Suso Calo

Suso Calo é un obradoiro que comezou a súa actividade no ano 2001 dedicándose á xoiaría e inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía como pratería e como talla de marfil, coral, e outras pedras. Está situado en Moaña, un espazo xeográfico privilexiado onde a paisaxe, coa montaña e o mar a ambos lados preséntase como unha postal que fai xogo coa artesanía. Neste obradoiro pódese atopar todo tipo de pezas de xoiaría, bixutería para muller principalmente, pero tamén traballa pezas para o home por encarga.

Traballa moito con pedras semipreciosas e naturais talladas por el mesmo: coral, marfil, ónice, ágata, ..., e mesmo con óso. Unha liña de produto que tamén conta cunha importancia destacada é a xoia de autor, son obras máis grandes, cunha compoñente de exclusividade e orixinalidade que lles confire un grande protagonismo no traballo de Suso Calo. O deseño dos produtos é propio do artesán, tanto para as pezas únicas como para as coleccións, cun estilo xeralmente moderno e axustado á percepción pola súa parte do que se está a demandar no mercado, do que necesita a xente, pero tamén ten traballos con estilo máis clásico inspirados máis na súa propia necesidade de crear algo que prevaleza no tempo, algo que se derive do seu capricho creativo, que lle apeteza facer.

Peza en prata A materia prima, a prata, é o elemento esencial no traballo deste obradoiro.

Así mesmo ten pezas con algún tipo de simboloxía celta aínda que non son as máis frecuentemente creadas da súa colección. As técnicas que emprega Suso Calo son moi variadas, técnicas tradicionais da xoiería clásica como a soldadura, laminado, cicelado, pulido e tamén máis modernas como a microfusión para facer algunha peza xuntamente co traballo máis manual, tamén utiliza pedras de esmeril de diferentes grans e fresas manuais para o tallado das pedras semipreciosas que coloca elegante e orixinalmente en cada obxecto de bixutería.

 

Artesanía única

No obradoiro de Suso Calo podemos atopar infinidade de pezas de xoiaría, todas elaboradas coa delicadeza dun artesán que non só se preocupa porque os acabados sexan perfectos e que os deseños sexan orixinais, senón tamén polas características especiais daqueles para os que está deseñada cada peza. Así, é un artesán que mostra moito interese pola estética, polos gustos da xente en cada momento, polo mundo da moda en canto que unha peza está deseñada para ir acorde a un xeito de vestimenta, de forma de ser, de identidade. El fai, por exemplo, diferentes tipos de brincos dun mesmo deseño, a versión pequena para aquelas persoas que prefiren unha ornamentación máis sinxela, que só poñen brincos pequenos "este deseño é máis regalable" di Suso-, e a versión en longo para aqueles aos que lle gustan as xoias vistosas e que se atreven con modelos máis modernos e atrevidos, "non valen todas as xoias para todo o mundo, cada unha ten que ir conxugada co estilo do que o leva" " aclara o artesán -.

 

O seu método de deseño é moi espontáneo xa que como el mesmo di "cando deseñei en papel, os modelos non saíron ben, as miñas mellores ideas véñenme cando estou coas mans na masa" "comenta o artesán-, pero ten sempre moi en conta todos os factores que poden influír no proceso de compra dunha xoia, así o seu gusto pola estética fai que se fixe no que quere a xente, que é o que está buscando, cales son os cambios que se producen nas modas, como facer máis funcional un deseño, de feito fixo algunha peza que levaba pedras de cores, que, mesmo para a súa sorpresa, vendeu cantidades desorbitadas e inesperadas das mesmas, é como se estivese na mente colectiva dos clientes e soubese exactamente o que eles querían.

Suso Calo empezou a dedicarse ao oficio xoieiro de forma exclusiva desde fai 6 anos, aínda que leva moitos anos máis entregado á artesanía como afección. A súa traxectoria académica e profesional non tivo nada que ver con esta labor artesá, pois despois de estudar electrónica e náutica dedicouse a navegar durante varios anos. Partindo dun principio que pouco tiña de artesá puidéronlle as gañas e a paixón por dedicar o seu tempo a crear, a facer aquilo que sempre lle gustou desde tempos novos "sempre me gustou facer cousiñas artesanais, mesmo tallaba madeira" "comenta Suso-. Deste modo empezou tallando madeira, tamén óso, facía colgantes nos ratos libres e ía vendendo, un pouco esporadicamente, pero o que verdadeiramente lle gustaba era a prata. Así, cando se sentiu preparado para iniciar a emocionante viaxe pola artesanía, aplicando, ademais da creatividade, os coñecementos que adquirira na súa formación como por exemplo a destreza para soldar metais "Os principios son os mesmos, só tes que aplicalos á prata" "nos explica o artesá- dou o paso e montou o seu propio obradoiro, rexistrándoo oficialmente e depositando todos os esforzos económicos e laborais en sacar a diante o sono da súa vida.

Suso é membro da Asociación Galega de Artesáns e presidente de AFIGA, asociación de artesáns que organiza a feira Argalica. Participa en feiras sempre que pode, Argalica, Farcama, Ofeitoaman, Feira de Artesanía de Ourense, entre outras e internacionais como Milán, levando xunto cos seus produtos toda a ilusión en que van resultar un éxito.

É un artesán moi optimista, trata en todo momento de pensar que aínda que o mundo do artesán é duro, todo se pode conseguir se un pon empeño e sabe ter paciencia para esperar os momentos máis oportunos para dar un paso cara diante, ou para investir nun proxecto novidoso, mesmo para superar os momentos nos que pola conxuntura económica ou do mercado a demanda non alcanza as expectativas desexadas.

Coñece máis

Coñece máis A prata é o seu material favorito por excelencia, pero tamén devece de utilizar as pedras naturais, sobre todo o coral. Gústalle o contraste da cor vermella coa prata, tenta sempre incluír algunha cor en cada xoia que fai. Tamén, de vez en cando, intercala no seu día a día algunha peza de óso, este é un material moi pesado de traballar posto que cando se talla desprende un po moi desagradable e que se fixa nas paredes en todos os obxectos ao redor.

 

Existe unha peza que a Suso lle encanta facer, a peza única de autor. Son xoias cuxo tamaño, xeralmente maior que as outras pezas, permite dar renda solta á creatividade e facer un deseño moi personalizado ao gusto do artesán. Deste modo é como Suso Calo ten algunha peza, en exposición nalgún museo, brazaletes de autor son moi propicios para ser exhibidos como calquera obra de arte nunha galería.

Entre os proxectos de futuro de Suso Calo atópase traballar xunto coa súa muller no obradoiro. Ela comparte o gusto pola artesanía e nalgún momento xa traballaron xuntos, feito que en breve probablemente retomarán para darlle outro novo estilo á creación do obradoiro, pois non comparten o mesmo oficio, ela non traballa a prata, pero si será unha achega importante a mestura de disciplinas co obxecto de innovar e seguir andando cara diante na profesión.

  • Colar

    Colar

  • Brazaletes

    Brazaletes

  • Colares

    Colares

  • Brazalete

    Brazalete

Enderezo

Lg. Abelendo, Nº 91


36950 Moaña

Pontevedra

  • Teléfono: 986 310 069 / 636 325 321