Panorámica da Fraga dende un outeiro No lugar da Fraga (Concello de Xermade), botamos a andar no ano 2000, a Aldea Artesán de A Fraga, un proxecto integral onde se unen artesanía e turismo rural. Estamos na Terra Chá, no Lugo interior, un paraíso incluído dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e preto do Parque Natural Fragas do Eume.
As instalacións constan de varias edificacións restauradas e unha de nova construción, integradas harmonicamente na paisaxe e que respectan as tradicións arquitectónicas da zona:
Dende o ano 1920 a nosa familia dedícase ao traballo da madeira: Amador Ledo Rivera comezou como artesán nómade, coma tantos outros na nosa terra, facendo zocas primeiro e logo carros polas casas ata especializarse montando a carpintería de obra dos edificios.
Mediados os anos trinta fundou un obradoiro na vila das Pontes (A Coruña) onde construía todo tipo de mobles e obxectos auxiliares para o uso cotián das familias da comarca, combinando as técnicas dos diferentes oficios: carpinteiro, ebanista, selleiro, torneiro, fragueiro....
A mediados da década dos cincuenta o seu fillo, Vicente Ledo Pena, comezou a traballar con continuidade no obradoiro, mellorando cuantitativa e cualitativamente o nivel de produción.
Nos anos oitenta do século pasado comezamos os seus descendentes a participar nas labores do taller, descubrindo os pormenores do oficio e herdando a experiencia do traballo coa madeira, valor inmensurable que hoxe en día é o alicerce da nosa actividade económica.
Actividades de divulgación dos oficios: torneado da madeira A dificultosa supervivencia actual destes oficios tradicionais, secularmente arraigados no mundo rural, obrigounos a buscar novos xeitos de rendibilizar os nosos coñecementos, tentando aproveitar os paralelismos, e as sinerxias, entre turismo rural e artesanía.
Por isto, dentro da nosa oferta, incluímos a posibilidade de que os nosos clientes poidan descubrir os oficios artesanais que exercemos, deseñando paquetes turísticos feitos á medida que, como elemento diferenciado, inclúen cursos monográficos de restauración de mobles, carpintería básica e torneado creativo da madeira. Esta mestura turístico-artesán adáptase a todos os niveis de coñecemento e intereses particulares dos participantes, ensinando a valorar os traballos e a coñecer as ferramentas, os materiais e as técnicas para facelo.
En xeral a nosa produción atangue os distintos campos artesanais aos que nos dedicamos:
Vicente Ledo dedícase profesionalmente a traballar a madeira dende o 1984 cando asume a responsabilidade do obradoiro familiar por falecemento do seu pai, naquel momento situado nas Pontes (A Coruña). Herda dos seus devanceiros (o pai e o avó dedicáronse de sempre aos oficios relacionados coa madeira: selleiros, fragueiros, zoqueiros, carpinteiros, torneiros, ebanistas....) maquinaria, ferramenta, madeiras e, o máis importante, os coñecementos sobre os oficios.
As inquedanzas interiores fan que compatibilice o labor artesán co traballo sociocultural perante anos e dan paso a un proxecto ambicioso, que xorde en 1997, onde tenta xunguir a produción coa divulgación e ensino artesán co turismo rural, aproveitando os edificios abandonados dunha propiedade familiar no lugar da Fraga, un pequeno paraíso da Terra Chá. Actualmente esta iniciativa xa é unha realidade sólida, a Aldea Artesán de A Fraga, un lugar de onde parten iniciativas que tentan conservar e dar a coñecer mediante encontros e cursos os diferentes oficios artesanais tradicionais relacionados coa madeira, especialmente o torneado tradicional e creativo.
Coa intención de recuperar do esquecemento, documentar e dar a coñecer o oficio, Vicente Ledo xunto con Fernando Verez Tojeiro promoven, organizan e coordinan os Encontros Internacionais de Torneiros de Madeira en Galicia que dende 2001 se celebran anualmente, primeiro nas instalación da propia Aldea Artesán e dende o ano 2006 nas instalacións públicas do Concello de Xermade.
Vicente di que hai veces que non sabe como separar a sabia da árbore do sangue do corpo, tal é o punto onde o oficio se mestura coa paixón. Ás veces soña que a paisaxe interior do artesán dialoga coa madeira para crear pezas respectuosas, útiles, cálidas e de calidade.
Tanto ten restaurar un roupeiro, labrar un salomónico, tornear unha cunca ou facer un escano... o lecer confúndese co traballo, convértese en pracer namentres se transforma unha materia que lle transmite calma ao espírito do artesán.
A madeira é un elemento vivo, que literalmente respira, en constante diálogo coa persoa que a transforma. Nesa conversa pode haber malos entendidos, atrancos parellos a tantos outros que ocorren a diario. A solución a estes desencontros está nas mans expertas dos artesáns, persoas con vocación que coñecen os segredos do seu oficio... e nesas liortas anda Vicente, tentando achegarse á alma, ao cerne da madeira.
Lugar da Fraga. Cazás
27824 Xermade
Lugo