Vidal Revilla

O obradoiro artesán de Vidal Revilla está situado nunha aldea do concello de Cervo e dedícase, dende hai máis de vinte anos, a realizar traballos de marroquinaría empregando peles de vacún de primeira calidade. O proceso de elaboración dos seus produtos é totalmente manual e recupera as técnicas e as ferramentas propias do oficio tradicional. O procedemento de elaboración deste artesán comeza no deseño e na elaboración dos patróns, continúa co corte da peza, o tinguido do coiro, a montaxe, o cosido e finalmente os acabados.

Debido ás características deste proceso de traballo e ao tipo de pezas que elabora " moitas delas por encargo " o volume de produción é limitado en cantidade pero moi variado en canto a modelos de produtos.

O obradoiro Xeralmente trátase de pezas de marroquinaría utilitarias, decorativas, de escritorio ou complementos como bolsos, carteiras, mochilas, porta-documentos, billeteiras, axendas, álbums ou caixas.

Traballa con pel de vacún e con curtido vexetal, que se adapta ben ao tipo de técnicas que emprega para elaborar as súas pezas. En canto á distribución, o artesán vende a través das feiras de venda directa ás que asiste ao longo do ano e mais a través dos encargos que se lle fan no propio obradoiro.

Artesanía única

Peza de coiro O deseño e a elaboración totalmente manual son os elementos que diferencian as pezas elaboradas por Vidal Revilla. "A peculiaridade do meu traballo é que non emprego máquinas nin sequera para coser", comenta o artesán, que destaca o cosido manual con dúas agullas ou "punto de guarnicionero", que caracteriza as súas pezas.

Vidal Revilla define os seus deseños coma de estilo "clásico e atemporal", xa que se trata de pezas que non pasan nunca de moda.

Tanto nas pezas propias coma nos encargos, o artesán coida moito o deseño dos produtos, ata o punto de crear pezas moi elaboradas, personalizadas e ás que lles colle un cariño especial. "A peza que se ve na foto foi moi traballosa, leva puntadas escondidas para que luza ben e levoume arredor de 70 horas de traballo", explica o artesán.

Produción

Dende o curtido ata a costura, cada peza foi realizada de forma artesanal, empregando para iso as técnicas tradicionais que durante séculos forxaron os oficios do coiro. Entre as especialidades do artesán está a costura manual "punto de albardeiro con dúas agullas", característica fundamental en todas as pezas. Todos os artigos están realizados con peles de vacún de primeira calidade, curtición 100% vexetal de produción nacional, peles de ovino e porcino para forros e ferraxes de latón aceiro e zamak.

Vidal Revilla Villegas comeza a súa actividade profesional no traballo artesán do coiro de xeito autodidacta dende o ano 1985. A partir desa data, combina a súa formación, coa asistencia a feiras de artesanía de toda Galiza e tamén doutras partes do Estado, coa participación en exposición e certames e mesmo coa docencia en cursos específicos de formación de artesáns.

Entre os cursos de formación aos que asiste destacan os monográficos de repuxado de coiro, en Palencia, o de técnicas de trenzado (A Coruña), os cursos de técnicas avanzadas do coiro impartidos en Allariz ou o de técnicas de cor.

Vidal Revilla participou na exposición Pieza Única da feira de artesanía de Segovia no ano 1993, na exposición de Artesanía e Deseño de Galicia, que tivo lugar no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, no 1995, e na exposición Tendencias da feira de artesanía Mostrart, (A Coruña) nos anos 2000 e 2001. Máis recentemente foi o artista convidado polos artesáns da Ribeira Sacra na mostra Xuntarte 2, no centro comarcal de Castro Caldelas de agosto a setembro de 2007.

Traballa el só no seu obradoiro, no que realiza todo o proceso á man. Investiga o oficio tradicional e trata de recuperar procedementos que estean a piques de perderse. Puntualmente, imparte cursos de formación para profesionais sobre algunha técnica concreta.

Coñece máis

Coñece máis Vidal Revilla ten un especial interese por investigar sobre os xeitos tradicionais de traballar o coiro e sobre as diferentes ferramentas que se poden empregar. Ao longo da súa traxectoria como artesán tratou sempre de recuperar estes procedementos a través dos libros e do contacto con artesáns de máis idade.

"Interésanme as técnicas que se van perdendo porque cada vez máis as máquinas se están introducindo nos obradoiros", explica.

O artesán conta cunha ampla colección de ferramentas que foi conseguindo co paso dos anos.

"Comezas con catro ferramentas básicas pero vas buscando nos libros e aprendendo doutros lugares. Ademais, agora xa se empezan a importar doutros países coma os Estados Unidos, que teñen moita tradición neste oficio", comenta o artesán. No obradoiro hai tamén unha pequena exposición das pezas que elabora Vidal Revilla. Os interesados en visitalo, poden concertar unha cita co artesán.

  • Peza 1

    Peza 1

  • Peza 2

    Peza 2

  • Peza 3

    Peza 3

  • Peza 4

    Peza 4

  • Peza 5

    Peza 5

  • Peza 6

    Peza 6

  • Peza 7

    Peza 7

  • Peza 8

    Peza 8

  • Peza 9

    Peza 9

  • Peza 10

    Peza 10

Enderezo

Daián, nº 3 bis.

27891 Cervo

Lugo

  • Teléfono: 982 557 834
  • Email: vidalrevilla@gmail.com