Tallart

O obradoiro Tallart dedícase, dende Prexigueiro (Ribadavia) á escultura en madeira, tanto no que se refire á talla decorativa en madeira e policromía ao óleo como á restauración de obras. Entre os seus produtos destacan pola súa orixinalidade os cadros en relevo " algúns deles de importantes dimensións " as figuras e iconografías de todo tipo, e mais a creación de cadeirado e os acabados para mobles ou para a restauración en madeira, co que volve á vida pezas e motivos deteriorados polo paso do tempo.

Tallart tamén lle ofrece aos clientes a posibilidade de reproducir en madeira aquelas imaxes que desexen. Estas reproducións fanse a partir dunha fotografía, dunha figura ou mesmo dun deseño.

Outra liña de produtos deste obradoiro son os regalos corporativos e de empresa, que se elaboran coidadosamente, a través de técnicas e de estilos variados que lle permiten crear un amplo repertorio de pezas.

Tallart asiste habitualmente a feiras de artesanía e realiza demostracións do seu traballo no propio obradoiro, unha actividade que atrae a atención dos visitantes.

Artesanía Única

Unha das especialidades deste obradoiro, e que máis éxito está a ter entre os seus clientes, é a talla de iconografía e mais a restauración de pezas de arte sacro. Son moitas as igrexas que contan con pezas de Tallart ou con altares, coros, imaxes, cadeiras ou columnas restauradas de xeito artesanal por este obradoiro.

 

As aptitudes para o debuxo e o dominio do oficio, froito da súa longa traxectoria profesional, permítenlle ao artesán José González deseñar calquera motivo que se propoña sen necesidade sequera de elaborar un deseño previo sobre o papel, senón que realiza o traballo da escultura directamente sobre a madeira coa que fará a peza final. "Teño a sorte de facer todo aquilo que me apetece e o que me encargan tamén", sinala o artesán.

José González Lorenzo está vinculado á arte dende neno: "para min era unha loucura, cando vía unha caixa de lapis tremía coa alegría", lembra. Dende moi novo descubriu as súas aptitudes para o debuxo que o levaron a realizar pinturas por encarga mesmo antes de comezar a se dedicar á artesanía.

Formouse como artesán a través da Escola Mestre Mateo e mais do traballo práctico no obradoiro dun profesor seu que era escultor. O seu paso pola escola débello ao consello doutro mestre que quedou abraiado coa destreza do seu traballo ao velo tallar unha "última cea" cando só contaba con 15 e non tiña formación previa.

Ao rematar os estudos en Santiago de Compostela, José regresou a Ribadavia para instalarse e montar o seu obradoiro.

Coñece máis

En Ribadavia había hai anos unha importante industria de elaboración de cadaleitos, que adoitaba encargarlle aos artesáns de talla de madeira a confección dos crucifixos, dos complementos que levaban os cadaleitos e mesmo dos acabados da madeira. Así e todo, cando o traballo requiría un acabado especial habíallelo que encargar a artesáns especializados doutras localidades, ata que José González comezou a dedicarse a este tipo de traballo. Aos 14 anos, José xa gozaba do recoñecemento dos tallistas da zona. "Parecía un futbolista de elite, todos me querían fichar".

 

  • Talla vendima

    Talla vendima

  • Detalle man

    Detalle man

  • Talla panorámica vendima

    Talla panorámica vendima

  • Talla crucificado

    Talla crucificado

  • Detalle prensa vendima

    Detalle prensa vendima

  • Talla paisaxe flores policromada

    Talla paisaxe flores policromada

  • Talla muller núa

    Talla muller núa

  • Talla policromada bodegón

    Talla policromada bodegón

  • Talla barco

    Talla barco

  • Detalle vendimador

    Detalle vendimador

  • Talla praza

    Talla praza

  • Talla crucificado detalle

    Talla crucificado detalle

Enderezo

Lugar, Prexigueiro, 127

32418 Ribadavia

Ourense

  • Teléfono: 988 472 094 / 686 744 472
  • Email: portalgv@mundo-r.com