Exposicións

Exposición de Bosques de prata, de Eloy Gesto. Exposición de Bosques de prata, de Eloy Gesto. Exposición de Bosques de prata, de Eloy Gesto. Exposición de Bosques de prata, de Eloy Gesto. Exposicións de Artesanía de Galicia Exposicións de Artesanía de Galicia Exposicións de Artesanía de Galicia Exposicións de Artesanía de Galicia

Eloy Gesto. Bosques de prata

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organizou a exposición Bosques de prata, que se puido visitar do 11 de novembro ao 27 de xaneiro de 2015, na Casa do Cabido de Santiago de Compostela, como unha homenaxe a un dos ourives máis relevantes para a capital galega e unha das figuras máis representativas da artesanía contemporánea en Galicia. Grande coñecedor do oficio, Eloy Gesto dedicou a súa vida a traballar coa tradición ourive, a revisala e a renovala constantemente a través de pezas máis persoais e experimentais como as que se recollen na mostra. Bosques de prata ofrece a oportunidade de coñecer a súa obra máis íntima e experimental, nas que a figura do artista está máis presente ca nunca.

Eloy Gesto o artesán, o artista, foi tamén o divulgador da artesanía e un dos responsables de darlle un pulo decisivo á ourivería compostelá. No ano 1988 participa na fundación da Asociación de Ourives de Compostela, da que foi o seu primeiro presidente, nun empeño por difundir o oficio e contribuír á formación de novas xeracións. No ano 2000 pasou a formar parte do Padroado da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e da Comisión Galega de Artesanía da Xunta de Galicia, como representante do sector artesán.

A súa obra está representada en lugares coma o Museo Provincial de Pontevedra, no Museo do Pobo Galego ou no Museo das Peregrinacións, así como en coleccións privadas. Eloy Gesto recibiu numerosos premios, entre eles, o premio Antón Fraguas no ano 2000 e a Segueta de Ouro do Colexio de Xoiería de Galicia no ano 2010.

Encadernando

No ano 2012, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño puxo en marcha unha exposición de encadernación artesanal baixo o título "Encadernando", que puidemos visitar na Coruña, en Santiago de Compostela e na Pobra do Caramiñal. Unha escolma de pezas e de creadores, elaborada en colaboración coa Asociación Galega de Encaderanción de Arte (AGEA), coa que se pretendía amosar a grande diversidade existente deste oficio en Galicia. Unha mostra dedicada ao coidado envoltorio no que se pode presentar unha obra de arte, unindo así literatura e artesanía.

Tesouros privados

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organizou a mostra “Tesouros Privados. A xoiería en Galicia”, que tivo lugar en Santiago de Compostela entre setembro e outubro de 2010 e en Vigo durante os meses de abril e maio de 2011. A través de 200 pezas elaboradas por 38 autores, abordouse en profundidade a xoiería galega contemporánea e a súa evolución dende a xoiería tradicional ata as coleccións máis innovadoras caracterizadas pola introdución de novos materiais e das últimas tendencias do deseño.

Contornos

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organizaba dende o ano 2008 a Mostra Itinerante de Madeira Torneada a partir das pezas seleccionadas polos propios artesáns participantes no Encontro de Torneiros. A exposición, denominada Contornos, percorre diferentes localidades galegas para rematar en Xermade na seguinte edición do encontro.

O obxectivo da mostra é contribuír á divulgación dunha das nosas artesanías tradicionais e promover novos usos e deseños vinculados á decoración, á arquitectura ou á arte contemporánea. Contornos amosa que a tornería é un oficio vivo na nosa Comunidade Autónoma, con grandes posibilidades de desenvolvemento no futuro.