Premios

O punteiro afinable con copa de concerto. José Luis Latas Vilanova

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño crea no ano 2008 os Premios Artesanía de Galicia co obxectivo de estimular o labor de creación dos autores do eido artesanal galego e sensibilizar a sociedade, a través das obras presentadas, sobre a importancia do sector artesanal como motor económico e cultural de Galicia, onde as actividades artesanais representan unha grande reserva dende o punto de vista cualitativo e cuantitativo.

I Edición Premios Artesanía de Galicia

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño convoca a primeira edición dos premios Artesanía de Galicia co fin de potenciar o traballo dos artesáns galegos e concienciar a sociedade sobre o gran valor do sector nos eidos económico e cultural de Galicia. Os candidatos deberán ser obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía ou profesionais que posúan a carta de artesán. As bases publicadas no Diario Oficial de Galicia do 10 de xaneiro de 2008 establecen tres categorías:

Premio Artesanía de Galicia (10.000 euros) en recoñecemento ao conxunto dunha obra.
Premio Innovación (6.000 euros) para produtos ou accións de modernización do sector artesanal galego.
Premio Novos Creadores (4.000 euros) para o fomento da artesanía como actividade profesional entre os menores de 35 anos.

Gañadores

Os membros do xurado da primeira edición dos Premios Artesanía de Galicia, reunidos en Santiago de Compostela o 13 de maio de 2008, decidiron outorgarlle o Premio Artesanía de Galicia á obra "Punteiro afinable con copa de concerto" de José Luis Latas Vilanova e o Premio Novos Creadores a "Transportiños" de David Soengas Ben. Así mesmo, acordaron que o Premio Innovación ficase deserto.

O xurado estivo presidido pola directora xeral de Comercio, Ana María Rúa Souto, e contou coa xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Maruxa Ledo Arias, en calidade de secretaria. Os vogais do xurado foron Xohán Viqueira, Acisclo Manzano, Xosé Manuel Lens, Antonio Ibáñez e Begoña Bas López.

As pezas que resultaron finalistas en cada unha das categorías da primeira edición dos Premios Artesanía de Galicia foron:

Premio Artesanía de Galicia

"O punteiro afinable con copa de concerto" de José Luis Latas Vilanova
"Cabra e paxaro" de Nacho Porto
"De dúas en dúas" de Xabier de Sousa Alonso
"Reprodución de rosetóns do románico galego" Ana María Martínez Gómez
"Versus torque" de Sánchez - Cano Orfebres

Premio Innovación

"A cor da terra" de Xabier de Sousa Alonso
"Lapis de cores" de María Silva Pérez
"Luz encorsetada" de Pilar López Cupero
"Trioval" de Virginia Rodríguez Lorenzo
"Yerbera" de Víctor Manuel Ares Ces

Premio Novos Creadores

"Transportiños" de David Soengas Ben
"Ceibalúa" de Óscar Barros García
"O serán desta aldea" de Sabela Orgueira Viqueira

II Edición Premios Artesanía de Galicia

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño convoca a segunda edición dos Premios Artesanía de Galicia co obxectivo de recoñecer o bo facer dos actores principais do sector artesanal galego. O labor levado a cabo polos artesáns e artesás galegos terá, nesta segunda edición dos premios, un punto de encontro no que confluirán as máis variadas expresións culturais do país, conxugadas coa incorporación das novas correntes do deseño e coa innovación que axudan a complementar e mellorar o, xa recoñecido, bo produto artesanal galego. Nesta edición establécense tres categorías:

  • Premio Artesanía de Galicia: 10.000 euros.
  • Premio Innovación: 6.000 euros.
  • Premio Novos Creadores: 4.000 euros.

Gañadores

Os membros do xurado da segunda edición dos Premios Artesanía de Galicia, reunidos en Santiago de Compostela o 28 de agosto de 2009, decidiron outorgar os seguintes galardóns:

Premio Artesanía de Galicia á obra "Cinzas" de María de los Ángeles Merino Ballesteros.
Premio Innovación á obra "Fotomeleira" dos artesáns José Elías González Prieto e María Dolores López Vázquez.
Premio Novos Creadores á obra "Para quen entrou no baile" de Sabela Orgueira Viqueira.

