Novas

Os pendellos de Agolada viven xa a gran festa dos oficios tradicionais galegos co encontro ‘Corazón da artesanía’

7-7-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, foi a encargada de inaugurar o VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que a Xunta organiza ata o domingo no conxunto histórico-artístico da vila pontevedresa. A variada programación do encontro une exhibición e venda de artesanía, gastronomía e música, e conta con talleres gratuítos abertos a todo o público. Para mañá está prevista a celebración do primeiro Campus dos oficios, centrado na madeira e que contará coa conferencia do arquitecto Pedro Feduchi.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, foi encargada hoxe de inaugurar o VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia Corazón da Artesanía, un encontro integral de divulgación recoñecido como o gran evento de referencia na promoción dos oficios artesanais galegos, que van da man da música e da gastronomía.

No Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, pode verse desde hoxe e ata o domingo o traballo de 50 obradoiros artesáns, que representan a 23 oficios diferentes. Os distintos pendellos acollen 33 postos de exposición e venda de produtos de artesanía, mentres que os restantes artesáns serán os encargados dos diferentes talleres. Tanto o público infantil como o adulto que visite Agolada poderá participar en obradoiros abertos nos que realizar coas súas propias mans gravados, calzado con materiais reciclados, pezas feitas con papel, cerámica ou tapices nun tear.

Ademais, para os profesionais e público interesado a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño pon en marcha diferentes cursos formativos centrados na cestería tradional, a ourivería, a fotografía, o debuxo, a marroquinería, a sombreirería e os instrumentos musicais. Outro dos atractivos do Corazón da Artesanía son os 50 postos de produtos alimentarios de calidade, onde hai espazo tanto para produtos tradicionais como para novos produtos. Ademais, diferentes food trucks ofrecen comida preparada na praza da vila.

O Corazón da Artesanía é un espazo de diálogo entre a artesanía, o deseño, a arquitectura e moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural.

Programación para mañá
Despois de acoller hoxe os showcookings de Jorge Gago e Lucía Freitas, e o concerto de Galifunk Brass, para mañá sábado está previsto ás 13 horas a Sesión Vermú Lodeiros acompañada da actuación da Banda Municipal de Agolada. No marco da iniciativa Artesanía no Prato, o cociñeiro Héctor López, do restaurante España de Lugo, ofrecerá un showcooking ás 13:30 e outro ás 15 horas. O turno de Diego López “Moli”, do restaurante La Molinera de Lalín será ás 20:30 horas.

Ás 18 horas haberá un pasarrúas a cargo do grupo de Agolada Bico da Balouta, e xa ás 22.30 horas pechará a xornada o concerto de Radio Cós, que visibilizarán as cancións tradicionais de Galicia, interpretándoas e traéndoas aos nosos días sen renunciar a misturalas con outras tradicións irmás doutras partes do mundo.

Primeiro Campus dos oficios

Ao longo de todo o día celebrarase o primeiro Campus dos oficios: a madeira: “Da artesanía á industria, camiños de ida e volta”. Esta iniciativa é unha das novidades deste ano e propón un diálogo entre axentes representativos da artesanía, a arquitectura, o deseño, a industria e a xestión do sector da madeira en Galicia.

O obxectivo é poñer en contacto dunha forma transversal aos nomes propios da artesanía e a industria, os materiais e os diferentes procesos técnico-produtivos que conviven co obxectivo de abrir una xanela imprescindible de enriquecemento, nun espazo tradicional de alto valor histórico e etnográfico para o intercambio comercial, como son Os Pendellos de Agolada.

Ás 12.30h, no auditorio Manuel Costa Casares, o arquitecto e coordinador da xornada Luis Gil dará paso á conferencia do invitado desta primeira edición dos Campus dos Oficios, o deseñador e arquitecto Pedro Feduchi. Pola tarde, ás 16.30h, terá lugar unha mesa de debate.

Para facilitar a asistencia ao VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, haberá zona libre de acampada e autobuses de balde de ida e volta desde Lalín e Melide. Os horarios poden consultarse na web de Artesanía de Galicia.