Charamusca

Charamusca é un obradoiro dedicado á creación de pezas de cartón pedra de carácter decorativo e utilitario. Estas pezas están enfocadas cara a un mercado no que prima máis o deseño ca o propiamente tradicional. Os seus produtos - baseados na decoración informal - pretenden encher de cor de e de sentido o humor e o ambiente das vivendas. Divídense en diferentes mundos, en función da súa temática: mundo mariño, mundo animal, mundo cósmico, mundo máxico e mundo real.

Para o proceso de elaboración destes produtos Charamusca parte do lapis e do papel. Despois de moitos bosquexos nos que se lle dá á figura imaxinada distintas expresións e movementos ata acadar a imaxe desexada, procédese ao seu modelado en barro para despois facer o baleirado en escaiola ou fibra de vidro, dependendo das características da peza. Unha vez obtido o molde xa se pode encher con cartón integramente reciclado. Cando está seca retírase do molde, estúcase varias veces, líxase e, finalmente, píntase.

Ademais do cartón pedra, Charamusca tamén traballa a escultura de fibra de vidro e mais o agasallo de empresa.

Artesanía única

As pezas que saen do obradoiro Charamusca teñen un acabado especial. Os artesáns danlles unha capa de estuco, antes de pintalas, algo pouco habitual no traballo do cartón pedra. "Despois de sacalas do molde, estucámolas para que queden cunha textura máis lisa", comenta Carmen Armendáriz.

O deseño é outro dos valores engadidos das súas pezas. "Cando pensamos unha peza, dámoslle moitas voltas antes de decidirnos a sacala", explica a artesá. Cando teñen unha idea, comezan a facer debuxos e probas con distintos movementos e expresións ata que atopan unha que os convence de verdade. "As nosas pezas teñen unha expresividade especial e iso témolo que ir buscando antes de poñernos a modelar en barro para facer os moldes", comenta.

Charamusca coida o deseño e o acabado cada unha das pezas que elabora e vende. Mesmo hai veces que chegan a poñerlles nome porque lles teñen un cariño especial, porque están inspiradas nalgunha persoa ou porque teñen que ver con algunha anécdota relacionada con eles.

Carmen Armendáriz e Quico Guillán estudan na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña, na especialidade de Técnicas de Volume. No ano 1996 deciden crear o obradoiro de artesanía Charamusca, como un espazo no que desenvolver os seus coñecementos.

Dende entón, ademais da creación propia, encárganse de realizar a decoración de varios locais, escenarios teatrais, a reprodución en fibra de vidro da fauna autóctona galega para o museo etnográfico de Poboa de Trives, etc.

Participaron tamén en varios certames do premio Antón Fraguas da Deputación da Coruña no que resultaron seleccionadas varias das súas pezas.

Entre as feiras nas que participa Charamusca destacan a Mostrart da Coruña e mais as feiras de San Sebastián e Bilbao. "No País Vasco temos moito éxito, non hai artesáns alá que se dediquen ao cartón pedra e as nosas pezas gustan moito", comenta Carmen.

Coñece máis

A colección de lámpadas Furalús de Charamusca é o resultado da participación deste obradoiro nun proxecto de incorporación do deseño ao sector artesán, impulsado pola Fundación española para la innovación de la artesanía e no que participou a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

 

A participación dos profesionais galegos foi moi elevada, un total de 20 obradoiros artesáns que traballaron con outros tantos deseñadores para conseguir elaborar pezas nas que a innovación e a modernidade fosen factores fundamentais.

Charamusca traballou en colaboración co deseñador Josep Guiu para crear Furalús, un conxunto de lámpadas decorativas realizadas en cartón pedra, que ofrecen unha luz cálida e acolledora. A partir de volumes tan simples coma o cilindro e o prisma cadrado, Carmen Armendáriz e Quico Guillán combinaron buracos e materiais translúcidos ata que conseguiron crear estas pezas únicas, que se poden observar tanto acesas como apagadas.

As lámpadas Furalús están dispoñibles en catro formatos (dous de teito, unha circular e outra cadrada; e dous de sobremesa, unha circular e outra cadrada) e nunha ampla gama de cores e acabados, que permiten adaptarse a multitude de ambientes.

  • Peza 1

    Peza 1

  • Peza 2

    Peza 2

  • Peza 3

    Peza 3

  • Peza 4

    Peza 4

  • Peza 5

    Peza 5

  • Peza 6

    Peza 6

  • Peza 7

    Peza 7

  • Peza 8

    Peza 8

  • Peza 9

    Peza 9

Enderezo

Lugar de Canedo, 4B. San Mamede

15293 Carnota

A Coruña

  • Teléfono: 639 575 478