Así mesmo, o xurado acordou destacar outras tres candidadutas como pezas finalistas na categoría Artesanía de Galicia:

  • "Entre brancos e pretos" de Xabier de Sousa Alonso.
  • "Caixa con tapa calada" de Francisco Javier Pérez Martín.
  • "Outono na Ribeira Sacra" de María Pilar Rodríguez Gonda.

O xurado estivo presidido pola directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez e, en calidade de secretaria, contou con Aparición Calo Grille da Dirección Xeral de Comercio. Os vogais do xurado foron José Carlos Pereira, Nuria Conesa, Susana González, Lis Latas e David Barro.

Premios Artesanía de Galicia 2014

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño convoca os Premios Artesanía de Galicia 2014 co fin de recoñecer o talento dos artesáns galegos e impulsar a innovación e o relevo xeracional.

Establécense as seguintes modalidades:

  • Premio Artesanía de Galicia 2014. Dotación de 6.000 € e diploma acreditativo.
  • Premio Traxectoria. Sen dotación económica e con trofeo acreditativo.
  • Premio Bolsa Eloy Gesto. Bolsa de formación de 3.000 € e diploma acreditativo.

Gañadores

Os membros do xurado desta edición de 2014 dos Premios Artesanía de Galicia, reunidos en Santiago de Compostela o 29 de setembro de 2015, decidiron outorgar os seguintes galardóns:

Premio Artesanía de Galicia 2014

A gañadora nesta categoría é a viguesa Marta Armada, que presentou a peza con lema Sen lastre. O traballo desta ceramista e deseñadora de xoias é como un mapa de situación no que o espectador pode percorrer lugares, momentos e situacións nos que a autora destila as súas vivencias e amosa a súa persoal visión do micro mundo ao que remiten os seus traballos.

Resultaron finalistas nesta categoría Viviana Araújo, que dirixe a tenda-obradoiro Estilo Aramar na capital pontevedresa, especializada en complementos femininos artesanais, como turbantes, tocados e sombreiros de festa, e flores artesanais de tea e plumas, que presentou a peza con lema Luscofusco; e o obradoiro de xoiaría de Bergondo, Ardentia, que participou coa peza con lema Origami. Esta empresa, con mais de 27 anos de vida e presente en mais de vinte países, deseña e elabora coleccións de xoiaría contemporánea en prata de lei e esmalte ao lume cun marcado carácter diferenciador.

Premio Traxectoria 2014

Recaeu nesta edición no artesán Domingo Ayaso, de Aguiño (Ribeira), o obxectivo é darlle o recoñecemento que se merece a un profesional que destaca tanto pola calidade da súa obra como polo seu compromiso coa divulgación do oficio. O premio está impulsado polo propio sector, xa que as candidaturas foron presentadas por outros obradoiros ou por asociacións profesionais, neste caso pola Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari).

Premio Bolsa Eloy Gesto 2014

Nesta edición logrouno a coruñesa Verónica Moar, que estudou o ciclo superior de Cerámica Artística na EASD Pablo Picasso e que ten participado en diferentes exposicións. Esta categoría dos Premios Artesanía de Galicia 2014 contribúe a reforzar a chegada de novas ideas ao sector artesán, premiando a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro de referencia no eido da artesanía e do deseño.

Co nome deste premio, no que recibiu unha mención de honra a deseñadora de xoias Eva Dávalos, nada en Mérida e residente en Vigo, homenaxéase a Eloy Gesto, unha das figuras máis relevantes do sector artesán galego, que ademais de ser un ourive de grande mestría que renovou a tradición compostelá, destacou polo seu forte compromiso co desenvolvemento do sector e coa transmisión dos oficios ás novas xeracións.

O xurado estivo composto pola directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal en calidade de presidenta. Como vogais actuaron Marta López Quintás, Covadonga Carrasco, Félix Sanz Sastre, Pablo Velasco Garrido, Jaime Sevilla Moreno; dada a súa condición de persoas de recoñecido prestixio no eido da artesanía, o deseño e o comercio. En calidade de secretaria do xurado (con voz pero sen voto) actuou Elena Fabeiro Castro, xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

Premios Artesanía de Galicia 2016

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, convoca os Premios Artesanía de Galicia 2016. O obxectivo desta iniciativa é recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Establécense as seguintes modalidades:

  • Premio Artesanía de Galicia 2016. Dotación de 6.000 € e trofeo acreditativo.
  • Premio Traxectoria. Sen dotación económica e con trofeo acreditativo.
  • Premio Bolsa Eloy Gesto. Bolsa de formación de 3.000 € e diploma acreditativo.

