Novas

Os produtos artesáns e a alta cociña galega van da man mañá e o luns na Coruña nas xornadas Artesanía no Prato

26-10-2019

ExpoCoruña acolle a segunda edición deste encontro no que se presentarán pezas de 41 obradoiros artesanais para empregar na hostalería e na restauración Contarase coa colaboración dos chefs Lucía Freitas, Iván Domínguez, Pablo Pizarro, Miguel González, Pablo Morales e Cristian Santiago Breijo. O obxectivo é afondar na interrelación entre artesanía, deseño e gastronomía, dando a coñecer o potencial das pezas artesás como soporte das creacións culinarias.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia, organiza as segundas Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, que se celebrarán por primeira vez na Coruña mañá domingo e o luns, en horario de 11 a 21,30 horas, en Expocoruña. As xornadas consolídanse nesta segunda edición como un evento de referencia para a promoción e comercialización do produto artesanal galego, fomentando un espazo creativo desde o que se desenvolverán experiencias que evidenciarán o potencial do valor da artesanía no ámbito da hostalería e a restauración.

O número de obradoiros participantes increméntase ata sumar un total de 41 talleres artesanais, dos que 23 é a primeira vez que toman parte nestas xornadas buscando ampliar a proxección das súas pezas. Exporán unha selección dos seus produtos, focalizando a atención na experimentación con novos materiais, que permitirán estreitar lazos profesionais, crear novos contactos e servir como xermolo de proxectos futuros no eido da cociña e a restauración. Os obradoiros artesanais que presentarán os seus produtos nesta edición das Xornadas Artesanía no Prato representarán ao sector da cerámica, téxtil, madeira, cestería, coitelería, vidro, xoiería, así como dos ámbitos da decoración e escaparatismo, arranxos florais, serigrafía e ilustración.

O espazo de artesanía estará aberto ao público xeral, mentres que os profesionais que queiran acceder ao espazo de cociña, no que se realizarán showcoockings a cargo de chefs de prestixio que empratarán en soportes de artesanía, deberán facelo con invitación previa.

Estas xornadas enmárcanse no proxecto Artesanía no prato, polo que a Fundación de Artesanía de Galicia vén de ser seleccionada como finalista dun dos Premios Nacionais de Artesanía. Iniciado en 2013, ten como finalidade xerar unha interrelación entre artesanía, deseño e gastronomía, dando a coñecer o potencial das pezas artesás como soporte das creacións culinarias. No marco desta iniciativa, achéganse os produtos dos obradoiros artesáns galegos aos campos da gastronomía, hostalería e restauración. Apóstase pola calidade, a innovación e a creatividade, fomentando experiencias con novos soportes e materiais. Froito deste proxecto, máis de 40 artesáns están a traballar con cociñeiros galegos e nacionais, así como con grandes empresas distribuidoras de enxoval para hostalería.

O programa de actividades permitirá aos visitantes, tomar contacto cunha oferta da artesanía galega actual que pon en valor a cultura e os valores tradicionais pero tamén coa mirada posta no futuro. No evento maridaranse a cociña e a artesanía galega nun espazo de diálogo creativo, no que as novas propostas artesanais se presentarán ao longo dos dous días de celebración do evento a cargo de cociñeiros de prestixio. Celebraranse showcoockings a cargo de Iván Domínguez, do restaurante Nado (A Coruña) e Miguel González, do H. Rústico San Jaime (Ourense) na xornada do domingo, e de Lucía Freitas, da Tafona (Santiago) e Pablo Pizarro, de Bocanegra (A Coruña) o luns. Así mesmo, Cristian Santiago Breijo, de Marea Restaurante (Cariño) farase cargo da Sesión Vermú do domingo e Pablo Morales, de Hazabiro Concept (A Coruña) dun Taller Brunch o luns.

Artesáns

Nos artesáns participantes os produtos cerámicos estarán representados por Arobe Cerámica (A Coruña), Branqueta (A Coruña), Carmen Isabel (Malpica de Bergantiños, A Coruña), Cerámica Unzueta (Brión, A Coruña), COPIA_cerámica (Santiago de Compostela), Fani Sánchez Barreiro (A Coruña), Lanalutum (Lugo), Laura Delgado Cerámica (Cambre, A Coruña), Manuel Figueiras Cerámica (Muros, A Coruña), Mi madre no me deja (Lugo), Misoco (Vigo, Pontevedra), Obradoiro Fernando Porto (A Estrada, Pontevedra), Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños, A Coruña), Ojea Studio (Vigo, Pontevedra), Raposiñas. Cerámica feita devagar (A Pobra do Caramiñal, A Coruña), Rectoral de Gundivós (Sober, Lugo), Regal Cerámica Artesán (Viveiro, Lugo), Verónica Moar. Cerámica (A Coruña), Víctor Ares (A Coruña) e Witchneeds/Ana Tenorio (Vigo, Pontevedra).

Do ámbito da decoración e o escaparatismo participarán Almudena Rodríguez Giráldez/ Denadinteriores (Santiago de Compostela) e Spacio b (Teo, A Coruña). Ademais darase a coñecer Floriforma (Teo, A Coruña) con arranxos florais, as serigrafías de Amorote printing workshop (Ames, A Coruña), as ilustracións de Iria Prol Studio (Xinzo de Limia, Ourense) e a xoiería de Yanet Ruiz (Xinzo de Limia, Ourense). O vidro estará representado por Arteviares/Cristalería El Reflejo S.L. (A Coruña) e Poloenríquez (Cambre, A Coruña), e os coitelos serán de Celso Ferreiro (A Fonsagrada, Lugo) e Cuchillos A. Castro (O Barco de Valdeorras, Ourense).

Pola súa banda, os artesáns da madeira son Atalanta Madera (A Estrada, Pontevedra), Ilex Talla (Santiago de Compostela), Lorenzo Design (Santiago de Compostela) e Xar Arte en Madera (Vigo, Pontevedra). As pezas de cestería son de Idoia Cuesta (Outeiro de Rei, Lugo), e La Parabólica/Julia de la Cal (O Porriño, Pontevedra), mentres que o téxtil estará representado por Belategui Regueiro (Cambre, A Coruña), BRIA concept (Mondoñedo, Lugo), Degerónimo (Santiago de Compostela), Roundie & Colors (Abegondo, A Coruña), e 2.i Uniformes para profesionales (Lugo).