José Luis Tejedor

O obradoiro de Jose Luis Tejedor en Bertamiráns (Ames) dedícase exclusivamente á elaboración de vidreiras dende o ano 1994. Realiza traballos por encargos, especialmente de particulares, aínda que tamén traballa para institucións públicas (especialmente concellos) e, en menor medida, para a Igrexa. O seu obradoiro está cheo de luz, un detalle fundamental segundo el mesmo comenta para poder elaborar ben unha vidreira. Traballa con diferentes tipos de vidros, en función do que pida o cliente, e a técnica que máis emprega é a tradicional, unindo os vidros con chumbo, aínda para acadar certos efectos emprega outras coma o fussing.

O proceso de elaboración artesanal dunha vidreira comeza na realización dun primeiro bocexo a escala, con tintas e acuarelas, que se lle amosa ao cliente e que se irá modificando ao tempo que se elabora a vidreira. Cómpre deixar todo definido antes de comezar a nada: o tipo de vidro que hai, onde vai o esmalte, se hai figuras, etc. Debúxase unha maqueta a escala real na que cada peza irá delimitada e que, despois se calcará a unha cartolina. O proceso debe ser moi minucioso para evitar que se cometan irregularidades na execución da vidreira e as pezas deben estar todas numeradas para controlar o proceso unha vez que se corta a cartolina para ter referencias do tamaño e da forma que terá cada anaco de vidro. Para cortalas úsanse unhas tesoiras especiais que deixan unha tiriña de cartón entre as pezas que cortan e que se corresponde co espazo que ocupará despois a vara de chumbo, na que se van encaixar os vidros. Despois, haberá que escoller o vidro e cortalo con precisión grazas a unha máquina especial, aínda que se adoitan retocar para axustalas ao tamaño das cartolinas.

Ás veces, é preciso esmaltar as pezas de vidro antes de chumbalas. A técnica que emprega Jose Luis Tejedor tamén é artesanal. As pezas esmaltadas téñense que cocer unha primeira vez, a 600 ºC, co que se consegue transformar o esmalte nunha parte integrante do vidro.

Despois esmáltase de novo e non se volve cocer ata que non estea rematado. "Gústame traballar con esmaltes que van ao forno porque así o esmalte fúndese, vitrifica e permanece indeleble durante anos e anos. Esta é a técnica auténtica", explica o artesán.

Cando as pezas de vidro están cocidas, faise a montaxe definitiva con varas de chumbo maleable. "Chumbar é como facer un crebacabezas" comenta, "aínda que se traballo con pezas moi complexas chúmboas á parte e intégroas despois na vidreira". Para que quede fixo o chumbo, sóldanse as unións con estaño dun lado e do outro da vidreira. Despois, dáselle á vidreira unha pasta líquida que a dota de rixidez e de impermeabilidade. Así e todo, será preciso tamén colocarlle unhas variñas de aceiro que seguen o debuxo da vidreira para que non se afrouxe e non se dobre, que van soldadas ao chumbo, ademais dun marco en forma de U que suxeita todo o perímetro da vidreira. A última fase do proceso é a colocación da vidreira aínda que o artesán xa debe coñecer dende o principio cal é o lugar que o cliente lle ten destinado, porque dese espazo " e da cantidade de luz que entre a través dela " vai depender o tipo de vidro empregado, as cores ou a disposición dos debuxos.

Artesanía única

Jose Luis Tejedor leva anos desenvolvendo un estilo propio na elaboración das vidreiras, aínda que ao traballar por encargo o estilo de moitas das súas pezas estará en función das peticións do cliente. "Encántame cando un cliente me di que podo facer o que a min me pareza " explica o artesán " porque esas pezas de creación son máis miñas e tamén máis persoais, xa que a vidreira que lle fago a unha persoa non serve para outra".

O artesán aplica o seu estilo de vidreira, a medio camiño entre o abstracto e o figurativo, ás necesidades do cliente ou ao lugar no que se vaia situar a peza. "Unha vez fixen unha vidreira para o ático dunha casa cunha necesidade concreta: impedir a entrada dos raios de sol para protexer a madeira.

