Daniel Prieto Rodríguez

Nun enclave único situado no concello de Sanxenxo a pé entre a turística Illa da Toxa e a tradición da Hermida da Lanzada sitúase este obradoiro de tornería e restauración de mobiliario creado a finais do ano 2008 dentro dun taller de carpintería con máis de 20 anos de experiencia no sector, onde o fundamental é a calidade da materia prima e dos acabados.

Á esquerda un exemplo de peza a dúas madeiras e á dereita unha peza da colección xadrez No obradoiro, debido á necesidade de madeiras de calidade cun secado óptimo, preferimos recoller nós mesmos a madeira, poñela a secar de maneira tradicional, sen présas. Preferentemente traballamos as madeiras galegas, pola súa excelente calidade. Neste grupo de madeiras inclúense: o carballo, o castiñeiro, o piñeiro, as acacias, a nogueira" entre outras. Tamén utilizamos madeiras foráneas, dentro das que se inclúen: o sapelly, o iroko (teka), o carballo americano ou o francés, a faia, entre outras, tratándoas todas co mesmo cariño e dedicación. No obradoiro gústannos os contrastes, por iso facemos unha variedade de pezas de distintas madeiras, incluíndo tamén o aceiro e algunha talla na fabricación das pezas. Entre as pezas pódense atopar pezas decorativas, artísticas ou de uso cotián e de estilo clásico ou moderno.

Exemplo do proceso que sofren unhas portas de máis de cen anos Neste obradoiro tamén se restauran mobles antigos, os cales na maioría dos casos chegan nun pésimo estado, con problemas de carcoma, e con pezas rotas ou que se perderon. O primeiro paso que se fai é tratar o problema da carcoma, aplicándolle un produto antixilófagos, e deixando que actúe envolto nun plástico durante uns 15 días. Despois procedemos ao retirado do verniz existente e á retirada das ferraxes antigas e deterioradas. O seguinte paso é o lixado do moble ata que se lle sacan a maioría das manchas, tamén se limpan as ferraxes antigas se se poden aproveitar para o moble. Despois procédese a comprobar se ao moble lle falta algunha peza ou se a ten rota para facer unha peza nova acorde co moble ou igual á que está rota. A continuación dáselle unha imprimación e un verniz acorde co moble, co lugar onde vai ubicado e co gusto do cliente. Por último, procédese a escoller as ferraxes novas se as antigas non serviron e tamén se escollen os cristais, no caso de que o moble os leve.

Artesanía única

Reloxo de parede, copa reciclada e figura con soporte Neste apartado fanse pezas únicas e irrepetibles sendo a nosa maior fonte de inspiración e abastecemento a natureza, da que se recollen infinidade de madeiras e de ramas con formas diversas, que disparan a imaxinación do artesán. Estes materiais utilízanse para a confección de bastóns, de soportes para figuras ou de adornos. Tamén se recicla todo tipo de materiais como por exemplo copas ou floreiros de barro. Para isto usamos toda a nosa imaxinación e os mellores materias posibles.

 

Son Daniel Prieto Rodríguez, mais coñecido por Danilo. Dende ben cativo sempre me gustou xogar coa madeira en detrimento dos xogos normais dun cativo, cando meu pai algún sábado me levaba con el ao taller eu quedaba abraiado vendo como collía un tronco de madeira sen ningunha forma e, servíndose da súa destreza, dos seus coñecementos e, como non, dalgunha máquina e ferramentas manuais, lle daba a forma que el quería, a que el tiña na súa cabeza. Eu intentaba imitalo, a menor escala claro, e sempre fracasaba. Co transcorrer dos anos, e despois de moitas explicacións por parte de meu pai, comecei a collerlle o truco, e entón foi cando me din conta que era a isto ao que me quería dedicar nun futuro. Aínda hoxe gardo algunha das ferramentas manuais que el empregaba antigamente no traballo da madeira.

Co transcorrer dos anos empecei a interesarme pola tornería. Entón meus pais regaláronme o meu primeiro torno cando eu tiña uns 12 anos. Seguín estudando e rematei E.X.B. Entón xurdiu o primeiro problema, eu non quería estudar máis, eu o que quería era meterme no taller a traballar, pero meus pais persuadíronme, e convencéronme de que era mala idea. Entón cursei os estudos de auxiliar administrativo, para nun futuro saber levar unha empresa, e despois fixen o ciclo medio de madeira. Comecei a traballar no taller familiar, pero calquera momento que eu tiña aproveitábao para poñerme a tornear e cada vez a adquirir máis destreza e a perfeccionar a maneira de tornear, sempre me gustou a artesanía, o tradicional e, sobre todo, o saber facer das xentes galegas. Cada vez que había unha feira de artesanía acudía para ver o que alí había e funme dando conta de que o que eu facía era artesanía e foi entón cando me decidín a solicitar a carta de artesán e a licenza de obradoiro. E aquí estou expoñendo os meus traballos e intentando converter un pasatempo dun cativo no traballo e sustento dun home.

Maneira de traballar

Nesta nova andaina vou intentar traballar por encarga, pero sempre haberá no meu obradoiro pezas para aquelas persoas que, de paso pola pequena e acolledora vila de Vilalonga, queiran levar un recordo deste fascinante enclave onde se unen tradición, lendas, modernismo e o saber facer das súas xentes.

 

  • Soporte para gaiola

    Soporte para gaiola

  • Reloxo de pé

    Reloxo de pé

    Os puntos das horas son números romanos tallados.

  • Reloxo de parede

    Reloxo de parede

    Os puntos das horas son bolas de aceiro.

  • Soporte figura

    Soporte figura

  • Bastóns

    Bastóns

    Un bastón diferente para cada persoa.

  • Colgador de entrada

    Colgador de entrada

    Do que a base tanto se pode usar de paragüeiro como de maceteiro

Enderezo

Piñeiros nº38. Vilalonga

36990 Sanxenxo

Pontevedra

  • Teléfono: 660 116 846