Alfarería Agustín

O actual obradoiro de Agustín Vázquez leva aberto ao público dende 1990, en Niñodaguia, no concello ourensán de Xunqueira de Espadañedo. Na beira da estrada que comunica Ourense con Castro Caldelas, pódese visitar o obradoiro deste artesán no que hai tamén un espazo de exposición e de venda das pezas de olaría que elabora.

Agustín Vázquez dedica boa parte do seu tempo á elaboración da olaría tradicional de Niñodaguia, aínda que tamén elabora pezas en gres e outras pezas de olaría non tradicional. "Os encargos de pezas tradicionais non son os máis habituais", sinala o artesán, "Agora non se precisa repoñer pezas como ocorría antes que se empregaban a diario e rachaban co uso. Agora só se usan para ter de adorno así que é preciso ter á venda tamén outro tipo de pezas".

O proceso de elaboración da olaría tradicional, igual que ocorre con todos os procesos tradicionais, é moi laborioso e require moitas horas de traballo. As pezas elabóranse a partir de barro que atopamos na propia zona e comezamos a modelalas no torno. Mentres se traballa no torno, pódense adornar as vasillas cunhas raias grazas a unha ferramenta que se chama canivete, e que se pode substituír por unha espátula ou por un anaco de ferro ou de madeira.

Unha vez que a peza está modelada no torno déixase secar, pásaselle unha esponxa para lle quitar todos os poros que teña por fóra e dáselle unha primeira cocción a 950º C. A segunda cocción realízase despois de esmaltar a peza e farase a unha temperatura algo máis elevada, entre os 970 e os 980º C. "Súbolle un pouco a temperatura para que a peza colla mellor o esmalte e quede máis bonita, sobre todo agora que o esmalte non ten chumbo, está máis pulido e non derrete tan ben", explica Agustín Vázquez.

O esmaltado é un proceso que só levan as vasillas destinadas á cociña ou a alimentación, mentres que as puramente decorativas non levan ese esmalte. "Como eu estou recuperando a olaría tradicional desta zona, preparo o esmalte como me aprendeu meu tío que é con cuarzo e minio, ademais dunha porcentaxe de sílice do 50% máis ou menos", sinala o oleiro, "Despois na cocción o único que cambia é que se fai con gas e non con leña, como se facía antigamente".

O barro

"O barro de Niñodaguia é un barro único, ao comezo é medio escuro, medio gris, despois ao cocerse queda máis branco e despois resulta esa cor amarela tan característica destas pezas que vén dada polo propio barro", comenta Agustín Vázquez, quen engade que os veciños de Niñodaguia son propietarios do monte no que se atopa a veta de barro que empregan os oleiros.

O artesán explica que hoxe en día merca moito barro preparado, que lle facilita a elaboración de moitas das pezas de cerámica que elabora, aínda que para certas pezas e especialmente para traballar a olaría tradicional confesa que é preciso seguir indo ao monte para escoller o barro. "Se tratas ben o barro, a satisfacción vese despois no acabado. Ao sacalo do forno é onde realmente se ve o traballo que che deu escollelo e preparalo ben. Trátase dun barro moi elástico e con moi pouca area, que se deixa traballar moi ben, e que hai que mimar moito", indica Agustín Vázquez.

El mesmo explica que outra das peculiaridades da olaría tradicional de Niñodaguia é o xeito específico que teñen os artesáns de colocar as asas. "A olaría tradicional de cada sitio ten un modo característico de lle poñer as asas ás pezas. Esta maneira de colocar as asas que temos nós, como se as fundiramos na propia peza é unha especie de marca que temos os oleiros de Niñodaguia".

Agustín Vázquez entra en contacto coa olaría tradicional de Niñodaguia dende moi neno, con seu pai e especialmente con seu tío, con quen pasaba as tardes despois de saír da escola e o tempo libre nas vacacións. "Aos 11 anos lembro que lle pedín a meu tío que me deixase axudalo a facer cacharros para vender na feira de Baños de Molgas. Daquela fixeron unha caixa de 8.000 pesetas e a min pagáronme 600. Cando rematei a escola e non quixen seguir estudando xa lle dixen a meu pai que quería aprender á roda", explica o artesán.

