Jaime Piñeiro Borrajo

Xaime Piñeiro, despois de distintas localizacións, sempre dentro da súa comarca (Allariz), monta o seu obradoiro actual na aldea de Vilar de Flores a 3 Km da vila de Allariz, espazo que lle permite por fin acadar un certo desenvolvemento. Dispón neste obradoiro de varios tornos oleiros, necesarios para a creación de pezas de grande e pequeno formato; así como distintos fornos: un de grande capacidade para as grandes pezas e esculturas, outro feito por el mesmo para desenvolver a técnica Rakú, da cal é un grande apaixonado, un pequeno de gas para facer as probas e, por último, un forno eléctrico para as encomendas ou para encargos máis puntuais.

O seu labor no obradoiro caracterízase preferentemente por dúas actividades ben diferenciadas: unha, dirixida a desenvolver a súa faceta máis experimentadora e creativa, producindo as pezas máis artísticas; e outra encamiñada a sacar adiante as encomendas e as pezas máis comerciais dirixidas ao gran público.

As pezas mais artísticas e creativas son o produto dunha constancia experimentadora innata da súa inquietude artística. Dentro desta área atoparíanse dende as terracotas de corte máis primitivista da súa primeira época, ata a liña máis contemporánea inspirada na propia natureza.

Cerámica artística

Este tipo de pezas son o resultado dunha investigación das formas e texturas inspiradas na natureza, baseándose en elementos como poden ser sementes, bulbos, cortizas, cantos rodados, etc.

 

O artista explora as innumerables posibilidades técnicas con óxidos e vidrados, froito de longas experimentacións.

As coccións de alta temperatura dotan as pezas dunha calidez, resistencia e matices únicos, onde o lume deixa a derradeira pegada.

Cerámica artesanal

A cerámica dirixida á comercialización prodúcese cun mesmo senso creativo, onde a mitoloxía e a Galicia lexendaria acadan un papel predominante. Estes traballos xiran entorno a personaxes míticos presentes na nosa cultura oral e etnográfica.

 

Desta fonte do imaxinario colectivo galego xorden as series sobre mouras e outros seres míticos e máxicos, así coma os distintos animais cunha carga simbólica para as nosas xentes.

Xaime Piñeiro, ceramista de Allariz con vocación autodidacta, descobre o mundo da cerámica a principios da década dos 80. Nas súas primeiras incursións realiza terracotas de corte primitivista, sempre con pretensións artísticas, cocidas nun pequeno e rústico forno de leña de tiro directo realizado por el mesmo.

Será a principios da seguinte década cando, coa adquisición dun forno eléctrico, dá o salto cara á cerámica máis comercial e realiza pezas co apoio de moldes e acabados con vidrados comerciais, cerámicas estas con influencia da cultura castrexa.

Nos anos 1996, 97 e 98 participa como anfitrión na área de cerámica en representación do Concello de Allariz no programa CEIACT (Centros Europeos de Intercambio de Arte, Cultura e Tradición), participando en simposios, accións e exposicións en Montealegre (Portugal), Allariz (Galicia) e Hastière Namur (Bélxica).

Nos anos 1998 e 1999 realiza estancias de formación no obradoiro de cerámica de Bernard Thirand e Catherine Delbruyere (Bélxica),afondando no manexo do torno oleiro, na composición de vidrados cerámicos, Técnica Rakú e construción de fornos.

Na actualidade comparte o seu obradoiro de Vilar de Flores coa súa compañeira Eva Casado Blanco, licenciada en Belas Artes que colabora nos deseños das pezas comerciais e produce tamén a súa propia cerámica.

Jaime Piñeiro. El Mundo Infinito de la Cerámica

Xaime Piñeiro alterna o seu traballo no obradoiro coa docencia, impartindo clases de torno oleiro na Escola de Artes e Oficios de Ourense, así como diferentes obradoiros de cerámica creativa e demostracións en colexios, campamentos de verán, feiras de artesanía, etc.

Enderezo

Praza do Curro, 13. Vilar de Flores

32660 Allariz

Ourense

  • Teléfono: 629 349 899
  • Email: bercedolume@terra.es