Novas

A maridaxe entre gastronomía e artesanía de Galicia continúa esta fin de semana en Madrid no pop up “Saberes e Sabores”

2-6-2018

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, asistiu a unha cata de viños da denominación de orixe Valdeorras no marco deste evento que remata mañá e no que se amosan pezas de máis de 50 profesionais do sector artesán galego. No Palacio de Santa Bárbara poden visitarse tamén 16 expositores de produtos gourmet, ademais de talleres de oficios artesanais, showcookings de reputados cociñeiros galegos, degustacións e presentacións de produtos.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o Pop Up Galicia. Saberes e Sabores, que se celebra ata mañá domingo en Madrid, e que está a ter moi boa acollida por parte do público. Vázquez Abeal asistiu a unha cata de viños da denominación de orixe Valdeorras “Un brinde de sensacións”, a cargo do Consello Regulador de dita denominación, que se repetirá mañá ás 18:30 horas.

Desde o pasado 25 de maio, o Palacio de Santa Bárbara no que se desenvolve o evento encheuse de público interesado nas pezas dos máis de 50 profesionais da Artesanía de Galicia que se expoñen, así como nos 16 expositores de produtos gourmet galegos e nos 12 do sector artesán, nos talleres dedicados aos oficios de artesanía, nas catas e presentacións de produtos así como nos showcookings dirixidos por catro cociñeiros galegos de prestixio, e na Terraza Galicia, aberta de 12:00 a 23:00 horas todos os días.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Artesanía de Galicia e en colaboración con Galicia Calidade, organiza este evento no que se presenta unha selección da mellor gastronomía galega e de Artesanía de Galicia, co obxectivo de facer sentir Galicia en Madrid durante uns días. En toda a programación destaca a aposta por amosar os oficios artesanais e a súa incorporación á presentación de produtos gourmet e da alta cociña galega, a través de catas, presentacións e showcookings. Os cociñeiros de grupo Nove, Lucía Freitas, Iñaki Bretal e Juan Crujeiras, así como o chef Jorge Gago, presentaron os seus pratos en pezas de cerámica e olería, madeira, acompañados por pezas de téxtil, coitelos artesanais, cestas tradicionais e cestos en corda de algodón.

Dentro da programación desta fin de semana, o obradoiro de Percusión Tradicional Sanín (Santiago de Compostela) dirixe un taller de elaboración de pandeiretas esta tarde de 17:30 a 21:30 e ofrecerá demostracións do seu oficio hoxe pola mañá e o domingo en horario de mañá e tarde. Pola súa banda, a ceramista Susana González Amado dirixe esta fin de semana un taller aberto para familias sobre torneado cerámico, en horario de mañá e de tarde. A programación complétase coa cata de viños de Adegas Celme prevista para o domingo ás 13:00 horas. A Tenda Pop Up Galicia, Saberes e Sabores estará aberta hoxe de 12:00 a 23:00 horas e mañá domingo de 12:00 a 21:30 horas.