Obradoiro de Gaitas Seivane

O actual Obradoiro de Gaitas Seivane abre as súas portas en Cambre no ano 1994, avalado por unha traxectoria profesional que supera os 60 anos de experiencia na construción de gaitas e doutros instrumentos tradicionais galegos. O seu fundador, Xosé Seivane Rivas, comeza a traballar no seu primeiro obradoiro artesán en Fonmiñá (A Pastoriza) no ano 1939. Esta longa experiencia reflíctese na alta calidade dos instrumentos que saen do obradoiro Seivane cara a todo o mundo.

O obradoiro de Gaitas Seivane dispón dunhas completas e modernas instalacións que cobren todos e cada un dos pasos e tratamentos de materias primas necesarios para conseguir as gaitas que tanto renome teñen entre os músicos tradicionais. Dende a tala das madeiras nobres, ou a importación das mesmas no caso de non seren galegas, ata a entrega dos instrumentos perfectamente acabados e afinados, o Obradoiro de Gaitas Seivane é quen de conxugar a utilización da máis moderna tecnoloxía coa máis antiga metodoloxía artesá. Isto permítelle sacar vantaxe das ferramentas modernas para conseguir gaitas tecnicamente perfectas sen perder de vista a máis pura tradición musical galega. No obradoiro elabóranse fundamentalmente gaitas aínda que tamén se constrúen estoxos para gardar e protexer os instrumentos e os punteiros, foles de Gore-Tex que se poden mercar á parte, boquillas de punteiro en buxo, ou un conxunto de tonalidade, que permite cambiar o ton dunha gaita sen necesidade de adquirir unha segunda. No andar superior do obradoiro pódese visitar unha exposición permanente da colección de gaitas construídas pola familia Seivane dende 1939 ata hoxe en día e que contan con diferentes características, tonalidades e combinacións de fundas e farrapos. Entre elas, destaca a primeira gaita de Susana Seivane, feita á súa medida, cando só contaba tres anos de idade.

Na exposición tamén se poden ver algúns dos premios e distincións que lle foron outorgados á familia Seivane e ao obradoiro ao longo da súa historia, así como varias frautas, unha zanfona, un violín e outras curiosidades.

Ademais disto, o obradoiro de Gaitas Seivane é un referente fundamental na investigación e na evolución deste instrumento. As súas gaitas actuais ofrecen un rexistro dunha oitava e media (aínda que se poden chegar a acadar as dúas oitavas) e un cromatismo dunha calidade extraordinaria, que lle abriu novas posibilidades musicais a este instrumento.

Artesanía única

O Obradoiro de Gaitas Seivane converteuse xa nun referente na artesanía galega e tamén a primeira empresa que elabora, comercializa e exporta gaitas dende Galiza. A súa coidada selección de madeiras e doutros materiais que empregan para elaborar os instrumentos, así coma o esmero e a experiencia dos artesáns que os fabrican, permiten que as gaitas Seivane sexan produtos da máis alta calidade. O obradoiro de gaitas Seivane garante, por un período de dous anos, todos os seus instrumentos contra calquera defecto de fabricación ou vicio oculto nos seus compoñentes.

 

Outro dos elementos que fan únicos os produtos artesáns do Obradoiro de Gaitas Seivane é o novo pallón Seipal sintético.

Este elemento é o resultado da investigación dos artesáns do obradoiro na busca da estabilidade tonal en calquera condición de humidade e temperatura, pero manténdose fiel ao son do pallón tradicional de cana. Cos seus elementos sintéticos, compostos por unha amálgama de polímeros, conséguese unha total precisión e regularidade na súa construción e montaxe, que dá como resultado un elemento seguro e insensible aos cambios climáticos. Leva incorporada, nun dos seus extremos, unha válvula de corte que se intercambia con facilidade. Esta válvula cumpre unha dobre función e permite unha entrada de aire instantánea, á vez que un corte nítido e preciso do son ao baixar a presión do fol.

O pallón Seipal ofrece unha extraordinaria estabilidade tonal e tímbrica, unha longa duración e unha regularidade e potencia do seu son, co que se converte nun accesorio indispensable para os gaiteiros contemporáneos.

Xosé Manuel Seivane Rivas constrúe a súa primeira gaita no ano 1939, nun pequeno taller de Fonmiñá (A Pastoriza) e crea o primeiro selo Seivane. O artesán, que xa era gaiteiro e clarinetista, herda de seu pai a técnica de traballar a madeira e de súa nai a sensibilidade musical e moitas melodías de gaiteiros xa desaparecidos. Durante o seu servizo militar en Pontevedra, comeza a construír gaitas para o exército. Daquela, os instrumentos construíanos os ebanistas e os torneiros, mentres os gaiteiros se limitaban a afinalos e a elaborar as súas propias palletas.

