Carlos Manuel Fontales Ortiz

Carlos Fontales dálle o nome ao obradoiro de cestaría que se dedica en Lugo a recuperar esta actividade artesanal de importante tradición en Galiza, a través dun fondo traballo de investigación das particularidades da cestaría de todo o país. Segundo el mesmo indica, as técnicas de cestaría non son complicadas de adquirir polo que se trata dunha actividade moi atractiva para as persoas que queiran aprender sen coñecementos previos de artesanía.

As técnicas da cestaría baséanse no traballo coa madeira xa seca, de xeito que a lámina é un pouco máis difícil de manipular pero o produto final é máis forte e estable, ou o traballo coa materia prima recén cortada que se pode traballar mellor pero que dá como resultado que a peza final, unha vez seca, quede máis frouxa.

O proceso de elaboración das pezas é sinxelo e relativamente curto, a non ser que se traballe con vimbio vivo.

Artesanía Única

A estreita relación que existe entre a cestaría e a vexetación fai que esta actividade artesanal se desenvolva de distinto xeito en función do clima de cada zona. É por iso que a cestaría é tan rica e variada en Galiza, onde existe unha grande diversidade de vexetación. O máis habitual é asociar esta actividade artesanal á elaboración de cestos pero o certo é que a cestaría en Galiza abarca moitas outras pezas: cadeiras, mesas, palleiros, paxes, hórreos, obxectos de xardín, etc., que se poden elaborar con varas e con láminas de madeira.

Actualmente, Carlos Fontales está a traballar coa técnica do vimbio vivo, unha planta que produce uns talos moi flexibles e que medra axiña. Ao poñer unha estrutura ríxida da peza que se quere obter nunha semente de vimbio, a planta vai medrando arredor da estrutura ata cubrila. Durante o proceso o artesán ten que dirixir a planta para conseguir que a peza se cubra completamente de vimbio e mesmo pode acadar que os encastes entre as diferentes partes da peza se fagan de forma natural sen manipulalos artificialmente, de xeito que os nós se vaian creando pouco a pouco de xeito espontáneo e natural.

 

Carlos Manuel Fontales Ortiz entra en contacto coa cestaría cando chega a Galiza dende Madrid buscando un lugar que se axustase máis ao ritmo de vida que quería levar. Despois de dedicarse á cestaría como afeccionado durante dous anos, decide comezar a amosar esta actividade a través das feiras de artesanía, para o que comeza a recoller pezas por todo o país. Na primeira feira á que asiste, a Mostrart da Coruña, xa o convidan a impartir un curso de cestaría que había marcar o comezo da súa traxectoria como docente no sector.

A partir dese momento dedícase por completo á cestaría, especialmente á investigación sobre a cestaría galega, tarefa á que dedica á maior parte do seu tempo percorrendo Galiza para recoller pezas de cada zona e estudar a evolución da cestaría. Grazas a este importante labor de investigación, Carlos Fontales pode desenvolver unha tarefa como docente tanto a través de cursos de formación como a través do libro da súa autoría que está especializado na cestaría.

Coñece máis

Coñece máis Carlos Fontales é o artesán docente do Obradoiro de Cestaría do Paseo do Río Rato, que pertence ao Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, que se encarga de impartir a maioría dos cursos de formación nesta actividade artesá que organiza o centro. A estes cursos asisten persoas de idades e de procedencias moi dispares o que pon de manifesto que a cestaría é unha actividade que suscita interese nun rango de poboación moi amplo. O límite de prazas para asistir a estes cursos adoita ser un elemento máis do atractivo deste programa dado que deste modo se acada unha formación moito máis personalizada.

Carlos Fontales tamén é docente titular dos obradoiros portátiles que promove este centro de Lugo e que consisten en que o obradoiro percorre os colexios e outros centros nos que poida resultar interesante o contacto con esta actividade artesanal.

  • Peza 1

    Peza 1

  • Peza 2

    Peza 2

  • Peza 3

    Peza 3

  • Peza 4

    Peza 4

  • Peza 5

    Peza 5

  • Peza 5

    Peza 5

Enderezo

Paseo do Río Rato, s/n

27233 Lugo

Lugo

  • Teléfono: 617 745 508
  • Email: carlosfontanles@hotmail.com