Jose Francisco Escudero Carril

Moi preto da cidade da Coruña atópase o obradoiro de escultura de Francisco Escudero, cuxo prestixio está recoñecido en todo o territorio galego aínda que o seu ámbito de traballo é basicamente local. Xorde como actividade profesional no ano 1986 dedicándose nos seus inicios basicamente á obra por encarga onde o cliente elixe o deseño que quere, pero incorporando ao longo do tempo á súa actividade tamén a obra creativa de autor onde a orixinalidade e a creatividade do artesán e artista cérnese como protagonista do deseño e da peza en si.

Así, na actualidade neste obradoiro estase a materializar en obras cada vez con máis personalidade a experiencia e a aprendizaxe adquirida grazas aos anos, dedicación, moita formación e gañas de superarse día a día; e produto desta evolución lóxica na carreira profesional, moitas obras xorden por mor de propostas de deseño que se fan desde este obradoiro, sen descoidar en ningún momento a atención ás ideas e ás demandas do cliente para o cal a profesionalidade queda a disposición do mesmo en todo momento. A actividade desenvólvese fundamentalmente con pedra, en concreto o granito galego é o material máis usado aínda que se fan pezas de mármore e tamén doutros materiais como madeira, bronce ou cerámica aínda que tamén ocasionalmente traballa con outros materiais que normalmente non se usan en escultura por estar considerados de proceso e non definitivos como por exemplo a escaiola ou o poliéster. Ningún material é desprezado neste obradoiro pois todos aportan opcións e acabados diferentes de traballo. Así mesmo paralelamente á escultura tamén realiza outro tipo de actividades como a pintura.

O granito galego é o material máis usado aínda que se fan pezas de mármore e tamén doutros materiais como madeira, bronce, cerámica, etc.

O proceso creativo ten varias fases, a primeira e non menos importante é a toma de contacto co cliente. Nese momento é cando se chega á concepción da idea que ten dito cliente para poder ser asumida e de forma precisa materializala na peza. É unha etapa na que se aprende moito "a sensibilidade do cliente sempre me ensinou algo, hai xente que non sabe traballar cos materiais nin é artesán nin artista pero ten moita sensibilidade á hora de encargar unha obra" comenta o artesán-. Logo de interpretar a idea faise o deseño, ben sobre papel ou a través dunha maqueta que poderá ser aceptado polo cliente ou retocado coas modificacións pertinentes. Unha vez aprobado empézase a traballar sobre a peza definitiva. Esta fase pode durar moito tempo pero ese tempo será sempre o inicialmente pactado respectando os prazos de entrega de forma exacta. No obradoiro de Francisco Escudero tamén investiron parte da súa formación alumnos da Escola de Artes y Oficios da Coruña xa que algúns deles, cun rigoroso proceso de selección por parte do artista, van facer alí as prácticas, o que lles proporciona un beneficio mutuo: os alumnos están en contacto coa profesión e perfeccionan a súa disciplina cun prestixioso escultor avalado pola alta consideración sobre a súa obra e ao mesmo tempo ideas novas, novas tendencias e perspectivas diferentes entran no obradoiro ás que o artesán non despreza senón acepta con gusto para seguir aprendendo e refrescando a súa creatividade con ar novo.

Artesanía única

O prestixio de Francisco Escudero fundaméntase basicamente en dúas frontes que actúan como vantaxes distintivas: a calidade do traballo e o trato co cliente.

A calidade do seu impecable traballo está avalada en primeiro lugar pola extensa formación da que dispón o escultor, en segundo lugar polos anos de contrastada experiencia que é a mellor garantía de que un autor consegue o perfeccionamento necesario para ser un profesional de primeiro nivel. Ademáis disto, este obradoiro conta cun activo intanxible que é a actitude minuciosa e escrupulosamente perfeccionista do artesán. Francisco é un escultor que ama cada peza coa que está traballando e pon todo o seu empeño en que a obra remate cubrindo a totalidade das súas expectativas de calidade e dun traballo acorde co seu grado de exixencia.

Non se permite nunca crear algo co que non estea totalmente satisfeito polo que unha das máximas no seu labor é non aceptar nunca ningún traballo que teña que ser desenvolvido con presa nin contra o reloxo. Necesita deleitarse con cada paso que avanza na obra e mesmo analizala coidadosamente posto que desa análise tamén atopa motivos para o seu aprendizaxe e evolución: "cada traballo que fago é moi importante, e necesito que saia mastigado, que se lle poda dar un tempo de repouso ao feito para poder analizalo, criticalo," sinala Francisco-. No trato co cliente ten tamén unha actitude de respecto, de percepción dos desexos do mesmo, tratando de chegar á súa sensibilidade para captar de forma precisa o que verdadeiramente quere. Tamén de seriedade no cumprimento dos prazos, actitude grazas á cal é recoñecido e contan cos seus traballos numerosos organismos e particulares a parte tamén, loxicamente, do grao de calidade que ofrece.

