Óscar Rodríguez Joyeros

Óscar Rodríguez Joyeros comeza a funcionar como obradoiro artesanal de xoiaría no ano 1987. Dende finais de 2006 o obradoiro conta cunhas novas instalacións no casco antigo de Viveiro. Trátase dun edificio enteiro, resultado da rehabilitación de dúas casas contiguas, no que se unifica todo o proceso de elaboración da xoia e mais a súa exposición e distribución. "Partimos da materia prima sen ningún tipo de elaboración", explica o artesán, "a través de metais, especialmente do ouro, e de materiais como as perlas ou as pedras preciosas encargámonos de elaborar todo o proceso".

O obradoiro disponse fisicamente en tres zonas moi concretas: a zona de preparación do material, que se atopa illada na parte superior do edificio, a zona na que traballan os artesáns - e que á súa vez se subdivide nas áreas de montura, engaste e pulido - e mais a zona na que se deseñan as pezas e as coleccións. Óscar Rodríguez encárgase persoalmente desta última área, xeralmente en base a deseños contemporáneos, aínda que tamén conta cunha colección de xoias baseadas na xoiaría tradicional galega, da que ofrecen unha nova interpretación. "O groso do noso traballo é a xoiaría de autor. Facemos producións mínimas de pezas creativas e únicas", explica o artesán.

Exposición Unha porcentaxe moi elevada da produción do obradoiro, arredor do 80%, son pezas únicas. Trátase de pezas exclusivas, deseñadas por iniciativa do propio obradoiro, ás que non se lles fai molde.

O outro 20% fórmana as pezas de xoiaría por encarga ou aquelas pezas que forman parte de coleccións moi concretas, e que supón unha parte moi pequena do seu traballo. Na primeira planta do edificio contan cunha exposición permanente desas pezas propias, nas que se centra o traballo do obradoiro. A distribución destas coleccións, ademais de neste mesmo espazo, canalízase a través de exposicións e feiras internacionais de carácter profesional e a través de minoristas que despois as farán chegar aos puntos de venda. "Agora mesmo temos un mercado moi importante en Barcelona", comenta, "xa que temos cinco tendas que están a distribuír as nosas pezas". Na planta baixa atópase a xoiaría, unha zona máis comercial que o propio Óscar Rodríguez quere diferenciar do resto do edificio porque non se trata dunha área relacionada coa artesanía. "O que fixemos foi aproveitar a planta baixa do edificio para montar un punto de venda de xoiaría, de prataría, de reloxaría, etc., pero no que non vendemos practicamente nada da nosa produción propia. Ao noso entender, o edificio dispón de dous espazos, dunha banda a planta baixa que é unha xoiaría e, da outra, o resto do edificio que é un obradoiro de artesanía. Este último é o que realmente é Óscar Rodríguez como firma de referencia de xoiaría".

Artesanía única

Pezas de xoiaría Óscar Rodríguez Joyeros está especializado na elaboración de xoias con deseños exclusivos e de alta calidade, na creación de pezas únicas con nome propio, das que se pode atopar unha mostra no primeiro andar do edificio que alberga o obradoiro. O selo especial de Óscar Rodríguez é a capacidade de innovación e de facer propostas frescas e sorprendentes con cada nova colección. A máis recente, toma como base as cunchas mariñas para preparar unha serie de xoias exclusivas combinadas con ouro e outros metais e con pedras preciosas.

"A nosa fonte de inspiración máis importante é a propia natureza e para min este é un concepto fundamental que supera a calquera outro", comenta o artesán Óscar Rodríguez. As súas xoias preséntanse sempre expostas nun display da marca e véndense con estuchería de Óscar Rodríguez e con documentación sobre a propia peza. "Cada xoia que elaboramos vendémola totalmente documentada: coa súa fotografía, con información sobre o seu proceso de elaboración e tamén dos materiais que se empregaron. Para nós é un orgullo presentar así as pezas", explica o artesán.

En canto á escolla de materiais, as combinacións son infinitas. "Nós non lle poñemos límite a nada, todo material que ao meu entender garde uns canons de beleza, que se considere que pode ser exhibido como xoia, a min váleme", comenta o artesán. Así que preparan combinación con ouro, perlas, pedras preciosas e mesmo con materiais que non se adoitan asociar coa xoiaría de autor - especialidade deste obradoiro - como son as cunchas ou as madeiras. "Hai unha cousa clara, estamos a facer alta xoiaría, así que non traballamos con calquera madeira senón con aquela que teña unhas características moi concretas e que sexa especial, aproveitamos madeiras que saquen varios tons diferentes por exemplo e ofrecen unha beleza sublime", sinala Óscar Rodríguez.

A escolla profesional de Óscar Rodríguez polo mundo da xoiaría foi o resultado da confluencia de varios factores. En contacto dende neno coa xoiaría de seu pai - que vendía xoias, pero que non as facía - a súa vocación artística, especialmente enfocada cara ao debuxo, e por último os seus estudos de arquitectura técnica que foron un complemento fundamental na súa formación como xoieiro artesán.

