Novas

A Xunta impulsa con 1M€ a incorporación de talento á Artesanía de Galicia

27-2-2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentou en Santiago o programa de formación dual que hoxe se publica no DOG e que permitirá que 80 aprendices se instrúan nas técnicas artesanais nos propios obradoiros. Vázquez Abeal visitou El taller de Fer, que incorporou grazas á convocatoria do ano pasado un bolseiro con estudos de artes plásticas e deseño. En total, 48 aprendices aprenderon oficios como a xoiería, a cerámica, a construción de instrumentos musicais, cestería, encadernación, marroquinaría, vidrería, tecidos e construción tradicional de embarcacións. Os alumnos, que deben contar con titulación de formación profesional ou grao, poden solicitar a Carta de Artesán ao remate do período formativo. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de setembro e as axudas iranse concedendo segundo a orde de presentación.

A Xunta destina un millón de euros a unha nova edición do programa para impulsar a incorporación de talento á Artesanía de Galicia a través da formación de aprendices, contribuíndo así á creación de riqueza e emprego e posibilitando a transmisión das técnicas artesanais para, deste xeito, garantir a remuda xeracional nestas profesións. Tal e como informou hoxe a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, nunha visita a El taller de Fer, prevese que grazas a esta iniciativa se poidan formar un total de 80 persoas.

A iniciativa, que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, aposta pola formación dual, é dicir, tanto teórica como práctica, impartida nos propios obradoiros artesanais baixo a supervisión dun titor coa formación e experiencia necesarias.

Ao remate do período formativo, a empresa terá que expedir un certificado ao bolseiro acreditativo das horas, período e contidos de dita formación. Os alumnos, que deberán contar con titulación de formación profesional ou grao, poderán solicitar a Carta de Artesán ao remate do período formativo.

En 2018, o programa formativo desenvolveuse en 44 obradoiros artesáns con 48 bolseiros aprendendo un oficio artesán, 31 dos cales foron mulleres. O 90% dos aprendices participaron no programa formativo ata o máximo de 12 meses, e os oficios transmitidos foron, entre outros, xoiaría, cerámica, construción de instrumentos musicais, cestería, encadernación, marroquinaría, vidrería, tecidos e construción tradicional de embarcacións.

Un dos obradoiros beneficiados o ano pasado foi El taller de Fer, cuxo traballo coñeceu hoxe de preto a directora xeral de Comercio e Consumo. Esta tenda-obradoiro de artesanía en coiro que elabora e vende as súas pezas nun local situado na compostelá rúa de San Pedro incorporou un aprendiz con estudos de artes plásticas e deseño na Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Mestre Mateo.

Requisitos

Segundo se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG, son os artesáns e os aprendices os que subscriben o acordo de formación para levar a cabo as prácticas non laborais, de ata 12 meses de duración. A Xunta achegará a cada obradoiro o 90% do salario mínimo a percibir polos bolseiros, mentres que o 10% adicional dependerá do propio obradoiro. A maiores, as empresas artesás recibirán 200 euros mensuais para cotizacións sociais, materiais e funxibles no caso dos bolseiros que realicen unha xornada de 20 horas semanais, e de 400 euros mensuais no caso dunha xornada de 40 horas semanais.

As empresas artesás participantes no programa deben estar inscritas no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e se contan con seis ou máis traballadores, poden solicitar ata dous aprendices. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de setembro, ou ata o esgotamento do crédito, xa que as axudas se irán concedendo segundo a orde de presentación.

O sector da artesanía na Comunidade galega está en auxe con preto de 3.000 artesáns rexistrados e 550 obradoiros, dando emprego a máis de 5.000 persoas. Este ámbito estase a consolidar como unha vía de dinamización económica e turística, especialmente no ámbito rural.