Jose Francisco Escudero Carril é o prestixioso escultor que lle da nome a este obradoiro do Concello de Abegondo. A súa vocación xorde por unha tradición que desde 1870 da man do seu avó, logo o seu pai e agora el, segue perpetuándose a través das xeracións, amosándonos que neste caso é un oficio que se leva nos xenes. Francisco leva trinta e tres anos no mundo da escultura dos que os dez primeiros dedicounos a formarse posto que para o artesán é fundamental ter unha boa base técnica, "Sempre procurei ter unha formación e coñecementos técnicos para non ter límites á hora de crear, poder facer todo o que quero" "confesa Francisco-. Aos quince anos ingresou na Escuela de Artes e Oficios da Coruña a estudar talla en madeira, aínda que o que el pretendía era traballar coa pedra non había nese momento ningunha disciplina para esta vertente. De todos modos encheu a súa formación de coñecementos técnicos moi útiles para logo aplicalos a outros materiais e ao mundo da escultura.

Despois de rematar os estudos tivo a oportunidade de traballar nun obradoiro de canteiros con moitos coñecementos sobre a pedra e o traballo manual con ela e aí desenvolveu e perfeccionou a técnica durante sete meses feito que, unido á base formativa que tiña en debuxo, historia da arte, modelado, etc proporcionoulle unha gran fortaleza profesional que lle permitiu desenvolver o traballo de escultor axilmente e con moita facilidade.

Xa entrados os anos 80 obtivo unha beca para ir a Italia a perfeccionar a técnica do mármore, concretamente estivo en Carrara, localidade onde o famoso Miguel Ángel obtiña o mármore para as súas obras. Alí hai moitas escolas e obradoiros nos que especializarse, Francisco optou por participar directamente nos obradoiros e perfeccionar a técnica sobre a práctica. Alí traballaba polo día e de noite ía á Escola de Bellas Artes a practicar o debuxo. Esta experiencia foi moi interesante e frutífera posto que alí coñeceu a moitos artistas de todas partes do mundo o que supuxo estar en contacto con diferentes culturas, estilos e ideas e enriquecerse como artesán e como artista.

Foi ao cabo dese ano, unha vez que xa conseguiu a formación e aprendizaxe que consideraba necesario para obter a destreza que lle permitiría traballar todo tipo de disciplinas do mundo da escultura, cando se estableceu definitivamente como obradoiro e comezou a exercer profesionalmente como escultor.

Ao longo da súa carreira como profesional tamén estivo en contacto coa docencia traballando varias veces como profesor na Escuela de Artes y Oficios da Coruña, actividade que lle resultou moi gratificante ao ter a posibilidade de estar en contacto con potenciais artistas e axudando a canalizar as súas dotes e a xenialidade polo camiño da arte e a artesanía. Así mesmo tamén colabora en diversos organismos como AGA ou a Deputación como xurado en concursos.

Coñece máis

A Coruña os seus arredores son sede de numerosas esculturas de Francisco Escudero, así poderemos atopar estatuas como a de Castelao na Plaza del Humor a Breogán na de San Cristóbal, a do Doctor Juan Neira, Baltasar Pardal e o Xeneral Porlier, a de Árbol-Hombre no pazo de Mariñán, Os Emigrantes en Oleiros entre moitas outras.

Por outra banda tamén é ilustrativo do talento do escultor o feito de que as súas obras foron galardoadas con destacados premios no mundo da arte entre os que se poden relacionar o Premio adquisición X Certamen de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, I Premio de Escultura do I Certamen de Cantería de Parga, I Premio de Escultura do I Certamen de Artes de Burela, I Premio de Escultura dol Certamen "Ciudad de Mondoñedo" e Mención de Honor en Escultura do VI Certamen de Artes Plásticas, "Cidade de Lugo" entre os máis destacados. Os traballos de Francisco divulgáronse tamén a través de diversas exposicións polo territorio español e incluso en Francia.

Xa nos anos 80 foi membro dun grupo multidisciplinar chamado Arrancadilla co cal organizaba exposicións nas cidades natais de cada membro.

En medio do seu traballo como profesional individual tamén se deben mencionar as actividades de colaboración con outros escultores do ámbito rexional cos cales participou nalgunha obra conxunta, unindo talentos e poñendo en común opinións, estilos, métodos e, por que non, a grata experiencia de traballar xuntos nun proxecto que se resumirá nunha mestura de xenialidades.

  • Escultura 1

    Escultura 1

  • Escultura 2

    Escultura 2

  • Escultura 3

    Escultura 3

  • Escultura 4

    Escultura 4

  • Escultura 5

    Escultura 5

  • Escultura 6

    Escultura 6

  • Escultura 7

    Escultura 7

  • Escultura 8

    Escultura 8

  • Escultura 9

    Escultura 9

  • Escultura 10

    Escultura 10

  • Escultura 11

    Escultura 11

Enderezo

San Román, Nº36. Orto

15318 Abegondo

A Coruña

  • Teléfono: 606 319 035
  • Email: escudero.escultor@gmail.com