Obradoiro Taxus

Nun fermoso espazo natural do concello de Vilarmaior atópase o obradoiro de Francisco Javier Pérez Martín, máis coñecido polo nome comercial Taxus, obradoiro de tornaría e talla de madeira onde se elaboran pezas dunha calidade extraordinaria de forma tradicional e coa aplicación de moitas técnicas de tornaría e talla incluso combinación das mesmas. Este obradoiro foi iniciado no ano 2001 despois de ter garantida a destreza necesaria para facer o máis exquisito que se poida facer coa materia prima que en Galiza ten un peso fundamental: a madeira.

Ás veces tamén talla marfil ou algún outro material a petición dalgún cliente, como por exemplo a concha de tartaruga. Así podémonos atopar como produtos calquera peza decorativa ou funcional, feitas baixo o uso de todos os estilos posibles, hai pezas clásicas e modernas, de estilo canónico ou abstracto, de torneado ornamental ou de talla, con cores naturais ou mesmo pintadas. Tamén existe unha parte da produción que se dedica ás pequenas pezas que se usan en restauración, patas ou pomos de mobles e outros accesorios que teñen que ser incorporados de xeito minuciosamente afín ao propio moble e mesmo fai pezas para xoiaría, as bases en madeira dunha xoia especial.

O proceso de produción vai desde o abasto e secado da madeira, valeirado, torneado-talla-textura ata o varnizado e pintura opcional.

O proceso de produción comeza co abastecemento da materia prima, proceso que ás veces pode ser complicado polas dificultades de atopar madeira cun grado de secado apropiado ou mesmo polas necesidades de provisión de madeiras foráneas aínda que a maioría das pezas están feitas con madeira galega. A pesar que se traballa tamén con madeira verde á que se lle aplica tratamento de secado lento e coidadoso o máis habitual e oportuno é utilizar madeira totalmente seca. Con isto xa temos que o segundo proceso é o secado, de ser o caso, proceso que se simultánea co resto. Unha vez elixida a parte da madeira que se vai usar procédese ao baleirado e posteriormente o torneado e tamén o tallado e a "texturización". Despois de que a peza está rematada veñen os acabados que se fan a base de aceites e ceras naturais de abella e carnauba, en pezas decorativas e aceites para pezas funcionais de cociña. Tamén este acabado se pode complementar con algunha pintura para darlle algo de cor. Xeralmente traballa por encarga aínda que ten un amplo stock de pezas rematadas que van xeralmente a tendas ou a feiras e mesmo para clientes que visitan directamente o obradoiro.

Artesanía única

A labor de tornaría como tantas actividades artesás require dunha destreza e un dominio total do torno así como dunhas aptitudes especiais que permitan traballar a madeira con moita paciencia e dedicación. No obradoiro Taxus ofrécese unha garantía de calidade baseada en primeiro termo na habilidade do artesán, a que demostrou xa nos inicios do obradoiro cando con tanta facilidade creaba pezas dunhas características formidables, e en segundo polo completo manexo de técnicas diferentes á hora de elaborar as pezas, así é que moitas delas teñen incorporada tamén procesos de tallado e textura.

 

Créanse moitos tipos de pezas, de todos os estilos, unhas máis sinxelas e outras cun grado de traballo moi alto pola minuciosidade da talla ou o torneado "ao límite" das posibilidades de practicalo. Así, estas dúas propiedades dos produtos de Taxus son as que verdadeiramente caracterizan as creacións deste obradoiro como excepcionais e notable orixinalidade.

O "descentrado" é unha técnica de que se basea en tornear en diferentes eixos a peza creando círculos excéntricos que lle confiren á peza un deseño orixinal, técnica moi complexa que moi poucos profesionais dominan e que neste obradoiro se emprega cunha naturalidade maxistral incluso ás veces o grosor do anaco que se "descentra" é tan reducido que é necesario unha pericia absoluta para non estragala. A talla tamén é frecuentemente empregada en pezas de ornamentación moi exquisitas, o grado de minuciosidade e de perfección deste traballo fai que moitas creacións vaian destinadas para clientes moi selectos como coleccionistas ou clientes encaprichados por algo tan especial.

