Liño de Galicia S.L.

Liño de Galicia, S.L. é un obradoiro que vén desempeñando un importante labor de recuperación da tradición da antiga manufactura do liño téxtil, unhas actividades que se foron perdendo co paso do tempo e que hoxe gozan cada vez de maior prestixio.

A empresa Liño de Galicia está ligada á Asociación Amigos do Liño, creada no ano 1996 co obxectivo de dar a coñecer tanto este material como as técnicas tradicionais de manipulalo. O traballo de Liño de Galicia pódese ver en directo no Castelo de Vimianzo, onde se exhiben e se venden as pezas que se elaboran no obradoiro e se fan demostracións todos os días do ano. Nos teares dos que dispón este obradoiro na primeira planta do Castelo confecciónanse todo tipo de prendas: dende teas, lenzos, puntillas, mantelearía, cortinas, pantalóns, chaquetas, camisas ata traxes de cerimonia.

O obradoiro trata de reproducir as técnicas de traballo tradicional e artesanal do liño polo que se encarga de realizar todas as tarefas do proceso de elaboración das pezas, dende que a planta está na natureza ata que se converte en fibra e se loce nunha prenda de calidade. O proceso de transformación do liño é longo e coidadoso e pasa por diferentes etapas: sementeira, recolleita, secado, tascado, espadelado, restrelado, fiado, lavado do fío e, finalmente, a venda cara ao público. As técnicas que empregan para confeccionar as pezas son as mesmas que se empregaban tradicionalmente e que desenvolven artesás expertas que traballan co tear, cos palillos, co gancho, coa calceta ou co bordado.

Artesanía única

As propias características naturais do liño constitúen xa un unha vantaxe para as prendas que elaboran de xeito artesanal, posto que se trata dun tecido natural, suave e moi resistente. O resultado do seu traballo son prendas e tecidos elegantes, cómodos e frescos, que gozan de grande recoñecemento entre o sector téxtil e que ocupan un papel importante nos desfiles que moitas grandes firmas de moda organizan ao longo do ano.

 

O obradoiro Liño de Galicia traballa e vende as súas pezas nun marco privilexiado: o Castelo de Vimianzo. Durante todos os días do ano - agás os luns, que pecha o Castelo - participan na mostra Artesanía en vivo, que organizan a Deputación da Coruña e mais o Concello de Vimianzo.

A mostra Artesanía en vivo realízase dende o ano 1994 e nela preténdense amosar as artesanías máis representativas da comarca: encaixes, liño, acibeche, prataría, olaría, cantaría, cestaría, marquetaría, albardaría, coiro, sombreiraría ou zoquearía son os oficios que conforman a mostra. Os artesáns acoden cada día durante o verán e a Semana Santa, e as fins de semana do resto do ano; agás no caso do liño e do encaixe que van todos os días do ano.

 

Liño de Galicia

A artesá Carmen Riveiro impulsa a creación en 1996 da Asociación de Amigos do Liño ? da que hoxe é presidenta ? co obxectivo de poñer en valor este material e de recuperar a tradición cultural ao tempo que a artesanal. Grazas ao apoio dos veciños e das institucións, hoxe a Asociación conta con máis de 180 socios implicados en conservar o oficio tradicional.

Realizan cursos de formación sobre diferentes aspectos do liño: tecido, urdido e encolado, tecido téxtil, elaboración de papel de liño, decoración de teas ou tinguido de fibras téxtiles.

A Asociación conta cun espazo permanente de exposición e venda no Castelo de Vimianzo, onde se amosa todo o proceso de confección e se venden as pezas que elaboran.

Ademais, participaron en diferentes mostras tanto en Galiza coma no resto do Estado relacionadas coas diferentes aplicacións, formas de traballo e usos do fío de liño: tear, agulla de gancho, palillo, calceta, pinza, bordados e pezas rematadas.

Tamén participaron en exposicións sobre ferramentas e utensilios, de fibras téxtiles, de produtos derivados do liño e de subprodutos do proceso.

Coñece máis

O liño é unha planta que pode chegar a medir un metro e posúe unha flor de cor azul intenso. Seméntase na primavera e recóllese no verán, arrincándoo coas mans en pequenos feixes. Ese mesmo día comeza o proceso de elaboración co ripado, no que se separa a semente do tallo, peitéase e pásase ao proceso de enlagado, no que se somerxe no río durante oito días. Ponse a secar e faise o mazado golpeándoo para que se desprendan as impurezas, tríllase axudándose dun tractor e procédese ao tascado que é a separación da fibra e da palla, para o que é preciso que o liño estea quente. Despois faise o espadelado para que tan só quede a fibra limpa, restrélase peiteándoo para podelo manexar e finalmente chégase ao afiado e á creación das madeixas.

Existen tres variedades de liño: o liño frío ou grande é moi tardío, de pouco gran e bota uns talos altos e delgados dos que se extrae unha fibra ou fíos finos e longos ideal para a fabricación dos encaixes; o liño cálido que é achaparrado e ten os talos de pouca altura e ateigados de cápsulas, as fibras que dá son curtas e duras; e, por último, o liño mediano que ocupa o grao medio entre as outras dúas variedades.

  • Peza 1

    Peza 1

    Peza 1

  • Peza 2

    Peza 2

    Peza 2

  • Pieza 3

    Pieza 3

    Peza 3

  • Peza 4

    Peza 4

    Peza 4

  • Peza 5

    Peza 5

    Peza 5

  • Peza 6

    Peza 6

    Peza 6

Enderezo

Avda. da Coruña. Baio

15850 Zas

A Coruña

  • Teléfono: 981 718 596 / 696 268 923
  • Fax: 981751 415