Stel Vidrieras

Stel Vidrieras é un obradoiro que dende finais dos 90 se dedica ao deseño e á elaboración por encarga de vidreiras artísticas de todo tipo, formas, cores e deseños e para toda clase de estruturas, portas, fiestras, lucernarios, murais, esculturas. Os seus deseños esténdense por múltiples e variados ambientes tanto comerciais como cotiás: locais comerciais, restaurantes, igrexas, edificios, pisos, farmacias, casas de campo, pazos, etc.

A elaboración das vidreiras realízase a través de técnicas coma o achumbado, onde as pezas se unen á man con cintas de chumbo e que é ideal para obras grandes, ou coma o estañado con cobre, no que as pezas se unen con cobre fundido con estaño, o que permite crear pequenas liñas de separación entre as pezas de vidro, polo que se trata dunha técnica moi axeitada para vidreiras de menor tamaño. Tamén se empregan técnicas que requiren forno para a impresión de cores.

O obradoiro traballa con diferentes tipos de vidro (soprado, opalinos, catedral...) en función do desexo do cliente e das características de cada vidreira.

O deseño da vidreira realízase a escala menor para que o aprobe o cliente e despois trasládase a modelos a escala normal a través dos programas de deseño que ofrecen as novas tecnoloxías, para poder cortar as pranchas de vidro. O obradoiro Stel Vidrieras axústase ao tipo de vidro, ás características e ao estilo que demande o cliente, aínda que lle ofrece a posibilidade de obter vidreiras con deseño propio.

Artesanía única

As pezas que se elaboran no obradoiro Stel Vidrieras contan cun estilo propio e inconfundible que as fai diferencia e as fai especiais. Dunha banda, o artesán Manuel Rodríguez interpreta os desexos dos clientes para crear un produto adaptado e personalizado co que o cliente se sinta identificado. Da outra, no obradoiro tamén se ofrece a posibilidade de que as vidreiras conten co deseño do propio autor, un valor engadido que fai que as pezas que se elabora Stel Vidrieras sexan pezas únicas.

 

A importante presenza da cor, a combinación de diferentes tipos de vidro e a convivencia de técnicas diferentes nunha mesma peza fan que as obras do obradoiro Stel Vidrieras estean cheas de contido e que se convirtan en pezas ideais para crear un ambiente cálido e agradable en calquera espazo.

Manuel Rodríguez Fernández é o artesán propietario do obradoiro Stel Vidrieras, en Santiago de Compostela. Dende moi novo interésase polo vidro, polo "efecto máxico" que se crea cando a luz pasa a través dunha vidreira, o que o leva a ter un primeiro contacto con esta actividade aprendendo cun artesán vidreiro.

Fórmase na Escola Massana de Barcelona, onde se especializa no traballo do vidro, e posteriormente no Centro do Vidro desta mesma cidade, onde recibe un curso sobre a técnica do soprado do vidro.

Despois da súa formación, comeza a súa carreira profesional traballando xunto con aquel artesán vidreiro co que aprendera o oficio e nesa etapa vai definindo un estilo propio e uns trazos diferenciados especialmente no deseño das pezas. Así comeza a recibir encargas e a comprobar que as súas teñen unha boa aceptación entre os clientes e decide crear o seu propio obradoiro.

Coñece máis

As pezas elaboradas polo obradoiro artesán Stel Vidrieras están espalladas en moitas zonas do país: preto de 40 farmacias elixiron o seu deseño, hoteis, restaurantes ou pubs e tamén moitas igrexas, como a de Santa Comba, de case 40m2. Outro dos espazos nos que se poden ver as pezas deste obradoiro é unha sala de concertos de Vigo na que se locen oito espectaculares vidreiras de 180 quilos cada unha.

 

Stel Vidrieras ten participado en feiras de venda directa como Mostrat na Coruña ou Ofeitoaman de Vigo, así como noutras feiras celebradas en diferentes puntos de Galiza. Conta cunha das súas obras de deseño propio no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo e foi finalista do IV Certame de Artesanía Antón Fraguas, cunha escultura en vidro e madeira.

  • Vidrieira 1

    Vidrieira 1

  • Vidrieira 2

    Vidrieira 2

  • Vidrieira 3

    Vidrieira 3

  • Vidrieira 4

    Vidrieira 4

  • Vidrieira 5

    Vidrieira 5

  • Vidrieira 6

    Vidrieira 6

  • Vidrieira 7

    Vidrieira 7

  • Vidrieira 8

    Vidrieira 8

  • Vidriera 9

    Vidriera 9

  • Vidriera 10

    Vidriera 10

Enderezo

Lg. A Pedra, Nº 21. Nemenzo

15884 A Capela

A Coruña

  • Teléfono: 981 690 938
  • Email: manuel@stelvidrieras.com