"A miña formación académica supuxo un paso fundamental á hora de dedicarme á xoiaría porque o que fixen foi traspasar á xoiaría os coñecementos de debuxo técnico, de perspectivas, etc., de xeito que apliquei toda esa parte técnica ao oficio artesanal", explica.

Dende o ano 1987 conta cun obradoiro propio de xoiaría, especializado na creación de pezas únicas e de xoias de autor de modo artesanal, formado por artesáns da zona.

"Facer xente leva moitos anos. Aquí non había tradición ningunha de xoiaría e a xente que traballou e que se formou neste obradoiro partía de cero. A verdade é que formar un oficial en dous ou tres anos require moitísimo esforzo e tamén é un investimento económico moi importante", explica o artesán.

No obradoiro de Óscar Rodríguez, Joyeros traballan actualmente arredor dunha ducia de artesáns divididos nas distintas tarefas do proceso de elaboración artesanal dunha xoia. As persoas que máis dominan o oficio, segundo explica o propio Óscar Rodríguez, son aquelas que na terminoloxía profesional se denominan "sacadores de lume", que se encargan de interpretar os deseños para elaborar a estrutura de cada xoia. Unha vez que está lista a estrutura, a xoia pasa ás mans dos denominados "engastadores", que se encargan de incrustar as pedras preciosas nesas estruturas antes de que as pezas pasen á zona na que se lles dá o pulido e o acabado final.

Coñece máis

No ano 2007 Óscar Rodríguez foi finalista da segunda convocatoria do certame de maior prestixio en España dedicado á xoiaría, o An Gem Awards, coa obra "Eclosión", inspirada no contorno da comarca da Mariña. "A base da peza, que é un broche, é unha cuncha mariña que seccionamos para ter por un lado a base do broche e, polo outro, unha parte da cuncha que formará parte da engrenaxe da peza", explica o artesán.

 

O propio título da peza xa indica que a obra foi creada cunha filosofía de deseño moi concreta. A parte principal está formada por un muro de cores en brancos e amarelos, formando pezas xeométricas de cristalización, conta tamén cunha turmalina verde e cunha parte orgánica, que é a cuncha. "Con Eclosión quixemos explicar cómo todo o que flúe sae do propio corazón da terra - tanto o orgánico coma o que non o é - e tráenos toda a súa beleza cara a fóra, nun momento exultante", sinala Óscar Rodríguez.

"Eclosión" é unha xoia de autor, orixinal e única, cuxo valor artístico e estético foi recoñecido polos profesionais do sector. Con todo, Óscar Rodríguez insiste en que a súa intención non é facer pezas que sexan simples adornos senón crear unha xoiaría de deseño que ademais sexa funcional.

"Non quero facer pezas que sexan só deseño, quero pezas que se eternicen", comenta. Por iso, o proceso de elaboración dunha peza como "Eclosión" é tan complexo que pode levar ata dous meses de traballo. O interior do broche está composto por pezas independentes que hai que montar coidadosamente coma se se tratase do mecanismo dun reloxo. Deste xeito, se hai que repoñer algunha peza, o broche pódese abrir, desmontar, substituír a peza e volvela montar para que quede como nova.

A partir desta peza, o obradoiro de Óscar Rodríguez preparou unha colección de xoias baseada nas cunchas mariñas que está a ter moita aceptación no eido artístico de ámbito internacional, así coma na prensa profesional. A colección expúxose en Munich e na edición de febreiro de 2008 de Iberjoya, en Madrid. "Agora mesmo unha das miñas satisfaccións é o recoñecemento profesional por parte dos meus compañeiros que me están a felicitar por esta colección porque consideran que é unha obra realmente espectacular e chamativa", explica o artesán.

  • Peza 1

    Peza 1

  • Peza 2

    Peza 2

  • Peza 3

    Peza 3

  • Peza 4

    Peza 4

  • Peza 5

    Peza 5

  • Peza 6

    Peza 6

  • Peza 7

    Peza 7

  • Peza 8

    Peza 8

  • Peza 9

    Peza 9

  • Peza 10

    Peza 10

  • Peza 11

    Peza 11

  • Peza 12

    Peza 12

  • Peza 13

    Peza 13

  • Peza 14

    Peza 14

  • Peza 15

    Peza 15

  • Peza 16

    Peza 16

  • Peza 17

    Peza 17

  • Peza 18

    Peza 18

  • Peza 19

    Peza 19

  • Peza 20

    Peza 20

  • Peza 21

    Peza 21

  • Peza 22

    Peza 22

  • Peza 23

    Peza 23

  • Peza 23

    Peza 23

  • Peza 24

    Peza 24

  • Peza 25

    Peza 25

  • Peza 26

    Peza 26

  • Peza 27

    Peza 27

  • Peza 28

    Peza 28

  • Peza 28

    Peza 28

Enderezo

Avda. de Cervantes, Nº 5-7

27850 Viveiro

Lugo

  • Teléfono: 982 550 057
  • Email: administracion@oscar-rodriguez.com