Entenalla

O obradoiro de encadernación Entenalla nace no ano 1997 en Neda co obxectivo de cubrir unha necesidade na súa zona, un oco de mercado orientado especialmente á administración e ás imprentas. "Como non hai estudos específicos para formar encadernadores artesáns, as imprentas están quedando sen eles e o que ofrecen é unha encadernación moi básica a partir do encolado de follas", explica Gena Caínzos, responsable do obradoiro, "mentres que eu entendo a encadernación como o oficio de coser unhas follas coas outras para facer un libro".

Entenalla é un obradoiro de encadernación artesá no que todos os procesos son manuais. O groso do seu traballo diríxese ás administracións públicas (restauración de padróns antigos ou traballos anuais para peches de exercicio), aínda que tamén recibe encargos de determinados sectores profesionais como xestorías, hemerotecas, bibliotecas ou xornais.

Outros produtos que elabora son carpetas, caixas, estoxos e, en xeral, elementos de acompañamento do libro para a súa protección e para a súa presentación.

O proceso de encadernación comeza preparando o orixinal, límpase, perfórase e cósese. Despois guillotínanse as gardas. Faise un redondeado á man para que o lombo colla forma, despois hai que cortar e montar as tapas e por último, cómpre preparar a pel, é dicir, rebaixala e tratala para que sexa manexable. Móntase o libro en pel e péganse as gardas e as salvagardas. O último paso é o gravado, á man, con tipografías de cobre con calor e presión manual, firme pero con moito coidado. Gena Caínzos sinala que a encadernación é un proceso que precisa tempo. "Ás veces é preciso ler os textos, os orixinais, para poder elixir un xeito de traballar ou outro", explica a artesá.

Artesanía única

"Unha encadernación artesá dota o libro cun valor engadido especial", explica a artesá Gena Caínzos, que entende a encadernación como parte do proceso creativo que ten lugar entre que se remata de escribir o texto e a súa presentación ao público.

A artesá explica que na encadernación clásica ou popular todos rotulan igual, xa que todos os que se dedican a esta actividade dispoñen das mesmas tipografías e o xeito de facer os traballos é o mesmo. Pola contra, na encadernación contemporánea ela considera que existe unha maior variedade posto que cada encadernador conta cunhas determinadas características que lle aplica a todos os seus traballos, sobre todo nos deseños.

"Todos os que traballamos neste oficio cando nos ensinan un libro sabemos aproximarnos ao seu autor, mais que nada polos deseños da encadernación. Cada un de nós facemos os nosos propios deseños con distintos materiais e distintas técnicas", explica.

Para a artesá, os traballos máis agradecidos son as encadernacións particulares, as restauracións e as encadernacións especiais para determinados textos antigos, valiosos ou que teñan unha importancia sentimental para a persoa que llo encarga. "Nestes traballos é onde realmente me paga a pena o meu traballo, porque estou coidando un orixinal para axudar coa capa externa a que sexa un todo completo, un libro que poida durar anos", sinala.

Hoxe en día, os traballos particulares que entran no taller son sobre todo de encadernación e de restauración do libro clásico. Gena Caínzos explica que, no caso da restauración tradicional, en Galiza existe o problema de que é moi difícil conseguir os materiais necesarios para complementar o acabado dun libro (tipo de papel especial, debuxos especiais...) e haino que pedir fóra. "Ás veces non é posible a recuperación completa do libro por non existir material orixinal desa época e entón o que temos que facer é coller un material semellante ou da época da que sexa o libro. Así e todo, sempre se empregaría unha técnica tradicional para restaurar ese libro", asegura.

Gena Caínzos Corbeira orienta a súa formación cara ao sector da artesanía dende moi nova. Aos 17 anos matricúlase na Escola de Artes Gráficas de Ferrol. Despois entra na Casa de Oficios da Coruña para facer un curso que a levou a especializarse na actividade de encadernación.

Tratábase dun curso de encadernación básica que lle abriu as portas ao desenvolvemento e tamén á docencia desta actividade artesanal pero que foi completando cada ano coa realización doutros cursos de formación sobre técnicas específicas de encadernación. "Isto é unha aprendizaxe constante, cada ano trato facer cando menos dous cursos, para estar ao tanto de novas técnicas ou simplemente para mellorar o rendemento do obradoiro".

Neste sentido, a Asociación Galega de Encadernadores, na que está inscrita Entenalla, xoga un papel fundamental posto que solicita subvencións para cursos de formación, así como para organizar exposicións, xuntanzas e outras actividades de divulgación do oficio do encadernador.

"Anualmente fanse cursos didácticos e moitas veces un membro da asociación asiste a un curso fóra de Galiza para aprender algunha técnica nova e cando volve ensínalle o que aprendeu ao resto dos membros da asociación. Coidamos moito este aspecto da formación porque traballamos nun oficio no que tradicionalmente non se adoitaban ensinar as técnicas", comenta a artesá, que tamén ten experiencia como docente impartindo cursos sobre o manexo das ferramentas e das técnicas de encadernación que emprega.

Coñece máis

Entenalla restaura volumes antigos a través das diversas técnicas que existen: dende o tratamento das distintas clases de peles ata as encadernacións en cartoné, tipo rústico ou en tea. Segundo Gena Caínzos, o segredo para preparar ben estas restauracións está en coñecer o material co que se está a traballar, sexa papel, cartón ou pel. "Cada material ten as súas características específicas que cómpre coñecer para que o resultado sexa perfecto", sinala.

O proceso de restauración comeza preparando unha ficha coas características do libro e con fotografías do seu estado orixinal. Despois desmóntanse a tapa e mais o corpo do libro, para podelos restaurar por separado e volvelos montar.

A artesá explica que o tipo de restauración que se vaia facer depende sempre das características do libro e moi especialmente da época da que procede, xa que deste dato vai depender o tipo de cosido, o material ou as tinguiduras que se vaian empregar.

"Cada libro ten unha historia", comenta, "Ademais, cando se restaura un libro antigo sempre podes atopar detalles novos que te sorprenden como unha marca ou un detalle que non está rematado".

A artesá explica que no proceso de restauración o obxectivo é tratar de manter os materiais orixinais do propio libro e mesmo as súas tonalidades, do mesmo xeito que nunca se insiren páxinas novas senón que o que se realiza é unha limpeza de cada unha das páxinas do libro orixinal. "Na restauración é preciso que se reflicta ese traballo de restauración. A intención non é deixalo igual ca un libro novo senón que se poida ver que é un libro antigo cunha parte que foi restaurada", indica Gena Caínzos.

 

  • Encadernación 1

    Encadernación 1

    Encadernación 1

  • Encadernación 2

    Encadernación 2

    Encadernación 2

  • Encadernación 3

    Encadernación 3

    Encadernación 3

  • Encadernación 4

    Encadernación 4

    Encadernación 4

  • Encadernación 4

    Encadernación 4

    Encadernación 4

  • Encadernación 5

    Encadernación 5

    Encadernación 5

  • Encadernación 6

    Encadernación 6

    Encadernación 6

  • Encadernación 7

    Encadernación 7

    Encadernación 7

  • Encadernación 8

    Encadernación 8

    Encadernación 8

  • Encadernación 9

    Encadernación 9

    Encadernación 9

Enderezo

Muchiqueira, Nº 24 . A Mourela

15579 Neda

A Coruña

  • Teléfono: 981 347 285 / 609 810 235
  • Fax: 981 347 285