Proxectos

Encontro de Torneiros de Madeira en Galicia Encontro de Torneiros de Madeira en Galicia Enredando, artesanía na escola Enredando, artesanía na escola Enredando, artesanía na escola Enredando, artesanía na escola Artesanía de Galicia. O teu camiño Artesanía de Galicia. O teu camiño Artesanía de Galicia. O teu camiño Artesanía de Galicia. O teu camiño Artesanía de Galicia. O teu camiño

Encontro de Torneiros de Madeira en Galicia

Dende o ano 2007 a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño colabora economicamente e na organización do Encontro de Torneiros de Madeira en Galicia, que se celebra anualmente en Xermade durante o mes de setembro.

No programa de actividades inclúense habitualmente seminarios prácticos a cargo de artesáns de recoñecido prestixio internacional, demostracións de torneado para o público, así como un espazo de iniciación supervisado por monitores. No Encontro de Torneiros confórmase tamén unha nova edición da Mostra Itinerante de Madeira Torneada Contornos, que percorre diferentes localidades galegas.

Enredando, artesanía na escola

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño impulsa no ano 2011 o proxecto “Enredando, artesanía na escola”, unha ambiciosa iniciativa dirixida a integrar os máis novos no sector da artesanía. A través da organización de demostracións de artesáns nos colexios, visitas aos obradoiros e outras actividades transversais aos programas escolares, a Fundación pretende achegarlles os diferentes oficios artesáns a nenos e rapaces. Os obxectivos deste proxecto son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man, comezando polos máis novos; presentarlles aos rapaces que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral, atallar o problema da falta de relevo xeracional nos oficios máis tradicionais e promover o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

“Enredando, artesanía na escola” é un proxecto enfocado a educación infantil, primaria e secundaria de diferentes colexios da nosa comunidade. Consta de dúas unidades didácticas. En O gremio da seda explícase o proceso de obtención da seda, dende a cría e evolución dos vermes ata a extracción desta para a confección do fío e a elaboración das teas empregando os teares. Do papel ao libro é a unidade didáctica que está orientada ao proceso da elaboración de follas de papel utilizando os materiais necesarios e a mestura de fibras de bambú e de eucalipto e da posterior encadernación dun libro seguindo a técnica de catro buratos.

Artesanía de Galicia. O teu camiño

O proxecto Artesanía de Galicia. O teu camiño, organizado pola Fundación Centro Galego da Artesanía e o Deseño en 2016 coa colaboración da Fundación Eugenio Granell, é un programa que pretende achegar Artesanía de Galicia á cidadanía compostelá e ao numeroso público foráneo que visita Santiago de Compostela.
Falar de artesanía é falar dun xeito de vida, dun xeito de concebir a creatividade, dun coñecemento ancestral que medra en cada novo bosquexo, en cada golpe de martelo, en cada nova puntada dunha man que guía firme o seu camiño, o camiño de Artesanía de Galicia.
Accións como as exposicións, demostracións e obradoiros nos que o público en xeral pode participar na Fundación Eugenio Granell dan a coñecer os beneficios e a importancia dos produtos “slow made”, os produtos elaborados empregando o tempo necesario, e as características destes relacionadas coa súa durabilidade, o respecto ao medio ambiente, os trazos culturais, fronte a outros xeitos de produción non sustentables.
O programa completase cun pop-up de Artesanía de Galicia que se concibe coma unha experiencia efémera, conciliando
de maneira excepcional as pezas que constitúen unha parte importante do traballo dos nosos artesáns co espazo intervido de maneira específica para iso cunha representación de atrezzo e produtos de 46 obradoiros de toda Galicia. A artesanía tradicional amosase con pezas deseñadas en exclusiva para esta mostra co fin de dar unha imaxe en conxunto da calidade,  deseño e aposta polo sector artesán galego.
Tamén se levan a cabo accións de promoción en diferentes puntos de venda da marca Artesanía de Galicia (visitas organizadas, demostracións nos seus espazos e outras accións de promoción que beneficien ao sector).