Novas

A Xunta destaca o labor de impulso do Colexio e a Federación de Xoieiros a este oficio artesán

2-12-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron hoxe á Gala de San Eloi, na que se recoñece a traxectoria do ourive compostelán Ricardo Rivas. O encontro constitúe unha oportunidade para o recoñecemento público por parte do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia a colexiados e relevantes personalidades da sociedade galega.

A directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, participaron hoxe na Gala de San Eloi organizada polo Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia e pola Federación Galega de Xoieiros, no pazo Adrán de Teo (A Coruña), para conmemorar o patrón deste oficio artesanal. Na gala fíxose un recoñecemento público a xoieiros, entre os que se atopa o ourive compostelán Ricardo Rivas, así como a presentación da campaña de publicidade de Nadal.

A Gala San Eloi constitúe unha oportunidade para o recoñecemento público por parte do sector da xoiaría galega a profesionais e personalidades galegas a través da entrega das Seguetas de Prata e Ouro do Colexio Oficial de Xoiaría, así como da insignia de prata da Federación Galega de Xoieiros. Este ano as Seguetas de Prata por toda unha vida entregada á xoiería concedéronse a Senén Rodríguez Martínez (Joyería Senén, Lugo), a Hermesindo José Mosquera Fernández (Joyería Hema, Cangas) e a Pedro Villar Alonso (Relojería Villar, A Pobra de Trives). A segueta de ouro foi para César Blanco Fidalgo, pola súa especial traxectoria como empresario do sector xoieiro.

Pola súa parte, a Federación de Xoieiros entregoulle a insignia de prata ao ourive compostelán Ricardo Rivas, ao engastador coruñés Antonio Rama Duro e ao empresario lucense José Antonio Refojo Díaz.

Desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria destácase o importante labor do Colexio Oficial de Xoiería de Galicia en favor do sector e a súa implicación ao longo dos últimos anos en diferentes proxectos emprendidos polo goberno galego en materia de artesanía, co obxectivo de impulsar a introdución do produto artesán galego no mercado internacional baixo a imaxe común do feito en Galicia e a garantía de calidade e prestixio que lles brinda a marca Artesanía de Galicia.