Artesanía Textil Señora María

O obradoiro de artesanía textil Sra. María permite a quen queira visitalo coñecer de primeira man a historia do tecido. Alí pódese aprender proceso completo do liño, que comprende sementalo, admirar esa pequena flor azul, arrincalo, ripalo, metelo na auga, quencelo ó sol ata o seu secado, mazotalo, tascalo (na tasca ou espadela), rastrelalo, fialo e cocelo. Tamén se pode aprender a tratar a la: escarpeala, cardala e fiala.E pode coñecerse a maneira de crear feltro dende a la da ovella. Tódolos visitantes poden aprender os primeiros pasos de tecer nun tear manual, tanto de baixo lizo como de alto lizo.

Tamén alí se reciben encargas para personalizar os produtos, ben poñendo un nome, un debuxo ou unhas cores ou tamaños escollidos directamente polo cliente.

Ofrécense servizos de docencia para impartir cursos tanto personalizados como en pequenos grupos. Estas clases en grupo poden ir enfocadas a nenos particulares, escolas, centros de día para maiores, centros de discapacitados, asociacións de veciños, de mulleres rurais, etc… Para nenos ofertaranse básicamente clases de fiado, de iniciación ó tapiz e de cestaría e xoiaría de reciclaxe (posto que soen ser os cursos de maior aceptación).

Xa sabes, non esquezas visitarnos en Vilalba!en concreto no barrio de Guadalupe (Sancovade). O principal acceso é a LU-541 que comunica Vilalba con Rábade (a salida cara Lugo).

Contiño

A principios dos anos 80 en Viveiro lévase a cabo a I Feira de Mostras e de Artesanía Popular Galega. A Asociación de Viuvas e Amas de Casa do concello ofrécese voluntaria para participar ensinando o funcionamento dun tear antigo de baixo lizo, o proceso do liño e o proceso da la. A presidenta de dita asociación, a Sra. María Chao, quere darlle especial énfase en aprenderlle estas cousas ós máis novos. E aquí entra Noela en escea.

Lidia Díaz, como socia da devandita asociación, participa activamente na feira de artesanía ano tras ano, levando consigo a unha das súas netas (Noela), que está cada ano máis interesada en seguir aprendendo cousas: empeza por escarpear a la (xa lavada) da ovella para despois cardala e fiala co fuso e a roca.

Outro ano aprende, de palabra, o proceso completo do liño, dende a súa semente ata poder tecer con el no tear. Uns anos despois ela mesma sería partícipe desas labouras. En moi poucos anos, diferentes mulleres da zona aprenderíanlle a tecer no antigo tear (que contaba, según a Sra. María, con máis de 500 anos!). Agora sí xa coñecía o proceso completo, pero ela quería saber sempre algo máis. Noela tiña 10 anos.

As mulleres da Asociación de Viuvas estiveron sempre volcadas na formación desta moza: que se vainicas, que se lorzas, que se calcetíns de la, e ela encantada de recibir tanta atención! Tanto que incluso unha das súas amigas do cole empezou a ir con ela a aprender todas estas cousiñas situadas tan preto do esquecemento. E así, ano tras ano ambalasdúas foron sentindo aquel tear e aquel liño como seus.

Sendo xa maiores de idade, a Sra. María xestionou envialas facer un curso de tecido en alto lizo ó Centro de Artesanía Textil de Gondomar, onde verían que lles quedaban tantas cousiñas por ver e aprender…

Pero chega o momento de marchar vivir fóra en busca de traballo. Seguindo os estudos cursados, Noela comeza un periplo de traballos distintos en diferentes lugares (Mallorca, Benidorm, A Coruña, Vigo, Guitiriz, Barcelona, Lugo…). Durantes estes anos quédalle pouco tempo para a artesanía, pero sempre queda algo… Como dicía a súa bisavoa (extremeña) “a buen bailaor siempre le queda compás!”. Aproveita para tramitar daquela (no ano 2002) a Carta de Artesán.

E unha vez instalada en Lugo coñece a existencia do Centrad (Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación provincial de Lugo). Alí, aínda que lle levou tempo entrar, comezaría unha aprendizaxe moi interesante e extensa, non só no mundo dos teares, senón tamén noutros aspectos do téxtil como o feltro, o shibory ou o macramé, así como no mundo da cestaría, considerada como a nai dos tecidos. É agora cando comeza a darlle voltas á idea de vivir da artesanía, ou polo menos de intentalo.

E no ano 2011 a maternidade da un xiro á vida de Noela. A imposibilidade dunha conciliación entre a vida laboral e familiar lévaa a tomar a decisión de deixar o seu traballo en Lugo e montar un Obradoiro de Artesanía Textil en Vilalba. Agora que moitas daquelas mulleres da Asociación de Viuvas e Amas de Casa de Viveiro xa non están entre nós, Noela quixo homenaxealas mediante o nome do seu Obradoiro: “Sra. María”. Este nome engloba este pequeno e sinxelo contiño que todas elas fixeron posible (en especial a Sra. María, Marina e, como non, a avoa Lidia)

  • Farrapeira

    Farrapeira

    Feitas con tiras de roupa vella, esta antiga técnica de reciclaxe permite un amplo colorido. Tallas: Baño, Cadrada, Dormitorio

  • Felpudo

    Felpudo

    Alfombrín de la merina feito coa técnica do nó turco e personalizado coas cores ou verbas escollidas polo cliente.

  • Alfombra pelo longo

    Alfombra pelo longo

    Alfombra de la merina feita coa técnica do nó español e tecida en tear manual vertical.

  • Mantiña para bebés

    Mantiña para bebés

    Mantiña multiusos para bebés: primeiro servirá de manta para os seus primeiros meses; despois valerá de mantel pequeno

  • Manteis individuais

    Manteis individuais

    Mantel individual con urdido en algodón e entramado en liño. Pódense encargar tamén personalizados

  • Teas para traxes rexionais

    Teas para traxes rexionais

    Fanse tecidos para traxes tradicionais e para traxes rexionais, tanto para roupa branca como para picotes con ou sen rodo.

  • Colgadoiro

    Colgadoiro

    O “colgadoiro” é un utensilio formado por un tecido feito en tear de baixo lizo e un soporte de madeira. Para colgar pendientes

  • Tapices

    Tapices

    Cos motivos e cores elixidos polo cliente (xa que este tipo de produto realízase normalmente por ancarga).

  • Bufandas estivais

    Bufandas estivais

    Con case 3 metros de lonxitude, esta especie de cordón fai as veces de colar e de bufanda, tanto para homes como para mulleres.

  • Bufandas

    Bufandas

    Bufanda con urda de algodón e trama de liño, de la ou de algodón. Tecida en tear manual de baixo lizo. Poden personalizarse

  • Alfombras de la en gorullo

    Alfombras de la en gorullo

    Alfombra de la merina con debuxos feitos a partires da antiga técnica do gorullo. En vez de debuxos tamén se poden poñer nomes

Enderezo

Avda. Cidade de Lugo 122

27800 Vilalba

Lugo

  • Teléfono: 982523472 / 636737608
  • Email: noela@sramaria.com