O único vidro que é capaz de deter os raios daniños do sol é o de cor vermella. Así que fixen unha composición mesturando esta cor coa laranxa, que lles solucionou o problema", indica.

O traballo artesán de José Luis Tejedor está moi ligado ás artes e, en especial, á pintura. "Son actividades case irmás xa que a vidreira se podería considerar un xeito de pintar con vidro", explica. Con todo, o seu traballo vai máis alá dos encargos de temática heráldica, relixiosa ou á liberdade da creación propia. Ás veces, o artesán ten que lle facer fronte a un reto maior. "Hai xente que me trae fotografías para que llelas faga en vidro. Eu interpreto en vidreira o que eles queren que se transmita e aplícolle o meu estilo propio " comenta " así é como podo aplicar a miña faceta máis artística".

José Luis Tejedor introdúcese no eido da artesanía do vidro no ano 1983, grazas a un un curso que realiza en Santiago durante 9 meses. "Foi un curso moi elemental, só nos ensinaron o básico: cortar o vidro e chumbar", comenta, "Pero foi xusto o necesario para facer que me interesase polas vidreiras e por querer aprender moito máis".

Estas inquedanzas foron as que o levaron a solicitar unha bolsa de formación da Xunta de Galicia, que lle permitiu estudar na escola Massana de Barcelona durante varios meses. Esta experiencia, que complementou coa aprendizaxe do oficio no obradoiro particular do seu mestre, marca a súa traxectoria profesional. No ano 1986 consegue outra bolsa para estudar 4 meses en París e unha vez que regresa a Galiza xa comeza a traballar o vidro profesionalmente, aínda que combina esta actividade coa cerámica.

En 1994 decide dedicarse exclusivamente á vidreira e dous anos despois comeza a súa formación na facultade de Belas Artes, en Pontevedra.

A partir deste momento, Jose Luis Tejedor sométese a unha aprendizaxe continua na que combina a súa experiencia no obradoiro con actividades de formación que lle permiten investigar en novas vías de expresión. Combina o seu oficio artesán coa súa faceta máis artística xa que, ademais de elaborar vidreiras por encargo, deseña tamén seguindo o seu propio estilo.

Coñece máis

 

Un dos elementos que destacan nas vidreiras que elabora Jose Luis Tejedor é a innovadora técnica que emprega para unir os anacos de vidro nalgunhas das súas pezas.

Este método consiste en substituír o chumbo por un tipo de aceiro especial denominado aceiro corten. Trátase dun material moi peculiar que se enferruxa deseguido e dálle ás pezas unha característica cor alaranxada. É o propio óxido o que impide que a corrosión avance e o que protexe a vidreira.

"Para traballar con este método, recorto o aceiro corten e vou formando algo semellante a fiestras de aceiro pequenas. En cada unha delas pego un vidro", explica o artesán.

Así e todo, unha vidreira ha destacar sobre as outras elaboradas polo artesán Jose Luis Tejedor: a nova vidreira do Parlamento de Galicia que estará rematada en decembro de 2007. O artista e intelectual Isaac Díaz Pardo é o encargado de deseñar os 37 metros cadrados de vidreira (60 paneis en total) que estará elaborada con vidro soprado e para a que han ser precisas máis de 3.000 pezas esmaltadas ao lume e gravadas con ácido.

A obra " que vai compartir espazo coa vidreira deseñada por Laxeiro en 1989 " vaise colocar na parede frontal do hemiciclo e nas dúas cristaleiras situadas na tribuna da sala.

  • Ciudatella

    Ciudatella

    Ciudatella

  • Lirios

    Lirios

    Lirios

  • Vidriera 1

    Vidriera 1

    Vidriera 1

  • Modernista I

    Modernista I

    Modernista I

  • Modernista II

    Modernista II

    Modernista II

  • Vidriera (homenaje a Lugrís)

    Vidriera (homenaje a Lugrís)

    Vidriera (homenaje a Lugrís)

  • Geometría I

    Geometría I

    Geometría I

  • Geometría II

    Geometría II

    Geometría II

  • Geometría III

    Geometría III

    Geometría III

  • Armador

    Armador

    Armador

Enderezo

Ctra.de Noia, Km 8

15220 Ames

A Coruña

  • Teléfono: 981 883 284