Regal Cerámica

Regal Cerámica é un obradoiro que dende os anos 80 se dedica en Viveiro a traballar greses e porcelanas, de xeito artesanal. No obradoiro realízanse dous tipos de pezas: dunha banda unha cerámica máis utilitaria e, pola outra, créanse obras máis artísticas (esculturas, cadros cerámicos...) e pezas orixinais. Traballa sempre con materias primas propias da comarca da Mariña, coma o caolín, para elaborar as súas pezas en gres porcelánico, refractario e porcelana, que se cocen a 1260 e 1300 ºC.

Elabora todo tipo de pezas, sempre tratando de combinar a tradición cultural con outros elementos como poden ser as figuras antropomorfas, o deseño ou a innovación. Realízanse vaixelas, reproducións de animais, caixas de diversos tamaños, botellas, licoreiras, pequenas esculturas únicas e orixinais, coleccións de pratos en gres e porcelana, decorados á man mediante serigrafía, pezas esmaltadas para a alimentación, etc.

O obradoiro O obradoiro Regal Cerámica adoita elaborar as súas pezas en función dos encargos e tamén se dedica a realizar regalos de empresa.

"Cada ano imos ás feiras de Madrid " ás dúas edicións de Intergift " e á Expohogar de Barcelona e con iso xa facemos a metade das vendas do ano. O resto faise en tendas por toda Galiza e tamén por fóra, a través de representantes", explica Alfonso Otero Regal. O obradoiro distribúe os seus produtos por todo o mundo, dende Europa ata os Estados Unidos ou Xapón, aínda que o lugar onde máis vende, despois de Galiza, é Cataluña.

Artesanía única

Pezas de cerámica "Traballamos empregando o material da nosa zona e transformámolo para lle dar un valor engadido", explica Alfonso Otero Regal. "Vivimos nunha zona privilexiada, porque temos un xacemento de caolín que está considerado o de mellor calidade de toda Europa".

Este material permite que as pezas que se elaboran no obradoiro Regal Cerámica se cozan a alta temperatura. "Á parte desta característica, outro aspecto que coidamos moito é o deseño " comenta o artesán " xa que somos conscientes de que temos que ter presenza no mercado, polo que tratamos de ter bastante variedade nas nosas pezas".

Os decorados están realizados á man, agás no caso das reproducións antigas, dos pratos de colección e dos colgantes, que se teñen que realizar mediante serigrafía cerámica en pequenas tiradas. Os deseños realízaos á man o propio artesán combinando a iconografía popular e mais a tradición escultórica moderna. O resultado é unha cerámica única, moi característica e recoñecible para o público.

Alfonso Otero Regal leva máis de 30 anos dedicado á artesanía. Estuda na escola Massana de Barcelona e cando regresa a Galiza fórmase no Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos. Comeza a traballar na cerámica co apoio dun só artesán e establece o seu obradoiro nun edificio do século XII no casco vello de Viveiro.

Hoxe conta cunhas novas instalacións nas que, ademais do obradoiro artesán se integran tamén o punto de venda das pezas, un museo de cerámica e máis unha biblioteca.

No obradoiro traballan entre 10 e 12 persoas, que non traballan no proceso completo senón que están especializados por departamentos: unha persoa fai serigrafía, outra pezas orixinais, outra na oficina e outra na tenda que se encarga tamén da embalaxe das pezas. De momento é el o único que se encarga da decoración das pezas á man.

Na opinión de Otero Regal, hoxe en día, a artesanía ten unha serie de valores paralelos ao que é a utilidade da peza en si mesma e que poden ser de tipo cultural, etnográfico, turístico, etc. "É necesario que lle deamos un valor engadido ao noso propio traballo, ao noso xeito de funcionar e debemos planificar que é o que temos que facer para poder estar no mercado", explica o artesán, "Penso que o que debemos facer é crear un carácter diferencial do noso produto, xogar coa variedade en vez de coa cantidade".

Coñece máis

Coñece máis As novas instalacións de Regal Cerámica superan o concepto de obradoiro e que responde ao proxecto de Alfonso Otero Regal de crear un espazo que lle dese un valor engadido ás pezas artesás que elabora. "Quixemos buscar un lugar no que xunto co obradoiro se puidese instalar un museo de todo o que levabamos feito tanto no aspecto artístico como no artesanal, e tamén no que houbera unha zona máis comercial. Despois de moito buscar atopamos esta antiga fábrica de curtidos que estaba abandonada dende a década dos 50 e que estaba intacta", explica Otero Regal.

O resultado é un contorno no que se integra o traballo dos artesáns, coa investigación " a través dunha biblioteca especializada e dun centro didáctico " coa venda e coa documentación, grazas ao museo da cerámica e ao centro de interpretación da antiga fábrica na que se sitúan as instalacións. "Na rehabilitación procuramos respectar moito a estrutura orixinal", comenta o artesán, "e conservamos, por exemplo, moitas trabes de carballo aínda que despois só tivesen un carácter ornamental, xa que en moitas partes non soportaban ben os pesos e tivemos que crear unha estrutura de ferro".

A parte dedicada ao obradoiro artesán é moito máis ampla que o lugar no que traballaban ata o 2007, no casco vello da vila, e nel hai un espazo exclusivo para a elaboración de pezas orixinais, que está previsto que funcione tamén como un centro didáctico para rapaces.

Nas instalacións hai espazo tamén para un museo de cerámica, unha biblioteca especializada en arte e en temática galega, un salón de actos, unha sala de exposicións temporais e un museo sobre a antiga fábrica de curtidos que había antes no edificio. Ademais neste espazo tamén se inclúe a súa propia vivenda e un edificio destinado a aloxar bolseiros e artistas convidados. O xardín exterior está decorado con diversas esculturas tamén obra do artesán.

O conxunto complétase coa tenda na que se distribúen exclusivamente pezas que se elaboran por Regal Cerámica. Trátase dun espazo cheo de luz e de dúas alturas, adaptado á orixinal fachada que dá acceso ao conxunto das instalacións. "Sempre tiven claro que tiña que facer unha fachada que fose unha referencia tanto no aspecto arquitectónico coma no visual porque, como non quería poñer letreiro, quería que causase impacto con só mirar para ela", explica o artesán.

  • Peza 1

    Peza 1

  • Peza 2

    Peza 2

  • Peza 3

    Peza 3

  • Peza 4

    Peza 4

  • Peza 5

    Peza 5

  • Peza 6

    Peza 6

  • Peza 7

    Peza 7

  • Peza 8

    Peza 8

  • Peza 9

    Peza 9

  • Peza 10

    Peza 10

  • Peza 11

    Peza 11

  • Peza 12

    Peza 12

  • Peza 13

    Peza 13

  • Peza 14

    Peza 14

  • Peza 15

    Peza 15

  • Peza 16

    Peza 16

  • Peza 17

    Peza 17

  • Peza 18

    Peza 18

  • Peza 19

    Peza 19

  • Peza 20

    Peza 20

  • Peza 21

    Peza 21

  • Peza 22

    Peza 22

  • Peza 23

    Peza 23

  • Peza 24

    Peza 24

  • Peza 25

    Peza 25

  • Peza 26

    Peza 26

  • Peza 27

    Peza 27

  • Peza 28

    Peza 28

  • Peza 29

    Peza 29

Enderezo

Camiño Real, Nº 127. Xunqueira

27850 Viveiro

Lugo

  • Teléfono: 982 562 589
  • Fax: 982 562 589
  • Email: ceramica@oteroregal.com