Paz Luaces

O obradoiro artesán de cartón pedra de Paz Luaces créase no ano 2002 co obxectivo de producir e de vender pezas decorativas diferentes e de boa calidade. Paz Luaces céntrase en crear pezas artesás divertidas e cheas de cor que poidan encaixar en calquera espazo. Para elaboralas emprega cartón pedra en bruto, papel e outros derivados da celulosa. Os tratamentos que realiza fanse a base de cola celulósica e vinílica fundamentalmente. No seu traballo emprega dous procedementos básicos:

  • A produción maioritaria realízase a partir de moldes que se confeccionan no propio obradoiro. O seu traballo parte dunha idea sinxela que transforman nun volume e do cal se saca o molde en escaiola. Este molde énchese manualmente con láminas de cartón pedra humedecidas e tratadas con colas. Unha vez que está completamente seco o cartón sácase do molde e trátase a superficie de xeito que quede lisa e lista para que se lle poida aplicar a cor.
  • Traballos en papel cartón Outra boa parte da produción realízase a partir da pasta de cartón reciclado. Esta pasta trabállase a xeito de barro ou plastilina modelando de forma individual cada peza. Esta técnica consigue crear efectos moi variados e interesantes.

As pezas que elabora son sobre todo figuras de corte infantil para a decoración dos cuartos, elementos para as paredes, teitos e mesas. Unha parte máis pequena da súa produción está dedicada a elementos de bixutería (pendientes, colares, broches...) que tamén se realizan sobre cartón. Os produtos elabóranse de xeito manual, a creación do molde en escaiola, o recheo do molde, o recortado de bordes, o alisado de superficies, a imprimación, a pintura e o vernizado. O proceso de elaboración dos produtos é totalmente manual, dende a creación do molde, pasando polo recheo deste, recortado de bordes, alisado de superficies, imprimación, pintura e vernizado.

Artesanía única

Figuriñas en papel cartón As pezas que se elaboran no obradoiro de Paz Luaces están elaboradas a partir dun proceso totalmente manual e contan cun deseño exclusivo, que aseguran un toque de cor e de frescura en calquera ambiente no que se sitúen. A decoración destas pezas é o elemento que máis distingue estes produtos de calquera outros, xa que é a esta fase á que a artesá lle dedica máis tempo e esforzos. Para iso, emprega pinturas acrílicas protexidas con vernices. Despois, cos trazos do pincel consegue dotar de expresividade as súas pezas ata que se converten en figuras cargadas de luz e de cor.

"As persoas que merquen as pezas que se fan no meu obradoiro teñen garantido que levan unha peza tratada e decorada con mimo ata o mínimo detalle", explica Paz.

Paz Luaces López comeza a actividade artesá no ano 2002. Nese ano, deixa a súa profesión anterior para dedicarse á súa vocación como artesá. Fórmase na Escola de Artes e Oficios, onde realiza cursos de repuxado de coiro e de debuxo artístico e no mes de xullo de 2002 concédenlle a carta de artesá polas actividades de repuxado e decorado de coiro e mais de cartón pedra. "O cartón pedra reúne todos os requisitos que eu precisaba para plasmar as miñas ideas, xa que é un soporte moi versátil e agradecido", explica a artesá.

Dirixe entón a súa actividade profesional cara á elaboración de pezas de cartón pedra, coas que se presenta por primeira vez a unha feira de artesanía: Ofeitoamán de Vigo, no Nadal dese mesmo ano. Dende entón, dedica a maior parte do seu tempo á produción de pezas artesás de cartón pedra para presentar en feiras de calidade, así como para surtir os comercios que periodicamente lle fan pedidos dende diversos puntos de España. De xeito máis esporádico, imparte cursos de iniciación ao cartón pedra para nenos e adultos.

As feiras nas que participa son a Mostrart na Coruña, Ofeitoamán de Vigo, a feira de artesanía de Segovia, a feira Marabilla soa de Muros, a feira de artesanía de Ourense, o Festival intercéltico de Moaña ou a feira profesional Primavera- Feira norte no regalo, que se celebra en Santiago de Compostela.

Coñece máis

Paz Luaces emprega material reciclado para elaborar unha grande parte dos seus produtos. A idea partiu de tentar aproveitar os recortes de cartón pedra en bruto que lle sobraban cando enchía os moldes. A estes recortes engádenselle restos doutros cartóns, os cartóns dos ovos, etc. Unha vez desfeitos, móllanse e trabállanse con colas ata que se obtén unha pasta maleable semellante ao barro ou á plastilina. Como resultado deste proceso obtemos pezas de cartón pedra moito máis resistentes, de textura máis rugosa.

"Semellan máis naturais e gústanlle moito á xente", indica a artesá. Con este método elaboran sobre todo pezas de mesa (caixas, figuriñas, floreiros...) e tamén bixutería: colares, brincos, broches, imperdibles.

Outro tipo de procedementos que emprega para facer bixutería é o traballo directo coa pasta coloreada. Para isto adoita facer bolas con polpa de celulosa ás que lle dá cor antes de modelalas.

Unha vez que están traballadas as pezas, engárzanse para elaborar colares ou calquera outro complemento.

  • Figuriñas 1

    Figuriñas 1

  • Figuriñas 2

    Figuriñas 2

  • Figuriñas 3

    Figuriñas 3

  • Figuriñas 4

    Figuriñas 4

  • Figuriñas 5

    Figuriñas 5

  • Figuriñas 6

    Figuriñas 6

  • Figuriñas 7

    Figuriñas 7

  • Figuriñas 7

    Figuriñas 7

  • Figuriñas 8

    Figuriñas 8

  • Figuriñas 9

    Figuriñas 9

  • Figuriñas 10

    Figuriñas 10

  • Figuriñas 11

    Figuriñas 11

  • Figuriñas 12

    Figuriñas 12

  • Figuriñas 13

    Figuriñas 13

  • Figuriñas 14

    Figuriñas 14

  • Figuriñas 15

    Figuriñas 15

  • Figuriñas 16

    Figuriñas 16

  • Figuriñas 17

    Figuriñas 17

  • Figuriñas 18

    Figuriñas 18

  • Figuriñas 19

    Figuriñas 19

  • Figuriñas 20

    Figuriñas 20

  • Figuriñas 21

    Figuriñas 21

  • Figuriñas 22

    Figuriñas 22

  • Figuriñas 23

    Figuriñas 23

  • Figuriñas 24

    Figuriñas 24

  • Figuriñas 25

    Figuriñas 25

  • Figuriñas 25

    Figuriñas 25

Enderezo

O Tapel, 6. 
Currás 


36791 Tomiño

Pontevedra

  • Teléfono: 654 356 301
  • Email: paz_luaces@yahoo.es