Fanfarria Takicardia, Chus Silva Dj, Moreno Moreno Dj e Xirandaina) tamén resultaron un éxito, enchendo a Praza do Concello de público que visitou o Encontro.