Novas

A Xunta promove a diversificación do traballo das redeiras da Guarda con iniciativas de formación

28-11-2015

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, visitaron hoxe o curso que está a impartir a artesá especializada en bixutería Alicia González. Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar colaboran no desenvolvemento de actividades centradas en deseño e complementos de moda, técnicas de enfiado e fotografía que teñen lugar tamén en Corme.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, visitaron hoxe na Guarda o curso de formación para redeiras que está a impartir a artesá especializada en bixutería Alicia González. A iniciativa forma parte das novas actividades formativas impulsadas en colaboración pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar coas que se sigue afondando na promoción da diversificación profesional das redeiras artesás de Galicia.

Con este obxectivo, estanse a celebrar seis cursos organizados pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño tanto na Asociación de redeiras Atalaia da Guarda como en Corme. As accións formativas céntranse no deseño de pezas específicas e na mellora da elaboración de complementos e presentación dos productos co fin de mellorar a comercialización dos artigos elaborados polas redeiras artesas de Galicia.

Onte e hoxe celébrase na Guarda o curso de “Técnicas de enfiado para redeiras”, que xa tivo lugar a semana pasada na Asociación de redeiras Illa da Estrela na localidade de Corme. O obxectivo deste curso é a mellora da calidade, a aprendizaxe de novas técnicas e a elaboración de novos produtos de bixutería.

O fotógrafo alemán residente en Lugo, Peter Schneider, impartirá o curso “Fotografía aplicada á artesanía” en Corme os días 12 e 13 de decembro e a continuación na Guarda os días 18 e 19. Con esta actividade búscase a adquisición de coñecementos e técnica que permitan realizar fotografías de calidade das pezas que elaboran as redeiras e a súa posta en valor a través de publicacións en webs e redes sociais ou comercio online.

A deseñadora galega Montserrat Álvarez, directora do estudo de deseño de Ronan y Erwan Bouroullec de París, impartirá entre o 3 e o 30 de decembro na Guarda o curso “Deseño e produción de novos produtos de bixutería para redeiras” onde a través das técnicas e das súas posibilidades de traballo elaborarán unha nova liña de bixutería con novos materiais que permitirá ampliar o mercado das profesionais deste sector da artesanía galega.

Na localidade coruñesa de Corme a deseñadora de moda Rosalía Castro impartirá o curso “Deseño e produción de novos complementos de moda para redeiras” co fin de achegarlles novas técnicas que potencien novos produtos de complementos vinculados ás tendencias e á moda actual.

A formación e a colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forman parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016.