1. Premio Artesanía de Galicia 2016. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no seu desenvolvemento.

2. Premio Traxectoria. Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dun/dunha artesán/á galego/a. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, as asociacións profesionais de artesáns de Galicia e outras entidades públicas ou privadas encargados de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida do/a candidato/a, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto. Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.

Gañadores

A directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal, presidiu o xurado encargado de outorgar os Premios Artesanía de Galicia 2016. Os vogais que completaron o xurado foron Marta López, subdirectora xeral de Comercio; Santiago Riande, director da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo; Eduardo Valiña, comisario e artista multidisciplinar; Luis Gil, arquitecto, e Míriam Pérez, directora da Galería Vilaseco. Laboratorio Creativo. Actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto, a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro.

Os membros do xurado da edición de 2016 dos Premios Artesanía de Galicia, reunidos en Santiago de Compostela o 20 de setembro de 2016, decidiron outorgar os seguintes galardóns:

Premio Artesanía de Galicia 2016

Recaeu en Noroeste Obradoiro, de Santiago de Compostela e especializado en xoiaría, que presentou a peza con lema Voluta Volutidae. Resultou segundo finalista o ceramista coruñés Víctor Ares e terceira finalista a artesá do vidro con obradoiro en Teo, Rosa Méndez.

O xerme de Noroeste Obradoiro é a Galería Noroeste, fundada polo xoieiro Antonio Ibáñez en 1994 na cidade de Santiago. No ano 2011 Jose Castro, faise socia e codirectora da Galeria Noroeste e comeza con Antonio Ibáñez unha nova aventura creando un espazo novo no que se unifica a galería cos seus respectivos talleres persoais sen ningún tipo de división física, unindo a creación, manufactura e venda das súas pezas en Noroeste Obradoiro no ano 2013.

O artesán coruñés Víctor Ares especialízase no deseño e produción de todo tipo de cerámica en gres ou porcelana, de xoias de fantasía e composicións ou esculturas murais, incluíndo cerámica utilitaria. As súas fontes de inspiración son a natureza e a cerámica tradicional galega, que reinterpreta para producir os seus propios deseños.

Dende os seus inicios, o proceso creativo de Rosa Méndez pasa pola pintura e a escultura, ata desembocar na xoiería. O vidro é o material a través do que se vai trenzando o fío argumental da súa obra. O seu estilo persoal e intemporal caracterízase pola pureza formal.

Premio Traxectoria 2016

O Premio Traxectoria, co que se fai un recoñecemento honorífico ao conxunto da traxectoria dun artesán, no que se valora tanto a calidade da súa obra como o seu compromiso coa divulgación e transmisión do oficio e dos valores positivos da artesanía, recaeu en Julio Lado, a proposta da Asociación Galega de Artesáns.

Nado en 1937, é probablemente o decano dos prateiros e ourives composteláns. Hai case 130 anos a estirpe comezou co seu bisavó Andrés, que orixinalmente era broncista. O seu avó gañou unha medalla de ouro ao mérito artesán en 1909 cunha bandexa que lle fixo a Alfonso XII. O seu irmán Anxo, xa falecido e que lle ensinou boa parte do coñecemento que posúe, gañou o Premio Nacional de Ourivaría en 1947. Ao propio Julio Lado concedéronlle o primeiro premio provincial de destreza no oficio en 1982, promovido polo Ministerio de Cultura. Julio chegou a ter oito empregados no seu obradoiro de Santiago, que elaborou pezas sobre todo para a igrexa e para clientes particulares de toda España. Desde hai décadas é público o seu decidido compromiso e a súa insistencia na substitución xeracional.

Premio Bolsa Eloy Gesto 2016

Nesta edición recae en Madriguera Workshop, un obradoiro creativo inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia no ano 2015 que se dedica ao deseño e á elaboración artesanal de pezas de autor. Especializado na cerámica, conta cunha serie de coleccións propias, de produtos funcionais e de cotío. Asemade, colabora ofrecendo solucións de deseño de produto en proxectos por encargo. O equipo está formado por Luis Llamas e Lydia de la Piñera, ambos con formación en artes aplicadas.