Feiras

Artesanía de Galicia

A promoción da marca Artesanía de Galicia tanto no ámbito nacional como internacional é unha das liñas de actuación fundamentais da Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de artesanía. A través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, estase a traballar na introdución do produto artesán galego en novos mercados e no impulso de novas canles de comercialización.

O noso obxectivo principal é dar a coñecer o sector artesán galego no seu conxunto baixo unha imaxe única que funcione como garantía de calidade e de prestixio, a marca Artesanía de Galicia, que está presente en importantes feiras internacionais como Formex en Estocolmo ou Tent London en Londres, grazas a un stand institucional no que poden participar os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía.

Por outra banda, tamén se apoia a celebración de feiras de venda directa en diferentes localidades galegas, nas que  a presenza da marca Artesanía de Galicia é maioritaria, e que están organizadas por concellos ou por asociacións de artesáns. A Consellería entende que estes encontros funcionan como vías de comercialización da artesanía galega, ao tempo que actúan como elementos de dinamización da economía e do turismo das vilas e comarcas nas que se celebran.