Xosé Manuel Seivane foi unha das poucas persoas que reunían unha dobre condición: construtor de gaitas e gaiteiro.Anos máis tarde, consegue establecer o seu obradoiro en Ribeira de Piquín, primeiro só para abastecer os gaiteiros do seu ámbito aínda que axiña comezará a ter renome e a sona das súas gaitas superará fronteiras.

Os seus fillos Álvaro e Xosé Manuel seguen os seus pasos e aprenden dende nenos a técnica e os segredos da elaboración artesá destes instrumentos tradicionais. No ano 1972, Álvaro trasládase a Barcelona e acaba creando alí outro obradoiro a imaxe e semellanza do de seu pai.

Cando regresa a Galiza anímaos a todos a unirse de novo. Como resultado, créase en 1994 o actual obradoiro en Cambre.

Aínda que Xosé Manuel acostuma a estar no obradoiro, son os seus fillos Álvaro e Xosé os que o dirixen. Entre as incorporacións familiares á profesión destaca Susana Seivane, filla de Álvaro, unha gaiteira de recoñecido prestixio na música folk internacional. Os outros artesáns que conforman o obradoiro de Gaitas Seivane son Saínza Seivane - irmá de Susana - Roberto Portela Seivane (tamén neto de Xosé Manuel) e Moisés Facal Rial.

Coñece máis

A proxección internacional do Obradoiro de gaitas Seivane vén da man dunha das netas de Xosé Manuel Seivane: Susana. Dende moi nena, demostrou que tiña un don especial para a música e comezou a recibir unha formación integral en canto, baile, gaita, frauta, piano e instrumentos de percusión tradicionais galegos (vieiras, pandeireta, tambor e bombo). "Dende un principio, dábase conta se a gaita estaba ou non ben afinada e esixía que lla puxésemos ben", explica seu pai.

 

Aos 10 anos era reclamada para multitude de festivais, coincidindo e compartindo escenario con gaiteiros de renome (Ricardo Portela, Moxenas, Milladoiro...) que habían influír moito na súa carreira. Susana Seivane edita o seu primeiro disco no ano 1999 co que acada o respecto e a admiración do mundo da gaita e da música tradicional en Galiza. Neste traballo e nos seguintes, Susana demostra que conta cun estilo propio que recolle a música dos gaiteiros tradicionais ao tempo que a abre a influencias doutras músicas. Co seu segundo disco, Alma de buxo, consolídase como artista galega de referencia no ámbito da música folk. Comeza a colaborar con outros músicos, mesmo seu avó Xosé Manuel Seivane participa no disco, a introducir innovacións que enriquecen a súa música e a xogar coa súa voz como un instrumento máis. No ano 2001 resultou unha das cinco finalistas dos Indie Awards, os prestixiosos premios que cada ano outorga a Asociación de Música Independente de E.E.U.U. (AFIM), na categoría de mellor artista de Músicas Contemporáneas do Mundo.

Susana Seivane, leva polo mundo o apelido Seivane, os seus instrumentos e o repertorio tradicional galego. Esta proxección internacional do Obradoiro de gaitas, complétase coa súa páxina web (www.seivane.es), gañadora do Premio Innova do Ministerio de Industria no 2006. A páxina está elaborada en catro idiomas e un dos servizos que máis chaman a atención é o configurador de gaitas, que permite personaliza on line a gaita ideal para cada gaiteiro. Os interesados poden escoller a tonalidade do instrumento, os elementos sonoros, o tipo de madeira (pau santo, buxo, cocobolo e granadillo), os anelados (en metacrilato, latón, alpaca e prata, con ou sen gravado), vestir a súa gaita cunha rica diversidade de fundas, personalizala co seu nome ou calquera texto e adaptala á súa altura.

  • Gaita 1

    Gaita 1

  • Gaita 2

    Gaita 2

  • Gaita 3

    Gaita 3

  • Gaita 4

    Gaita 4

  • Gaita 5

    Gaita 5

  • Gaita 6

    Gaita 6

  • Gaita 7

    Gaita 7

  • Gaita 8

    Gaita 8

  • Gaita 8

    Gaita 8

Enderezo

Volteiro, Nº 1-B. Cecebre

15650 Cambre

A Coruña

  • Teléfono: 981 676 656
  • Fax: 981 676 656