Asociación de palilleiras As Nemanquiñas

A Asociación de Palilleiras "As Nemanquiñas" créase no ano 1995 coa intención de difundir e de dignificar o traballo do encaixe en Vimianzo, un concello no que se calcula que hai arredor de 500 mulleres que se dedican a esta actividade. Collen o seu nome dunha das zonas de máis tradición palilleira do Concello, e que se coñece como Terra de Nemancos. O encaixe é unha actividade artesá de longa tradición en Galiza e que se daba nunha ampla zona que ía dende Noia ata Malpica de Bergantiños.

Para elaborar as puntillas precísase unha almofada, que pode encher a propia artesá, fío, palillos, alfinetes, e o picado, que é o cartón no que aparece o deseño da peza e que fará de guía para o traballo da artesá. As Nemanquiñas adoitan empregar fío de algodón ou de liño, en función das pezas, de diferentes grosores e cores. Na Asociación elaboran unha ampla variedade de pezas: xogos de cama, de mantel, de bebé (especialmente roupa e accesorios para o bautismo), colchas, toallas, panos para bandexas, para panelas, cortinas, pousa vasos, xogos de tocador, etc.Tamén elaboran outro tipo de pezas como gargantillas, pulseiras, brincos, bolsas para gardar os panos de papel, para gardar o móbil, bolsas perfumadas, separadores de libros, panos para adornar botellas, etc.

"Agora fomos a un curso de encaixe moderno - comenta a súa presidenta, Mercedes Lema - e facemos tamén flores, broches de encaixe en fíos de cores. Fanse cunha técnica diferente e ás veces non se poden facer coa almofada galega".

"Tratamos de facer un pouco de todo. Aínda que se venden moito máis as pezas tradicionais, as de sempre. Ao mellor é que isto aínda é moi novo", explica a artesá.

Artesanía única

O encaixe de palillos é unha actividade que se deu tradicionalmente en varias zonas da provincia da Coruña. Aínda que os deseños son moi semellantes e tamén o tipo de pezas que se elaboran, a diferenza vén marcada pola palilleira. Cada unha delas ten o seu xeito propio de palillar e cada peza é única.

Por outro lado, de Vimianzo saíu unha puntilla moi fina e de complicada elaboración coñecida como "A Simona", que As Nemanquiñas elaboran e aplican en diferentes pezas. "Consideramos que os panos da Simona son de aquí, máis nosos", explica Mercedes Lema.

Un dos intermediarios que comercializaban as pezas que as mulleres facían nas súas casas, debuxou un encaixe e deullo a unha palilleira para que o picara e fixera unha mostra. "Como lle foi ben con ese encaixe, decidiu chamarlle igual que a palilleira: Simona", comenta.

A Asociación de Palilleiras "As Nemanquiñas" está formada por máis de 50 artesás que se dedican a elaborar encaixe. Todos os días do ano, agás os luns, acoden ao Castelo de Vimianzo cando menos tres destas artesáns para facer demostracións en vivo do seu oficio, para atender a todos os que se acheguen e para encargarse da venda das pezas.

Os obxectivos da asociación son dignificar o traballo da palilleira, estudar as raíces do encaixe da zona de Vimianzo e rescatar os máis antigos, buscar a continuidade xeracional, acadar melloras sociais e económicas para as palilleiras, buscar saídas comerciais e fomentar o encaixe como actividade empresarial xeradora de emprego.

Ademais da mostra en vivo no Castelo, As Nemanquiñas tamén realizan exposicións en feiras de artesanía e nos encontros de palilleiras aos que asisten. Xunto co Concello, organizan cursos de iniciación e de perfeccionamento nas distintas parroquias. "Aínda que son cursos para xente nova hainos tamén de perfeccionamento porque hai nenas que xa saben moito. Comezan con 6 anos e hoxe en día xa saben palillar coma nós", explica Mercedes Lema.

"As nenas aquí aprenden como aprendemos todas. Como te ven traballar, elas tamén queren probar e entón facémoslles unha almofada adaptada ao seu tamaño, con catro palillos cosidos, sen alfinetes, para que lles pareza que fan o mesmo ca nós".

De todos os xeitos, a presidenta das Nemanquiñas comenta que o encaixe para elas é unha actividade que fan no seu tempo libre. "Non se pode vivir do encaixe porque sae moi pouco a hora. Non creo que ninguén se poida dedicar a isto profesionalmente, palillar todo o día non é rendible", comenta.

Coñece máis

As Nemanquiñas traballan e venden as súas pezas nun marco privilexiado: o Castelo de Vimianzo. Durante todos os días do ano - agás os luns, que pecha o Castelo - participan na mostra Artesanía en vivo, que organizan a Deputación da Coruña e mais o Concello de Vimianzo.

"Facemos quendas para que cada día vaian tres palilleiras diferentes", comenta a presidenta da Asociación, Mercedes Lema.

As palilleiras acoden coas súas almofadas para traballar nos seus encaixes mentres atenden as preguntas dos visitantes. O Castelo é tamén o seu principal punto de venda, xa que non distribúen as súas pezas en tendas. Alí dispoñen dunha ampla exposición con todos os seus traballos, aínda que tamén aceptan encargos das medidas e dos materiais que se lle soliciten. A asociación tamén vende material para palillar como almofadas (tanto galegas como de fóra), alfinetes ou palillos.

A mostra Artesanía en vivo realízase no Castelo de Vimianzo dende o ano 1994 e nela preténdese amosar as artesanías máis representativas da comarca: encaixes, liño, acibeche, prataría, olaría, cantería, cestaría, marquetaría, albardaría, coiro, sombreiraría ou zoquearía son os oficios que conforman a mostra.

Os artesáns acoden cada día durante o verán e a Semana Santa, e as fins de semana do resto do ano; agás no caso do liño e do encaixe que van todos os días do ano.

  • Peza 1

    Peza 1

    Peza 1

  • Peza 2

    Peza 2

    Peza 2

  • Peza 3

    Peza 3

    Peza 3

  • Peza 4

    Peza 4

    Peza 4

  • Peza 5

    Peza 5

    Peza 5

  • Peza 6

    Peza 6

    Peza 6

  • Peza 7

    Peza 7

    Peza 7

  • Peza 8

    Peza 8

    Peza 8

  • Peza 9

    Peza 9

    Peza 9

  • Peza 10

    Peza 10

    Peza 10

  • Peza 11

    Peza 11

    Peza 11

  • Peza 12

    Peza 12

    Peza 12

  • Peza 13

    Peza 13

    Peza 13

  • Peza 14

    Peza 14

    Peza 14

  • Peza 15

    Peza 15

Enderezo

Rúa da Torre, s/n.

15129 Vimianzo

A Coruña

  • Teléfono: 981 716 354 / 678 460 543