Ata os 17 anos aprende no obradoiro de seu tío, despois bota un tempo en Suíza traballando na construción e, cando regresa no ano 73 coa idea de se instalar pola súa conta, vese obrigado a cumprir co servizo militar. Foron seu pai e seu tío os que quedaron a cargo do obradoiro ata que Agustín volveu e formaron un grupo de traballo que chegou a contar ata con 8 artesáns. "Cando fixeron o trazado da estrada nova cadrounos que nos pasara por diante da casa durante dous anos e comezamos a vender moito porque paraba moita xente a mercar", comenta, "Entón dinme de conta de que aí había un negocio que non estabamos a aproveitar".

É nese momento cando Agustín decide trasladar o seu lugar de traballo ao local que ten na actualidade, na beira da estrada, e no que combina o obradoiro, cun espazo de exposición e de venda das súas pezas e mais cun almacén. "Foi como comezar de cero porque no outro tiñámolo xa todo instalado, aínda que estaba moi mal acondicionado porque era unha palleira con forno de leña porque meu pai e meu tío nunca accederon a cocer con gas", explica o artesán, "pero tiña moita gana de ter a tenda, o obradoiro e o almacén todo xunto sobre todo para ter un contacto directo coa xente, ademais de para poder obter un rendemento da artesanía sen intermediarios".

Recuperación da olaría

O labor de recuperación da artesanía tradicional de Niñodaguia que está a facer dende hai anos o artesán Agustín Vázquez foi recoñecido pola Deputación da Coruña que decidiu outorgarlle a sétima edición do Premio de Artesanía Antonio Fraguas 2008, na súa modalidade de artesanía tradicional, grazas a unha obra denominada "ola de graxa".

Trátase dunha peza de cerámica vidrada en forma de xerra de dúas asas e cun borde cilíndrico. A súa función utilitaria orixinal era a de gardar a graxa dos animais despois de facerse a matanza e, ao mesmo tempo, servía para almacenar os chourizos na súa propia graxa.

Agustín Vázquez considera que o galardón é unha homenaxe ao traballo dos vellos oleiros artesanais e ao mesmo tempo supón o recoñecemento a un oficio do que el mesmo é un transmisor. O artesán explica que tardou algún tempo en lle dar á olaría tradicional a importancia que merece. "Cando empecei a participar na feira que se celebra en Oleiros, falando co director do museo etnográfico, dinme de conta de que se estaba a perder a olaría da nosa zona que era tan especial, única no país con esa cor amareliña, e de que tiñamos unha das olarías máis ricas posto que conta con moitos tipos diferentes de vasillas", explica o artesán.

Hoxe, a olaría tradicional de Niñodaguia dispón dun espazo específico de exposición e venda na tenda de Agustín Vázquez, aparece diferenciada con etiquetas e o propio artesán encárgase de explicar as peculiaridades destas pezas, que motivan tamén a diferenza no prezo fronte a outras pezas de cerámica. "Eu estou a recuperar a olaría tradicional porque penso que é unha obriga para nós, posto que se trata das nosas raíces. O sector da artesanía debería mimar un pouco a xente coma min que aprendemos o oficio dos nosos maiores, que aprendemos mesmo como ir ao monte buscar o barro. Nós representamos unha transmisión de saberes que, se non hai relevo, vaise perder con nós", explica Agustín Vázquez.

  • Peza 1

    Peza 1

  • Peza 2

    Peza 2

  • Peza 3

    Peza 3

  • Peza 4

    Peza 4

  • Peza 5

    Peza 5

  • Peza 6

    Peza 6

  • Peza 7

    Peza 7

  • Peza 8

    Peza 8

  • Peza 9

    Peza 9

Enderezo

Igrexa de Niñodaguia

32730 Xunqueira de Espadanedo

Ourense

  • Teléfono: 988 291 190