Códice

Códice é o nome comercial do obradoiro de encadernación de Manuel López Casás, que desde 1996 leva facendo artesanía na Coruña. A encadernación tradicional é unha actividade artesá que abrangue desde a confección manual dos encadernados e portadas de libros cun deseño distinguido e de carácter histórico, antigo e moderno e mesmo típico dunha época e estilo determinado, ata todo tipo de traballos de "caixonaría" e realización de elementos de libraría e paquetería de luxo e agasallo. A restauración de libros é outra das actividades deste obradoiro, libros antigos ou moi deteriorados son devoltos á vida grazas á destreza dos artesáns e á cualificación e coñecementos sobre a encadernación antiga. A parte da labor artesá o obradoiro tamén se dedica como actividade auxiliar á venda de materiais de encadernación para outros obradoiros e imprentas. Os produtos son, pois, encadernación de libros de xeito tradicional e distinguido que demandan colectivos moi especiais como bibliotecas, bibliófilos, organismos institucionais e tamén clientes en busca dun agasallo orixinal e de luxo. Tamén existe outra liña de produtos máis estándar para encadernacións máis correntes cun prezo máis asequible, pero tamén elaborados coa garantía de calidade de Códice.

O proceso de encadernación componse de diversas etapas, cada unha de elas cunha complexidade determinada e formada por moitos pasos á súa vez.

Resumidas, poderíamos relacionar a pintura dos materiais a usar, alzado, pegado, serrado para marcar o cosido, o cosido, encolado, redondeado e confección das tapas e por último a montaxe e o decorado. Esta última fase de decorado é a que dará o toque final e a que lle introducirá a variable de deseño propio e único así como a realización minuciosa das outras fases é a responsable da calidade extrema do produto final. Os materiais usados son basicamente a pel, o cartón e o papel para a elaboración das tapas e caixas e o pan de ouro e bronce para os dourados e acabados exteriores. A materia prima usada para a confección das tapas pode ser pintada no propio obradoiro ou mercada a outros artesáns xa pintada.

Artesanía Única

A encadernación artística é unha actividade artesá que comparte comezos coa creación dos primeiros libros con aparencia semellante aos libros actuais, aproximadamente na época do antigo Exipto. Xa desde aquel entonces, as estruturas bibliográficas presentaban o que hoxe sería unha especie de encadernación rudimentaria pero cun incipiente deseño artístico. Co transcurso do tempo este tipo de labor cobrou importancia ata tal punto que practicamente todos os libros da antigüidade ata os nosos tempos onde prima o funcionalismo estaban elaborados tanto interior como exteriormente de xeito artístico e artesán.

Na actualidade perduran os vestixios desta actividade e non de forma ocasional senón que é moi frecuente que un libro que se destina a regalo sexa elixido pola encadernación de luxo e artesá e incluso libros sinxelos son novamente decorados de forma artística para lograr un toque de distinción e elegancia co agasallo. Códice podemos encargar calquera tipo de encadernación, ben sexa cun deseño predeterminado que os artesáns interpretarán e reproducirán á perfección, ben contando co asesoramento en deseño de Manuel López. Tamén a labor de restauración ten unha relevancia digna de mencionar pois libros antigos deteriorados polo tempo, cun alto valor artístico e cultural poden ser recuperados contando coa precisión e pericia dun artesán que se preocupa por coñecer a orixe da peza, os materiais e o estilo da época mesmo investigando e traendo o libro á actualidade como restauración impecable que lle devolve a entidade e respecta a súa historia. Este obradoiro dispón dunha vantaxe comercial moi importante, a parte da calidade e o prestixio acadado, é o único obradoiro do norte da península que fai este tipo de encadernación así como o único que vende este tipo de materiais e ferramentas.

José Manuel López Casas empezou como afeccionado da encadernación artesá xa no ano 1981 de forma moi elemental pois non existía neses tempos ningunha especialidade formativa regrada específica nesta materia. Foi aprendendo como podía nos seus ratos libres posto que o seu oficio habitual non era, aínda, a artesanía. Mantivo contacto con algún artesán co que aprendeu as técnicas do oficio e continuou perfeccionándose, tamén con artesáns e asistindo a algún curso que ía saíndo de encadernación artística.

O paso de afección a actividade laboral foi paulatino, a súa crecente profesionalidade nos acabados e nos deseños foi a responsable de que pouco a pouco as súas obras fosen sendo cada vez máis coñecidas e recoñecidas como de unha boa calidade e orixinalidade. Foi entón, o "boca a boca" o que lle proporcionou unha carteira de potenciais clientes, feito que o impulsou a emprender o negocio de maneira profesional ata chegar a Códice.

Posúe a Carta de artesán e de Mestre artesán así como de Obradoiro rexistrado oficialmente desde fai doce anos e na actualidade traballa xunto con tres artesáns cualificados e coñecedores do oficio. Cada un deles ten a súa función no proceso produtivo, sendo Manuel o encargado do libro de arte e do deseño, tanto propio como a medida sobre maqueta que propoña o cliente.

Coñece máis

Códice ten un recoñecido prestixio a nivel estatal e conta con clientes tan importantes como institucións, consellarías, deputacións, concellos, centros oficiais, bibliotecas, arquivos, coleccionistas e bibliófilos, numerosas empresas que elixen este produto distinguido para o seu regalo institucional e particulares que valoran a estética e o valor artesán, artístico e cultural dunha encadernación de deseño.

Entre os traballos máis destacados temos encargos da Casa Real Española, da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concellos de A Coruña, Ferrol, Betanzos e Pontedeume entre outros, Delegación do Ministerio de Facenda, Universidades da Coruña, Vigo, León, Salamanca e Católica de Ávila, Biblioteca Nacional de España e de Francia, Biblioteca Municipal da Coruña, Hospital Universitario Juan Canalejo e Diarios como La Voz de Galicia, o Ideal Gallego e La Opinión.

Para servir a moitos de estes importantes clientes e a tantos outros que o precisen, Códice dispón dun obradoiro móbil para desprazarse ás instalacións do cliente e levar a cabo in situ os traballos sobre documentos restrinxidos que non deban ou non sexa posible a saída do seu lugar de exposición.

  • Encadernación 1

    Encadernación 1

    Encadernación 1

  • Encadernación 2

    Encadernación 2

    Encadernación 2

  • Encadernación 3

    Encadernación 3

    Encadernación 3

  • Encadernación 4

    Encadernación 4

    Encadernación 4

  • Encadernación 4

    Encadernación 4

    Encadernación 4

  • Encadernación 5

    Encadernación 5

    Encadernación 5

Enderezo

Avda. Monserrat, nº16 B

15009 A Coruña

A Coruña

  • Teléfono: 981 130 414
  • Fax: 981 174 000
  • Email: codice@codize.com