Novas

Os Premios Artesanía de Galicia 2019 recoñecen o talento dun sector que supón un importante motor económico e cultural

17-12-2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na cerimonia na que o ebanista Frank Buschmann (Corcubión) recolleu o Premio Artesanía de Galicia pola súa prensa de flores Monas. O Premio Traxectoria, de carácter honorífico, recaeu no oleiro Agustín Vázquez (Xunqueira de Espadanedo). Minia Banet, do estudio Variopinto (Santiago de Compostela) recibiu a Bolsa Eloy Gesto, pola que se apoia a formación especializada dos máis mozos nun centro de prestixio.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na cerimonia de entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2019, á que tamén asistiu o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Con estes galardóns, a Xunta recoñece o talento e o saber facer dun sector que supón un importante motor ecónomico e cultural para Galicia, con preto de 640 obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia e máis de 7.800 traballadores.

O Premio Artesanía de Galicia –a máxima categoría- recaeu no ebanista Frank Buschmann (Corcubión, A Coruña) pola súa prensa de flores Monas, mentres que o Premio Traxectoria foi para o oleiro Agustín Vázquez, de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo, Ourense) e a Bolsa Eloy Gesto para Minia Banet, do estudio Variopinto (Santiago de Compostela).

Os Premios Artesanía de Galicia 2019 serven para visibilizar un ano máis a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego. Este certame busca contribuír a poñer en valor o sector artesán galego, así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade; potenciar a creatividade; promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada; e a impulsar a remuda xeracional ao tempo que se aposta pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

Frank Buschmann

O ebanista Frank Buschmann (Corcubión, A Coruña) gañou o Premio Artesanía de Galicia (dotado con 9000€), co que se recoñece unha obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra. Por unanimidade, o xurado destacou a calidade do proxecto Monas, valorando a sutileza, a poesía e a evocación da natureza galega partindo de elementos sinxelos para chegar a unha peza conceptualmente rotunda e fermosa. Especialmente destacado é, segundo o xurado, o coidado na construción da presentación e nos acabados.

O traballo de Frank Buschmann caracterízase pola capacidade de deslizarse entre diferentes disciplinas que abrazan a arte, o deseño ou a artesanía cun xeito de produción ético, en consonancia coa integridade profesional de quen crea o obxecto. Frank Buschmann encaixa o deseño desde unha perspectiva global onde o bosquexo ou o produto final non teñan relevancia se non forman parte dun proceso máis complexo. O seu reto é crear a perfección co paso a paso.

Coa prensa de flores Monas Frank Buschmann fai unha invitación á contemplación. Con Monas non soamente entrega un produto artesanal 100% sostible no que respecta aos recursos empregados e á súa produción, se non que ofrece ao cliente unha “ferramenta de observación” coa que reaprender e reconectarse coas relacións perdidas entre o micro e o macro.

Agustín Vázquez, Premio Traxectoria

O Premio Traxectoria, concedido este ano ao oleiro Agustín Vázquez (Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo), ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector para recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a contribución á súa posta en valor e promoción, a calidade do seu traballo, así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos do sector.

Agustín Vázquez exerceu toda a súa vida profesional como oleiro tradicional. Nuns tempos nos que a olería pasou por dificultades, abordou a situación con enerxía, o que lle permitiu manter o seu obradoiro en funcionamento e facer que crecese, converténdoo nunha actividade rendible e apreciada nunha zona do interior de Galicia.

O obradoiro de Agustín Vázquez forma parte do reducido número de “museos ou conservatorios vivos” das formas da cultura popular de Galicia que aínda elaboran pezas históricas máis alá do seu interese comercial. Ademais da súa actividade como oleiro, sempre foi unha referencia en relación a calquera actividade relacionada coa promoción da olería de Niñodaguía. As pezas tradicionais de Agustín Vázquez transmiten o seu amor polo oficio. Tal e como se destacou hoxe, son pezas emocionantes pola súa perfección, que denotan moitos anos de exercicio da profesión con rigor e determinación.

Bolsa Eloy Gesto

Minia Banet, do estudio Variopinto (Santiago de Compostela) gañou a Bolsa Eloy Gesto 2019, dotada con 4000 euros para investir en formación especializada nun centro de prestixio. Con esta bolsa a Xunta busca potenciar a remuda xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización.

No seu estudio creativo, fundado en 2017, entrelázanse a fotografía, o bordado e a artesanía. Está dedicado á creación de pezas de decoración e accesorios, inspirados sobre todo, no mundo do cinema, a fotografía e a botánica. No seu proceso de creación mistura técnicas coma o collage, a fotografía e o bordado contemporáneo. Coa Bolsa Eloy Gesto terá a oportunidade para adquirir coñecementos das mans de expertos na materia. Aprenderá novas técnicas, coma o bordado e a aplicación na alta costura, e para iso, viaxará á estudar na Escola Lesage de París.