Francisco Javier Pérez Martín é o artesán autodidacta que desde moi novo, os oito anos, tivo unha afinidade moi grande polo mundo da artesanía e pódese dicir que desde esa idade empezou o seu camiño como artesán ata converterse no profesional que na actualidade encarna a dirección e produción do obradoiro Taxus. Aínda que na familia hai algunha persoa que se dedica á artesanía como afección a súa vocación non responde a tradición algunha senón que foi espontánea en todo momento. Aprendeu a tallar por aqueles tempos novos cun amigo do seu pai e xa facía algunha peza como afección pero de forma continuada ata a iniciación do obradoiro. En idade escolar practicaba no tempo libre diversas artesanías, posto que as súas aptitudes como artesán non se limitaban tan só ao traballo coa madeira pois o vidro, a serigrafía, pedra, gravado tamén están presentes no seu currículo, "cando un primo do meu avó que daba clases en La Granja me levou a ver aquilo, quedei fascinado ao ver soprar o vidro, pero cando visitaba outro obradoiro doutra disciplina tamén me atraía, quería facelo todo"confesa Javier-.

Xa na adolescencia decantouse por cursar estudos universitarios da rama económica, aínda que a súa devoción non era esa, e dedicouse a moitas actividades na súa vida, dou clases particulares de diversas materias "cando tiña doce anos xa empecei a dar clases, había que axudar na economía familiar" "di o artesán, tamén traballou como deseñador de planos e mesmo estivo na rama de hostalería. Pero toda a súa actividade laboral sempre compartiu terreo coa labor artesá ata que no ano 1999 a idea de emprender un negocio artesán roldou pola súa cabeza e decidiu comprar un torno para descubrir se tiña aptitudes e destreza no traballo de tornaría. Ao cabo de tres meses xa tiña completamente dominada a materia, resultoulle incriblemente fácil e gustoulle polo que no 2001 comezou a súa actividade artesá pero esta vez de maneira profesional como obradoiro de tornaría e talla.

Tamén é causa do rápido aprendizaxe a continua actitude de estudio e investigación das técnicas de torneado ornamental e común, de talla e gravado de madeira a través do seguimento de bibliografía, publicacións, páxinas web e vídeos.

Javier Pérez Martín é membro de AITAN, (Asociación Ibérica de Torneros Artesanos de Madera), asociación de ámbito estatal a través da cal se leva a cabo a promoción deste sector e se intercambian opinións, experiencias e se resaltan as novas e a información de interese sobre esta actividade artesá.

Coñece máis

A tornaría é a día de hoxe unha actividade que non está moi estendida como dedicación profesional exclusiva. Son poucos os torneiros que tanto en Galiza como no resto de España se apoian nesta labor como único sustento económico o que fai que sexa aínda máis valorado e merecedor dunha consideración especial.

 

No proceso produtivo, unha das fases máis arriscadas do oficio é conseguir que a peza non se deforme debido aos movementos lentos pero continuos que sofre a madeira cando non está ben seca, a madeira aséntase co paso do tempo "A madeira está viva" "comenta Javier-. Son moitos os anos que son necesarios para que estea adecuadamente preparada para ser traballada sen risco, o que supón uns abastos de madeira en stock en proceso de secado que aseguren a súa disposición a medida que vai transcorrendo o tempo e se vai utilizando. Ás veces emprégase sen estar totalmente seca á espera de procesar e acelerar o secado artificialmente en fornos ou microondas pero esta labor non é a recomendable e primordialmente neste obradoiro se opta polo secado lento e seguro.

Cando se elabora, por exemplo, unha cunca de forma circular pode ocorrer que ao cabo dun mes a forma pase a ser elíptica ou ovalada e mesmo poden aparecer fendas ata que parte definitivamente., moitas pezas quedan sen o seu obxecto inicial e teñen que ser reutilizadas para outras pezas tratando de aproveitar partes da mesma. Isto confírelle a este oficio tamén maior valor ao ter en conta as dificultades coas que se enfronta un torneiro.

  • Peza 1

    Peza 1

  • Peza 2

    Peza 2

  • Peza 3

    Peza 3

  • Peza 4

    Peza 4

  • Peza 5

    Peza 5

  • Peza 6

    Peza 6

  • Peza 7

    Peza 7

  • Peza 8

    Peza 8

  • Peza 9

    Peza 9

  • Peza 10

    Peza 10

  • Peza 11

    Peza 11

  • Peza 12

    Peza 12

  • Peza 13

    Peza 13

  • Peza 14

    Peza 14

Enderezo

Lg. Vilamateo-Liñares, Nº27

15638 Vilarmaior

A Coruña

  • Teléfono: 981 781 927
  • Email: taller.taxus@wanadoo.es